M U S E O
ARQUEOLÓXICO
DO CASTRO DE
VILADONGA

PROGRAMA DE ACCIÓN DIDÁCTICA
Ensino Primario

UNIDADE INFORMATIVA


OBXECTIVOS

     O obxectivo principal desta Unidade Informativa é axudar ó Profesor á hora de achegar os alumnos, (en particular ós das últimas etapas do Ensino Primario), á comprensión e ó coñecemento do Castro de Viladonga e, dun xeito xeral, da Cultura Castrexa e Galaico-romana. Para isto, suxerimos neste Programa, só como unha das propostas posibles, unha serie de actividades que nos leven ó coñecemento dos distintos elementos (estructuras in situ, ou obxectos no Museo) que forman parte do Castro de Viladonga, así como da información arqueolóxica e histórica que nos dan.

     Preténdese que o Castro de Viladonga actúe como elemento integrador e potenciador de gran parte dos coñecementos sobre a Cultura Castrexa e Galaico-romana, tratando de que os alumnos entendan a Historia dun xeito máis activo e ameno; ademais, trátase de desenrolar e reforzar nos nenos unha serie de destrezas ou hábitos que poidan facer que se mostren interesados pola realidade histórica e o patrimonio cultural que os rodea, e mesmo como "investigadores" ou pescudadores da súa primeira Historia.

PERIODIZACIÓN DA CULTURA CASTREXA

          A Cultura Castrexa, que abrangue propiamente desde o s.V a.C. ata o s.I d.C., pero que pervive (en canto a que se seguen ocupando castros) ata o s.V d.C., non é un concepto estanco e unitario ó longo da súa extensa duración e en todo o Noroeste peninsular, senón que hai unha evolución e uns cambios producidos, por un lado, pola propia dinámica interna desta Cultura, e por outro, polas influencias e impulsos procedentes do exterior.

     Sintetizando as teorías de diversos autores, pódense distinguir catro períodos ou fases:

1.- Castrexo Inicial (s.VII - V a.C.): transición Idade do Bronce - Idade do Ferro, primeiros castros con estructuras pétreas (Torroso, Penalba, O Neixón Pequeno, Penarrubia, A Graña...).

2.- Castrexo Pleno (s.V - I d.C.), con varias subfases (segundo algúns autores):

A) S.V - III a.C.: aparecen materiais de importación de procedencia fenicio-púnica e grega.

B) S.II - I a.C.: aparecen os materiais de importación romana, sobre todo a raíz das campañas de Décimo Xunio Bruto e de Xulio César; destaca ademais unha evolución na construcción arquitectónica (xa toda de pedra, salvo en dependencias anexas) ou na arte (con influencias centroeuropeas e mediterráneas), así coma no conxunto da cultura material (cerámica. muíños circulares, difusión do ferro ó lado do bronce, etc.). (Castros de Borneiro, Baroña, O Neixón Grande, Castromao, Troña, Sta.Trega, poboado da Lanzada, etc.).

C) Fins do s.I a.C. - fins do s.I d.C. (época flavia): acentúanse os influxos externos que impulsan a propia evolución interna dos castros, aumentan as importacións romanas (circulación monetaria, cerámica...), comenza a explotación económica por parte de Roma (minería do ouro...), e hai un desenvolvemento das artes plásticas castrexas. (Castros de Sta.Trega, Vigo, Coto do Mosteiro, S.Cibrán de Las, Elviña, Barán, Fazouro, primeiros castros mineiros do Courel, etc.).

3.- Castrexo Final ou Galaico-romano (segundo os autores) (fins s.I d.C. - s.V d.C.): entrada plena da Gallaecia nos sistemas romanos de organización territorial, social e económica, con espallamento de novos asentamentos (cidades, mansións viarias, villae, vici...), recuperación e re-fortificación dalgúns castros ou castella e, en suma, formación dunha Cultura Galaico-romana tanto nos aspectos materiais e socio-económicos coma nos ideolóxicos (político-relixiosos). (Castros de Viladonga, Sta.Trega, Santomé, Cidá do Castro de San Millán, algúns castros mineiros, poboado da Lanzada, etc.).

ESTRUCTURACIÓN DAS ACTIVIDADES

     Co fin de facilita-lo achegamento dos alumnos ó Castro de Viladonga e ás informacións contidas no seu Museo monográfico, facilítase ó Profesorado un total de 16 Fichas de traballo, para cubrir por aqueles, ben de maneira individual ou facendo pequenos grupos. O Centro e/ou o/a Profesor/a seleccionará as fichas que estime mais adaptadas ás características das ensinanzas dadas e ó nivel, aptitudes e actitudes do seu alumnado.

     Se o Profesorado quere que os alumnos "investiguen" ou "descubran" algúns dos aspectos da vida no Castro (e por extensión naquela etapa histórica), ou ben se pretende familiarizalos el mesmo co contido do Museo, téñase en conta o dito a este respecto na Introducción deste Programa de Acción Didáctica (apartado "O Museo: contido e exposición"), suxeríndose a estructuración da actividade en función daquel contido e nestes cinco bloques explicativos:

1.- Situación e organización espacial do Castro:

* xeográfica
* histórica
* distribución e ocupación do espacio
* tipos e formas das construccións

2.- Aspectos defensivos do home e do territorio:

* armas (tipos, materiais...)
* tipos de defensas no Castro (murallas, foxos, naturais...)

3.- Aspectos e actividades económicas:

* minería e ourivería
* actividades agrícolas e gandeiras
* recolección, caza e pesca
* oficios artesanais
* intercambios (troco, comercio...)

4.- Costumes sociais e aspectos domésticos:

* a vida no Castro
* o papel da muller e do home
* actividades e elementos domésticos

5.- Aspectos ideolóxicos e lúdicos:

* crenzas, cultos e ritos (amuletos, obxectos votivos...)
* xogos e lecer

     Esta estructuración ou división en bloques non quere dicir que cada grupo de alumnos teña que estar nun só lugar do Museo (ou do Castro) recollendo datos sobre unha cuestión determinada, senón que en cada unha das súas salas, en paneis, en vitrinas e en maquetas, van achar informacións sobre aquelo no que están a traballar; este é un aspecto, o da globalidade da información, que o profesor debe facer ver e entender antes da visita.

     Todas estes datos e anotacións poden ser complementados por medio de folletos, guías e outros materiais que o Museo pode facilitar ou suxerir ós profesores, e loxicamente tamén polas mesmas leccións e orientacións destes.

     En calquera caso, o Museo, na medida das súas posibilidades ofrece os seus medios e o seu persoal (técnico, e de atención ó público), para axudar ó desenvolmento positivo deste Programa.    

 

BIBLIOGRAFÍA DE CONSULTA

* F.ARIAS VILAS: A Romanización de Galicia, (Ed.A Nosa Terra), Vigo 1992.

* F.CALO LOURIDO: A Cultura Castrexa, (Ed.A Nosa Terra), Vigo 1993.

* A.ROMERO MASIÁ-X.M.POSE MESURA: Galicia nos textos clásicos, (Monografías Museo S.Antón, 3), A Coruña 1987.

* A.TRANOY: La Galice Romaine, (Ed.De Boccard), París 1981.

* VV.AA.: La Romanización de Galicia, (Cuadernos de Sargadelos 16), A Coruña 1993 (2ª ed.).

* VV.AA.: Cántabros, Astures y Galaicos, (Exposición Ministerio de Cultura), Madrid 1982.

* VV.AA.: Estudos de Cultura Castrexa e Historia Antiga de Galicia, (Univ. de Santiago- Inst.P.Sarmiento), Santiago de Compostela 1983.

Tamén poden consultarse obras de referencia ou Historias xerais como:

* X.AGRAFOXO: Didáctica da Prehistoria de Galicia, Noia 1992 (Ed.propia)

* X.AGRAFOXO: Didáctica da Historia Antiga e Medieval de Galicia, Muros-Noia 1993 (Ed.Toxosoutos)

* Gran Enciclopedia Gallega, s.v. "Castros", "Celtas", "Cultura Castrexa", "Escultura", "Romanización", e outras.

* VV.AA.: Historia de Galicia, I, (Ed. Planeta), Barcelona 1980.

* VV.AA.: Galicia. Historia, I, (Ed. Hércules), A Coruña 1993.
* VV.AA.: Galicia. Arte, I, (Ed. Hércules), A Coruña 1994.

* VV.AA.: Historia xeral de Galicia, (Ed.A Nosa Terra), Vigo 1997.

Para os Aspectos particulares deste xacemento, véxase a Bibliografía sobre o Castro de Viladonga na Introducción deste Programa de Acción Didáctica.

Asociación de Amigos do Museo