DO XACEMENTO Ó MUSEO
O proceso de recuperación patrimonial no Castro de Viladonga
Museo do Castro de Viladonga
También en español

1.- O SITIO ARQUEOLÓXICO COMO PATRIMONIO CULTURAL E COMO DOCUMENTO HISTÓRICO

Un xacemento ou sitio arqueolóxico, calquera que sexa o seu carácter (asentamento habitacional ou defensivo, enterramento illado ou necrópole colectiva, área construída ou sinxela ocupación temporal…) é sempre un elemento patrimonial, é dicir, é un ben cultural que pertence, en última instancia, a toda a sociedade, sen prexuízo da súa posesión inmediata por parte dunha entidade pública ou dun propietario privado.

Ademais, ese mesmo xacemento arqueolóxico constitúe un documento histórico de primeira man. É unha importante fonte de información e forma parte da memoria histórica que cada comunidade ten de seu e que, polo tanto, debe estudar, protexer e transmitir ás xeracións vindeiras.

Esta Exposición quere explicar cales son os traballos necesarios para resaltar aqueles valores, tanto o patrimonial (o xacemento e os seus restos e achados como bens culturais), coma o científico (o sitio e as pezas como documentos para elaborar e interpretar a historia).

Este labor conforma un proceso que vai desde os traballos de campo no sitio ata a súa presentación para o público, pois é a sociedade, que sustenta e sufraga eses traballos, a que, en última instancia, ten que usar e disfrutar ese patrimonio arqueolóxico, aproveitándose do seu estudo e da súa posta en valor.

2.- ¿POR QUE EN VILADONGA E NON NOUTRO SITIO?

A súa presenza preminente na paisaxe e o feito de que neste Castro se atopara casualmente un torques de ouro en 1911, levaron a Ramón Falcón, como Subdirector General de Bellas Artes a propoñer a Manuel Chamoso Lamas o inicio de escavacións arqueolóxicas neste sitio a partir do ano 1971. Aquel torques, hoxe na colección Gil Varela exposta no Museo Provincial de Lugo, sería o primeiro dos moi numerosos achados, de estructuras e de pezas, que desde entón ata o presente se veñen producindo neste xacemento arqueolóxico, habitado en época castrexa e galaico-romana, entre o século I antes de Cristo e o V da nosa Era, polo menos.

Sen embargo, actualmente a decisión de escavar nun sitio arqueolóxico debe estar motivada por razóns máis obxectivas, sexan de carácter científico (para resolver problemas históricos) ou debido a ameazas de desfeita ou de intervención agresiva.

Manuel Amor Meilán recolle unha vista xeral do Castro de Viladonga (no alto) e da Rodela de Balmonte (abaixo á dereita), a comezos do século XX e obtida desde a estrada que vai a Balmonte, Ansemar, Goberno e Castro de Rei.

3.- A ESCAVACIÓN ARQUEOLÓXICA

No caso de Viladonga, os habituais traballos de campo para prospectar e localizar outros xacementos, que ás veces inclúen catas ou sondeos que son previos a unha escavación extensa en área, vanse desenvolvendo ó longo das distintas fases de estudo e de recuperación patrimonial deste conxunto.

Unha vez decidido o lugar obxecto dos traballos arqueolóxicos, sexa neste Castro ou noutro xacemento, o proceso de escavación é o seguinte: sempre baixo a dirección e responsabilidade dun técnico arqueólogo, o equipo de traballo roza o espacio escollido e delimítao, xeralmente en cuadrícula, segundo unhas coordenadas determinadas polo topógrafo e que servirán para o control de todos os achados que se produzan.

Procédese logo a escavar o terreo en sucesivos niveis, estratos e capas, rexistrando de modo exhaustivo nun diario todos os restos que nos proporciona esta limpeza e desaterramento: estructuras (muros, pavimentos, lareiras...), artefactos (restos materiais feitos polo home), ecofactos (restos naturais ou animais), etc.

Este rexistro, que ten que complementarse con fotografías, debuxos, planos e todo tipo de material gráfico, é fundamental para non perder ningún dato ou información útil para o estudo deste xacemento, xa que, en boa medida, toda escavación supón unha "destrución" ou un cambio no terreo removido.

4.- ¿QUE SE PODE ATOPAR NO XACEMENTO?

A escavación proporciónanos información sobre as estructuras defensivas e sobre zonas e lugares de habitación (co seu fogar ou lareira), de traballo, de reunión, de almacén ou dos currais para os animais. Asociados a estes distintos espacios e construcións do xacemento, que poden estar moi derramadas polo paso do tempo, atópanse tamén moi diversos materiais, completos ou fragmentados, utilizados para o traballo doméstico, artesanal ou agropecuario, para o adorno persoal, e mesmo para o uso comunitario, ás veces de carácter simbólico ou ritual.

Todos estes achados, convenientemente estudados e interpretados, permítennos coñecer os modos de vida da comunidade histórica que ocupou, neste caso, o Castro de Viladonga, hai case dous mil anos e durante un período que durou máis de seis séculos.

5.- O PROCESO DE RECUPERACIÓN PATRIMONIAL NO CASTRO

As estructuras e construcións que chegaron ata os nosos días no xacemento esixen un esforzo para a súa conservación, tratando de respectalas e consolidalas sen inventos nin recreacións fóra de lugar. En cambio, os obxectos achados trasládanse ó Museo, pola imposibilidade de mantelos ó aire libre e dado que as agresións humanas ou os diversos axentes de deterioro poderían botalos a perder.

Na propia escavación e cando así o require o seu estado de conservación, desde o momento da aparición dos materiais e antes do seu traslado ó Museo, xa se realiza unha intervención de urxencia para a súa adaptación ás condicións medioambientais, pois logo de pasar centos ou miles de anos enterrados poden sufrir deterioracións varias.

Os obxectos atopados límpanse, clasifícanse, márcanse cunha sigla ou número para a súa identificación e, por último, rexístranse nun inventario para poder estudalos e catalogalos con todos os datos necesarios.

6.- O TRABALLO NO MUSEO: A DOCUMENTACIÓN DO PATRIMONIO ARQUEOLÓXICO

Os traballos de documentación dos obxectos que entran no Museo, neste caso procedentes dunha escavación, poden agruparse en tres fases, que ben poden ser coincidentes: unha vez inscritos no Libro de Rexistro, elabórase logo o Inventario de todos os materiais coa súa numeración e cunha descrición o suficientemente clara para a súa identificación e localización.

O proceso final consiste no estudo ou catálogo pormenorizado destes restos materiais, coas suas pertinentes reproducións gráficas, o que permite o control permanente do seu estado de conservación, documentando tamén o seu contexto de aparición e recorrendo, se é posible, á análise comparativa con outros xacementos para a súa comprensión histórica. Toda esta información recóllese nunha ficha catalográfica, que adopta un modelo homologado para os museos que xestiona a Xunta de Galicia.

7.- AS MEDIDAS DE CONSERVACIÓN PREVENTIVA

Todo este patrimonio arqueolóxico precisa dunhas medidas preventivas para a súa conservación, que permita o seu estudo e transmisión a xeracións futuras.

As causas principais do deterioro destes bens son: unha temperatura e/ou unha humidade relativa inadecuadas, unha iluminación excesiva, unha manipulación incorrecta ou neglixente, e tamén accións naturais e humanas como incendios, vandalismo, roubo, falta de coidados, etc.

Para combater estes problemas hai que extremar as medidas de seguridade e conservación, para as que o Museo conta cunha infraestructura necesaria (unhas instalacións adecuadas) e un persoal especializado, tanto técnico como de vixilancia, para o seu seguimento e control.

8.- A RESTAURACIÓN COMO RECURSO FINAL

Algunhas veces, o estado de conservación das pezas é tan precario e fráxil que para permitir tanto a súa documentación científica como a súa utilización patrimonial, é preciso realizar non só labores de conservación preventiva senón tamén, e só se é necesario, un traballo de restauración ou reintegración.

Nestes casos, estúdase o obxecto (a súa composición e estructura físico-química, o seu proceso de elaboración, o seu contexto medioambiental...) co fin de diagnosticar ben os danos e as súas causas, para logo poder elixir o tratamento máis adecuado.

Os criterios prioritarios na restauración son: o respecto ó orixinal, a intervención mínima precisa, a diferenciación do reconstruído e a necesidade de documentar moi ben todo o proceso, información que se engade á respectiva ficha catalográfica da peza.

Actuacións como a limpeza, a consolidación ou o pegado realízanse nas pezas que o precisan, nun proceso no que as condicións particulares de cada obxecto determinan as distintas fases do seu tratamento.

A reintegración ou reconstrución só se leva a cabo para facilitar a comprensión ou a conservación do obxecto. Un paso fundamental para a reconstrución da peza é a realización previa dun debuxo que desenvolva a súa forma inicial.

9.- O PERSOAL RESPONSABLE DOS TRABALLOS DE RECUPERACIÓN E TRANSMISIÓN PATRIMONIAL

Para a realización de todos estes traballos, no Castro de Viladonga existe un equipo interdisciplinar no que se distribúen as diferentes responsabilidades.

Como museo que é, existen diversas áreas ou departamentos que se encargan das funcións propias dun centro que ten que atender non só á recuperación do patrimonio arqueolóxico senón tamén á súa transmisión a toda a comunidade social.

Así, son igual de importantes os servicios de documentación, de investigación, de conservación e de acción didáctica e comunicación, así como os de reprografía ou de biblioteca, e mesmo os de xestión e mantemento. Ademais, é fundamental o papel do persoal de atención ó público e de vixilancia, tanto no Museo coma no Castro.

10.- A SELECCIÓN DE MATERIAIS PARA A EXPOSICIÓN

Aínda que todos os materiais arqueolóxicos son importantes polo seu valor científico e patrimonial, a imposibilidade de expoñelos todos obriga a facer una moi coidada selección. O seu valor como documento histórico, a súa singularidade, o seu estado de conservación e, en último caso, o seu valor estético son os criterios utilizados para escoller os obxectos da exposición permanente, de xeito que esta sirva para transmitir a información que pretende dar o Museo. Esta información debe ser accesible e global para que todo tipo de público poida entender, a partir das pezas e doutros elementos expositivos, os distintos aspectos e modos de vida da comunidade que vivía neste Castro.

Os numerosos fondos non expostos gárdanse de maneira igualmente ordenada nas salas de reserva ou almacéns (en armarios compactos), pois, ó seren tamén patrimonio arqueolóxico, a súa conservación, documentación e control é igual de importante.

11.- A DEVOLUCIÓN DOS TRABALLOS PATRIMONIAIS Á SOCIEDADE

Ademais da exposición permanente, que transmite a información científica que se elabora no Museo co apoio de textos, maquetas, debuxos ou fotografías, pensando no uso e disfrute do patrimonio cultural por parte do público visitante, utilízanse outros recursos como exposicións temporais itinerantes - complementarias do discurso permanente do Museo -, así como publicacións científicas e divulgativas, actividades culturais diversas, reproducións de pezas, presenza en Internet, etc.

Asimesmo, o Museo do Castro de Viladonga ofrece un Programa de Acción Didáctica que facilita e complementa as visitas de escolares dos distintos niveis educativos.

Gracias ós traballos de recuperación, conservación e estudo dos restos arqueolóxicos, o Museo pode transmitir a toda a sociedade como eran a vida e os costumes dos habitantes deste Castro, e por extensión, dar a coñecer a cultura castrexa e galaico-romana.

Pero todo este traballo non tería éxito se esa mesma sociedade non comprendese a importancia dos valores que ten o Patrimonio Cultural, como memoria histórica, como signo de identidade, como recurso social, turístico e incluso económico e, en fin, como conxunto de bens que, legal e moralmente, está obrigada a legar ás xeracións futuras.





Folleto e tapas
Cartel A3


 

CRÉDITOS

DO XACEMENTO Ó MUSEO
O proceso de recuperación patrimonial no Castro de Viladonga
Museo do Castro de Viladonga (Castro de Rei, Lugo)
7 de setembro - 31 de decembro de 2004

Coordinación Xeral
Felipe Arias Vilas

Documentación e elaboración
Elena Varela Arias
Filomena Dorrego Martínez
Mª Consuelo Durán Fuentes
Carolina Pérez Pérez
Marta Cancio Martínez

Debuxos
Marta Cancio Martínez

Fotografías
Arquivo do Museo do Castro de Viladonga
Gerardo Gil (Icono SC)

Deseño e montaxe
Itinere - Servicios Expositivos Integrais

Versión electrónica
Enrique Jorge Montenegro Rúa
http://www.aaviladonga.es/ga/exp-xacemento-museo.htm