M U S E O
ARQUEOLÓXICO
DO CASTRO DE
VILADONGA

PROGRAMA DE ACCIÓN DIDÁCTICA
Ensino Secundario

UNIDADE INFORMATIVA


XUSTIFICACIÓN

     O obxectivo principal desta Unidade Informativa é axudar ó Profesor á hora de achegar os alumnos de Ensino Secundario á comprensión e ó coñecemento do Castro de Viladonga e, dun xeito xeral, da Cultura Castrexa e Galaico-romana. Para isto, suxírese só como unha das propostas posibles, unha serie de traballos baseados en Fichas, que leven ó coñecemento dos distintos elementos (estructuras in situ ou obxectos no Museo) que forman parte do Castro de Viladonga, así como da información arqueolóxica e histórica que nos dan. Proponse que o método a seguir sexa o do "descubrimento guiado", pois serán os nenos os que poden ir reconstruíndo a historia e a vida do Castro por medio dunha serie de "investigacións" sobre os distintos aspectos deste, e que pode ir relacionando con outros datos históricos de carácter xeral, ata chegar a entendelo dun xeito global, o que desembocará nunha mellor comprensión e coñecemento daquela longa e importante etapa da Historia de Galicia.

     Preténdese que o Castro de Viladonga actúe como elemento integrador e potenciador de grande parte dos coñecementos sobre a Cultura Castrexa e Galaico-romana, tentando que os alumnos entendan a Historia dun xeito máis activo e ameno; por outra banda, trátase de desenvolver unha serie de destrezas, hábitos e actitudes que poidan facer que se mostren interesados pola realidade histórica e o Patrimonio Cultural que os rodea, e mesmo como "investigadores" ou pescudadores daquela súa primeira Historia.

A PERIODIZACIÓN DA CULTURA CASTREXA

     Para facilitar a preparación da visita e das actividades no Museo, apórtase aquí unha síntese sobre o carácter e a evolución da Cultura Castrexa do Noroeste peninsular.

     A Cultura Castrexa, que abrangue propiamente desde o s. V a.C. ata o s. I d.C., pero que pervive (en canto a que se seguen ocupando castros) ata o s. V d.C., non é un concepto estanco e unitario ó longo da súa extensa duración e en todo o Noroeste peninsular, senón que hai unha evolución e uns cambios producidos, por un lado, pola propia dinámica interna desta Cultura, e por outro, polas influencias e impulsos procedentes do exterior.

     Sintetizando as teorías dos diversos autores, pódense distinguir catro períodos ou fases:

1.-Castrexo Inicial (s.VII - V a.C.): transición Idade do Bronce - Idade do Ferro, primeiros castros con estructuras pétreas (Torroso, Penalba, O Neixón Pequeno, Penarrubia, A Graña...).

2.- Castrexo Pleno (s.V - I d.-C.), con varias subfases (segundo algúns autores):

A) S.V - III a.C.: aparecen materiais de importación de procedencia fenicio-púnica e grega.

B) S.II - I a.C.: aparecen os materiais de importación romana, sobre todo a raíz das campañas de Décimo Xunio Bruto e de Xulio César; destaca ademais unha evolución na construcción arquitectónica (xa toda de pedra, salvo en dependencias anexas) ou na arte (con influencias centroeuropeas e mediterráneas), así coma no conxunto da cultura material (cerámica, muíños circulares, difusión do ferro ó lado do bronce, etc.). (Castros de Borneiro, Baroña, O Neixón Grande, Castromao, Troña, Sta.Trega, poboado da Lanzada, etc.).

C) Fins do s.I a.C. - fins do s.I d.C. (época flavia): acentúanse os influxos externos que impulsan a propia evolución interna dos castros, aumentan as importacións romanas (comercio estable, circulación monetaria, cerámica...), comenza a explotación económica por parte de Roma (minería do ouro), e hai un desenvolvemento das artes plásticas castrexas. (Castros de Sta.Trega, Vigo, Coto do Mosteiro, S.Cibrán de Las, Elviña, Barán, Fazouro, castros mineiros do Courel, etc.).

3.- Castrexo Final ou Galaico-romano (segundo os autores) (fins s.I d.C. - s.V d.C.): entrada plena da Gallaecia nos sistemas romanos de organización territorial, social e económica, con espallamento de novos asentamentos (cidades, mansións viarias, villae, vici...), recuperación e re-fortificación dalgúns castros e castella e, en suma, formación dunha Cultura Galaico-romana tanto nos aspectos materiais e socieconómicos coma nos ideolóxicos (político-relixiosos). (Castros de Viladonga, Sta. Trega, Santomé, Cidá do Castro de San Millán, algúns castros mineiros, poboado da Lanzada, etc.).

APLICACIÓN ÁS POSIBLES ACTIVIDADES

A documentación arqueolóxica da Cultura Castrexa e Galaico-romana

     No Museo do Castro de Viladonga pódense atopar toda unha serie de datos e informacións de tipo material e ergolóxico que son susceptibles de utilizar como fonte de coñecemento para esta etapa histórica (ó lado doutras fontes como as textuais, antigas e modernas), tanto por parte de investigadores e eruditos como, e isto é o que importa, polos ensinantes e alumnos dos distintos niveis educativos. Unha selección daqueles datos e informacións son os que se pretende resumir nas 24 Fichas de traballo que se ofrecen xunto con esta Unidade Informativa, e que cada Profesor haberá de escoller á hora de utilizalas cos seus alumnos segundo o nivel, a capacidade e mesmo a actitude destes.

     De xeito orientativo e esquemático, aquela cultura material castrexa e galaico-romana pode resumirse nos seguintes bloques:

A.- Materiais pétreos:

- Muíños planos (barquiformes ou naviformes), relacionados sobre todo coa recolección de productos naturais
- Muíños circulares ou xiratorios, relacionados, ademais do anterior, coa iniciación da prácticas agrícolas estables
- Quicieiras e gonzos (pezas sobre as que se montan e xiran as portas das construccións)
- Pesas de pedra de pizarra, para fixa-las cubertas de palla ou colmo das construccións
- Pesas de tear, fusaiolas e outras pezas relacionadas co tecido
- Ferramentas e armas: afiadeiras, alisadeiras, mazas, percutores, aixadas, machados...
- Xogos e xoguetes, amuletos, colgantes de uso diverso

B.- Materiais metálicos:

- Elementos de adorno e vestiario (de ouro, prata, ferro e bronce): torques e colares, arracadas e pendentes, aneis, brazaletes e braceiras, broches, fíbulas e febillas, botóns e apliques diversos, "atalaxes" e apliques para cabalerías...
- Pezas variadas de uso doméstico: caldeiros, cazos, coadores, agullas, etc.
- Ferramentas: balanzas, compases, pinzas, tesouras, fouces e podóns, e útiles para diversos oficios (canteiros, mineiros, ourives, carpinteiros...), como picos, ciceis, goibas, trenchas, martelos, argolas, punzóns, cravos, un bastrén ou coitela, etc.
- Pezas monetarias (moedas de ouro, de prata e, sobre todo, de bronce)
- Armas de caza e "de guerra": coitelos, puñais e espadas curtas, lanzas e dardos...
- Outros trebellos e obxectos para usos diversos: pezas de carro, chaves, bisagras, grapas, un ripo para o liño e a lá, un cencerro, etc.

C.- Cerámica:

- De tradición castrexa (varios tipos)
- Común romana (varios tipos, de cociña e de mesa)
- "Terra sigillata" (fina de mesa, importada: sudgálica, hispánica, tardía, e tamén imitacións...)
- Outros obxectos de barro (fusaiolas, fichas, colgantes, etc.)

D.- Outros materiais:

- Acibeche (aneis, adornos)
- Vidro (vasos, copas, xerras e outros recipientes, contas de colar e adornos)

     Esta estructuración ou división en bloques non quere dicir que cada alumno ou grupo de alumnos teña que traballar nun só lugar do Museo recollendo datos sobre unha cuestión determinada, senón que en cada unha das súas salas, en paneis, en vitrinas e en maquetas, van achar informacións sobre aquelo que lles interese para o seu traballo; este é un aspecto, o da globalidade da información, que o profesor debe facer ver e entender antes da visita.

OS POSIBLES TEMAS A ESTUDIAR E DESENVOLVER

     Todos aqueles materiais, presentes entre os achados producidos no Castro de Viladonga, e o propio xacemento no seu conxunto, permitirán estructurar os coñecementos relativos ós diferentes aspectos deste sitio pero tamén, con carácter xeral e conxugándoos con outras fontes de coñecemento como as textuais, os referentes á Cultura Castrexa e Galaico-romana. Aqueles coñecementos poderían esquematizarse así:

1.- Situación, contextualización e organización espacial do Castro:

- xeográfica e topográfica
- histórica e cultural
- distribución e ocupación do espacio dentro do Castro
- tipos e formas das construccións
- etc.

2.- Aspectos defensivos do home e do territorio:

- tipos de defensas no Castro (murallas, foxos, naturais...)
- armas (tipos, materiais...)

3.- Aspectos e actividades económicas:

- minería e ourivería
- actividades agrícolas e gandeiras ou pastorís
- recolección, caza e pesca
- oficios artesanais e domésticos
- intercambios (troco, comercio...)

4.- Costumes sociais e aspectos domésticos:

- a vida cotiá no Castro
- o papel da muller e do home, dos vellos e dos nenos...
- actividades e elementos domésticos (o interior da casa, o vestiario, o ornato...)

5.- Aspectos ideolóxicos e lúdicos:

- crenzas, cultos e posibles ritos (amuletos, obxectos votivos...)
- xogos e uso do lecer

     Todos estes aspectos e as informacións a eles referidas, son os que se queren reflectir nas Fichas de traballo que se aportan como suxerencia de actividade, e para o seu cumprimento atoparanse os datos nas propias salas do Museo e no mesmo Castro, ademais de seren complementadas por medio de guías, folletos e, loxicamente, polas ensinanzas do profesorado.

 

BIBLIOGRAFÍA DE CONSULTA

* F.ARIAS VILAS: A Romanización de Galicia, (Ed.A Nosa Terra), Vigo 1992.

* F.CALO LOURIDO: A Cultura Castrexa, (Ed.A Nosa Terra), Vigo 1993.

* A.ROMERO MASIÁ-X.M.POSE MESURA: Galicia nos textos clásicos, (Monografías Museo S.Antón, 3), A Coruña 1987.

* A.TRANOY: La Galice Romaine, (Ed.De Boccard), París 1981.

* VV.AA.: La Romanización de Galicia, (Cuadernos de Sargadelos 16), A Coruña 1993 (2ª ed.).

* VV.AA.: Cántabros, Astures y Galaicos, (Exposición Ministerio de Cultura), Madrid 1982.

* VV.AA.: Estudos de Cultura Castrexa e Historia Antiga de Galicia, (Univ. de Santiago- Inst.P.Sarmiento), Santiago de Compostela 1983.

Tamén poden consultarse obras de referencia ou Historias xerais como:

* X.AGRAFOXO: Didáctica da Prehistoria de Galicia, Noia 1992 (Ed.propia)

* X.AGRAFOXO: Didáctica da Historia Antiga e Medieval de Galicia, Muros-Noia 1993 (Ed.Toxosoutos)

* Gran Enciclopedia Gallega, s.v. "Castros", "Celtas", "Cultura Castrexa", "Escultura", "Romanización", e outras.

* VV.AA.: Historia de Galicia, I, (Ed. Planeta), Barcelona 1980.

* VV.AA.: Galicia. Historia, I, (Ed. Hércules), A Coruña 1993, e
   VV.AA.: Galicia. Arte, I, (Ed. Hércules), A Coruña 1994.

* VV.AA.: Historia xeral de Galicia, (Ed.A Nosa Terra), Vigo 1997.

Para os Aspectos particulares deste xacemento, véxase a Bibliografía sobre o Castro de Viladonga na Introducción deste Programa de Acción Didáctica.

 

Solución á Ficha nº 24
1-BRONCE
2-FÍBULA
3-CROA
4-FUSAIOLA
5-MURALLA
6-EXCAVACIÓN
7-FOXO
8-TORQUES
9-ARQUEOLOXÍA
10-SIGILLATA

Asociación de Amigos do Museo