Voltar

 

A Asociación de Amigos da Feira de Castro de Rei preparou, despois de traballar arreo, unha Rota de Sendeirismo que vai desde o Castro de Viladonga ata a capital do concello, Castro de Rei (ou viceversa).

Esta rota, aberta e sinalizada desde xuño de 1998, atravesa zonas de monte subindo ata o Cordal e vai logo polas beiras do río Azúmara (do que toma o seu nome), a carón de vellos muíños e singulares pontellas entre outras mostras de arquitectura popular, nun entorno onde aínda é posible disfrutar da vexetación autóctona galega.

O camiño pasa tamén a través das antigas instalacións da mina de pirita arsenical de Toxeiros Vellos, na que se acondicionou incluso a boca da galería que levaba cegada desde os anos corenta.

A Rota do Azúmara, que pode seguirse utilizando un folleto de man escrito polo autor lucense Lois Diéguez, é un exemplo de colaboración entre veciños para a potenciación e promoción dos valores naturais, patrimoniais e mesmo turísticos dunha comarca histórica como a de Castro de Rei.