M U S E O
ARQUEOLÓXICO
DO CASTRO DE
VILADONGA

PROGRAMA DE ACCIÓN DIDÁCTICA

INTRODUCCIÓN
 

     Considerando que o Museo pode e debe ser unha ampliación das aulas, incluso entendendo a súa visita ó mesmo como "actividade extraescolar", este MUSEO ARQUEOLÓXICO DO CASTRO DE VILADONGA ofrece un Programa de Acción Didáctica dirixido, por un lado, a fomenta-lo coñecemento do xacemento castrexo e galaico-romano de Viladonga e do seu Museo, e por outro, a facilitar e potencia-las actividades sobre os mesmos.

     Coa Unidade Informativa para o profesorado e as Fichas de traballo para o alumnado que aquí se facilitan a xeito de suxerencia, inténtanse que os Centros Escolares (de Ensino Primario, Secundario ou de Bacharelato, por medio das súas Áreas, Departamentos ou Seminarios correspondentes), programen e preparen previamente as visitas, cadaquén ó seu nivel escolar, podendo tamén estender esta actividade educativa a traballos, enquisas, redaccións, debuxos, etc., feitos antes ou despois daquelas. Déixase, pois, a discreción do Profesorado a elección e deseño dos traballos e actividades a realizar, tanto desde o punto de vista dos contidos conceptuais coma no que refire ós aspectos procedimentais e actitudinais. En calquera caso, sería de moita utilidade para este Museo coñece-las reaccións, motivacións, respostas e experiencias ás que se poida chegar neste sentido, tanto a nivel global como a título individual, de profesor/es e/ou alumnos. A este respecto, agradecerase a cumprimentación, por parte do Profesorado, da Folla de Evaluación que acompaña este Programa de Acción Didáctica.

     A finalidade deste Programa é axudar a completa-las ensinanzas recibidas nas aulas cun tipo de actividade didáctica de carácter práctico, como introducción á investigación histórica, en contacto directo, neste caso, cos materiais arqueolóxicos como fonte que son de coñecemento da Historia e, en concreto, da Cultura Castrexa e Galaico-romana.

     Diríxese, ademais, a facer coñecer ó alumno unha parte importante do Patrimonio Cultural de Galicia, co fin de que se poida valorar, protexer, entender e conservar como é obrigado moral e legalmente, e axudar así a evita-la súa degradación ou desaparición.

CONDICIÓNS IDÓNEAS PARA AS VISITAS

     As visitas de Grupos Escolares de calquera nivel deben anunciarse con antelación (Telf.: 982 - 314 - 255. Fax: 982 - 314 - 194. Web: http://www.aaviladonga.es/ga/padc.htm), tendo en conta as seguintes normas:

     Deben facerse grupos, a poder ser homoxéneos, non superiores a 35/40 persoas, en razón do propio espacio físico do Museo e para favorece-lo aproveitamento didáctico da visita. En caso de que o grupo fose máis numeroso, deben facerse subgrupos, turnándose para ve-lo xacemento uns mentres outros ven o Museo e outros un Vídeo, sempre con cadanseus Profesores responsables.

     A título orientativo, pénsese que a visita completa ó Museo pode levar uns 25/30 minutos (e 25 máis se se quere ver un Vídeo), e ó Castro outros 20/25 aproximadamente, podendo reducirse ou ampliarse loxicamente a duración da visita segundo as conveniencias de cada caso.

     O Museo abre tódolos días da semana ininterrompidamente de 10 a 20 horas. As condicións de entrada poden variar conforme á normativa vixente en cada momento, pero en principio a entrada para Grupos Escolares é sempre gratuita solicitándoo ó Museo previamente ou no momento de facela. A visita ó Castro é libre e gratuita en todo momento.

O XACEMENTO

     O Castro de Viladonga (no concello de Castro de Rei, -Lugo-, e situado a 23 Km. ó N.E. de Lugo pola estrada de Asturias, N-640), é un xacemento que ocupa toda a coroa dun monte a 550 m. de altitude, abranguendo unhas 4 hectáreas entre as súas murallas máis exteriores, cunha acrópole ou croa central duns 100 x 95 m. nos seus eixos.

     É un verdadeiro modelo formal de Castro, pois ten murallas, foxos, croa e antecastros. A súa monumentalidade e os achados producidos casualmente (coma un torques de ouro aparecido en 1911), induciron a que desde 1971 a 1978 se realizasen en Viladonga escavacións e traballos arqueolóxicos, poñendo ó descuberto varias estructuras de habitación na croa así coma defensivas e doutro tipo. A partir de 1982 continuáronse os traballos no Castro, limpando, consolidando e proseguindo as escavacións arqueolóxicas.

     Entre os achados producidos poden destacarse: ferramentas e armas de ferro, de pedra e de bronce (algunhas únicas na súa tipoloxía), unha gran cantidade e variedade de apliques, broches, fíbulas e febillas, arreos de cabalería, así como todo tipo de útiles, outro torques de ouro, contas de colar, un anel de ouro e outros de acibeche e bronce, dous áureos do emperador Arcadio (entre numerosas moedas como antoninianos, semisses, e folles de bronce dos s.III e IV), dous taboleiros de xogo e, por suposto, unha gran abundancia de cerámica de tradición castrexa, amáis de común romana e terra sigillata (cerámica de mesa romana, - sudgálica, hispánica e tardía -), así coma innumerables tégulas e ímbrices das cubertas das construccións, outras das cales levaban a cubrición de palla ou colmo.

     Estes materiais, e as estructuras defensivas e de habitación coñecidas, evidencian un asentamento continuado e duradeiro, importante sobre todo en época galaico-romana tardía (s.III ó V d.C.), e fan deste Castro un sitio clave para estudiar, entender e coñece-lo desenrolo e evolución da Cultura Castrexa despois da conquista romana do Noroeste. Trátase, pois, dun Castro que coñece o seu auxe precisamente na etapa galaico-romana, pero conservando estructuras e materiais de tradición anterior, é dicir, dos castros da Idade do Ferro, tal como sucede noutros xacementos galegos (castros de Elviña, Sta.Trega, S.Cibrán de Las, etc.).

O MUSEO : CONTIDO E EXPOSICIÓN

     A importancia arqueolóxica e o interese histórico do Castro de Viladonga, máila cantidade e a calidade dos materiais aparecidos, e a necesidade de investigalos e expoñelos no seu propio contexto, fixeron que o Ministerio de Cultura crease en 1983 o Museo Monográfico do Castro de Viladonga, nun edificio que fora construído entre 1976 e 1978. O seu acondicionamento, instalación e montaxe fixéronse en 1985-1986, abríndose ó público en novembro deste último ano.

     Entre 1992 e 1994 realizáronse importantes obras de ampliación e reforma, con dotación dun novo edificio a continuación do xa existente. A súa xestión corresponde á Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

     O Museo do Castro de Viladonga ten que cumpri-las funcións conservadora, investigadora, didáctica e comunicativa que corresponden a este tipo de entidades.

     Cara ó público o Museo está estructurado en catro Salas:

     A Sala I (Medio Natural e Hábitat) amosa aspectos relacionados co medio natural no que se insire o xacemento; informa sobre o posible nivel prerromano do Castro, e explica a disposición e tipo de defensas, a organización do poboado, os tipos de construccións e os seus elementos. Poden verse materiais como quicieiras, pesas de colmo (cuberta vexetal), tellas curvas e planas, e incluso chaves. Todo isto exponse por medio de paneis, vitrinas e unha maqueta volumétrica, que facilitan a comprensión da ocupación do espacio no Castro e todo o relacionado coas súas construccións.

     A Sala II (Cultura material - 1) adícase ós elementos da vida común e da cultura material no Castro de Viladonga e, por extensión, na Cultura Castrexa e Galaico-romana: útiles e ferramentas de pedra, ferro e bronce, materiais domésticos como a cerámica castrexa e romana (e dentro desta, a común de cociña e de mesa e a "terra sigillata"), muíños manuais, armas e outros obxectos e instrumentos diversos.

Nesta Sala pode verse unha gran maqueta que reconstrúe o conxunto do poboado castrexo.

     A Sala III (Cultura material -2- e Crenzas) mostra os obxectos de vidro, adornos e apliques para persoas e cabalerías, xoias e aderezos, moedas (de ouro, prata e, sobre todo, de bronce), xogos, amuletos e outros materiais de feitura e uso moi diverso.

     A Sala de Información Complementaria resume a historia e o plan do Museo, e os traballos arqueolóxicos realizados no Castro desde 1971. Tamén pode atoparse nesta Sala, información global sobre a Cultura Castrexa, a época Galaico-romana, e sobre o contorno arqueolóxico do Castro de Viladonga. Todo isto ilústrase con mapas, deseños e fotografías, e unha pequena vitrina contén materiais arqueolóxicos da comarca.

     Ademais desta parte expositiva, existe unha Sala de Actos para a proxección de audiovisuais e vídeos, ou para conferencias, podendo tamén usarse como aula. Habitualmente hai Vídeos sobre a Cultura dos Castros, dispoñibles para ver nesta Sala.

BIBLIOGRAFÍA (A fundamental para o Castro e o Museo de Viladonga)

* M.CHAMOSO LAMAS: "Las excavaciones del Castro de Viladonga y la problemática que plantean sus resultados", Actas del Coloquio sobre el Bimilenario de Lugo, Lugo 1977, p.41-46.

* F.S.LÓPEZ GÓMEZ: "O folklore do Castro de Viladonga e da súa bisbarra", Actas del XV Congreso Arqueológico Nacional (Lugo 1977), Zaragoza 1979, p.623-630.

* J.M.CAAMAÑO GESTO-J.R.LÓPEZ RODRÍGUEZ: "Sigillatas del Castro de Viladonga", Gallaecia, 7-8, 1984, p.138-178.

* F.ARIAS VILAS: Castro de Viladonga.Campaña 1983 (Arqueoloxía.Memorias 2), Santiago de Compostela, 1985, 54 páxs.

* Castro de Viladonga (folleto, Ministerio de Cultura), Lugo 1989.

* F.ARIAS VILAS: "O proxecto de ampliación do Museo do Castro de Viladonga (Lugo)", Coloquios Galegos de Museos, Ourense-Vigo 1992, p.43-54.

* F.ARIAS VILAS / MªC.DURÁN FUENTES: Museo do Castro de Viladonga (Castro de Rei, Lugo) (guía), (Xunta de Galicia), Santiago de Compostela 1996.

* F.ARIAS VILAS: "Comunicación, didáctica e acción cultural. O caso do Museo do Castro de Viladonga (Lugo)", Administracións Autonómicas e Museos. Cara a un modelo racional de xestión, (Xunta de Galicia), Santiago de Compostela 1997, p.225-253.

* CROA. Boletín da Asociación de Amigos do Museo do Castro de Viladonga, (anual, desde 1991).

* e-Castrexo. Publicación electrónica para a divulgación das culturas castrexa e galaico-romana. (http://www.aaviladonga.es/e-castrexo/ga)

Bibliografía sobre Didáctica nos Museos Arqueolóxicos:

* A.GARCÍA BLANCO: Didáctica del Museo. El descubrimiento de los objetos, (Ed. de la Torre), Madrid 1988.

* MªC.FERNÁNDEZ OCHOA et aliae: Arqueología. Enseñar desde las raíces de la Historia, (Narcea de Ediciones-Inst.de Estudios Pedagógicos Somosaguas), Madrid 1990.

* VV.AA.: Los Museos en la Didáctica (Cuadernos IBER, nº 15, enero 1998), (Graó de Educación), Barcelona 1998.

NOTA ADICIONAL

Outros lugares susceptibles de visita na mesma ruta ou comarca:

- Lugo (Muralla, Catedral, Museo...)

- Lagos de Teixeiro-Monte Labio (área recreativa)

- Fonmiñá (río Miño), Meira (Mosteiro cisterciense), Pedregal de Irimia (nacemento río Miño)

- Cara ó Norte: Mondoñedo (Catedral e Museo Diocesano, casco histórico), e Vilanova de Lourenzá (Mosteiro e Museo de Arte Sacra)

- Cara ó Oeste, por Lugo: Sta.Eulalia de Bóveda (Monumento romano), Museo Etnográfico e Histórico de San Paio de Narla, Sobrado dos Monxes (Mosteiro), Cidadela (Campamento romano en escavación), etc.

- Cara ó Leste e Nordeste: Os Fornos da Pontenova-Vilaodriz (arqueloxía industrial), conxuntos etnográficos de Taramundi e Os Oscos, Museo Etnográfico da Fonsagrada, Castro de Chao Sanmartín (en escavación) e Museo Etnográfico de Grandas de Salime, etc.

* Existe unha Ruta de Senderismo sinalizada (Ruta do río Azúmara), duns 7'5 km., entre o Castro de Viladonga e a vila de Castro de Rei, pasando polo Monte Cordal, beiras do río, muíños, canles e túnel de antigas minas, etc.

Esquema cronolóxico aproximado da
PREHISTORIA E HISTORIA ANTIGA DE GALICIA

PALEOLÍTICO
(ate 8.000 - 7.000 a.C.)
Inferior
Medio
Superior
EPIPALEOLÍTICO/MESOLÍTICO (ca.7.000 - 5.000 a.C.)
NEOLÍTICO
Megalitismo (mámoas...)
ca. 3.000 a 1.800 a.C.
de 2.100 a 1.800 a.C.: primeira metalurxia
(Calcolítico/Eneolítico/Cultura Vaso Campaniforme -cobre, primeiro ouro)
IDADE DO BRONCE Bronce Inicial (Cobre): 1.900/1.800 a 1.500 a.C.

Bronce Medio: 1.500 a 1.100 a.C. (contactos con Centroeuropa, primeira ourivería...)

Bronce Final (Atlántico): 1.000 a 600 a.C., remata coa transición á Idade do Ferro / primeiros castros...

ARTE RUPESTRE
Petroglifos (gravados nas penas) segundo os tipos : animais e armas, máis antigos (Bronce); circulares e labirintos, máis recentes (Ferro); outros, incluso medievais
IDADE DO FERRO Castrexo I (s.VII - V a.C., transición Bronce-Ferro): chegada de influencias Cultura Castrexa centroeuropeas (célticas e menos célticas), e mediterráneas

Castrexo II (s.IV - II a.C., cultura dos castros característica): asimilación entre os elementos indíxenas e os aportes exteriores

Castrexo III (final s.II a.C. - comezos s.I d.C.): expedicións romanas: 137 a.C., Décimo Xunio Bruto / 60 a.C. Xulio César / 29-19 a.C., conquista romana do N.O. por Augusto.

GALAICO-ROMANA
en parte, tamén, Castrexa Romanización...
Altoimperial: s.I - II d.C. (Castrexo III/IV ata fins s.I d.C: organización CULTURA político-territorial, explotación económica...

Baixoimperial(tardorromana): s.III - V d.C.: plena romanización latinización e, logo, cristianización...

Chegada de pobos xermánicos: comezos do s.V, Suevos; finais do s.VI, Visigodos.

Asociación de Amigos do Museo