M U S E O
ARQUEOLÓXICO
DO CASTRO DE
VILADONGA

PROGRAMA DE ACCIÓN DIDÁCTICA
B.U.P. - BACHARELATO - F.P.

UNIDADE INFORMATIVA


XUSTIFICACIÓN

     A intención desta Unidade é axudar a coñecer como se constituiu o pobo galaico no proceso que se inicia antes da conquista romana do Noroeste e que se continúa despois desta. Tanto esta Unidade Informativa que se aporta ó Profesorado como as 26 Fichas de traballo que se acompañan para o seu uso cos alumnos, ofrécense só a título de suxerencia como unha das actividades posibles a realizar na visita ó Castro e ó Museo. Loxicamente, ademais destes contidos conceptuais, o Profesorado decidirá como mellor conveña o uso e desenvolvemento dos aspectos procedimentais e actitudinais pertinentes.

A EVOLUCIÓN DA CULTURA CASTREXA:CAMBIO E CONTINUIDADE

Os grandes temas de investigación

     Xa que as fontes materiais (arqueolóxicas, as que aporta o Museo) non chegan para poder cubrir tódolos aspectos da Cultura Castrexa e Galaico-romana, hai que recorrer tamén ás fontes literarias, sexan estas primarias (textos de autores clásicos, coas precaucións que logo se comentan) ou sexan secundarias (da Historiografía actual, moi diversas), para que, con todas elas, os alumnos poidan apuntar solucións aproximadas ós problemas que se suscitan, e formular conclusións coherentes, que deberán promoverse por medio da posta en práctica de debates ou de calquera outro tipo de actividades.

     Os problemas que presenta a investigación son múltiples e diversos, pero poden ser sistematizados ou resumidos en torno a algúns temas principais:

A.- O da continuidade: Cando Roma conquista o territorio galaico, este ten de seu unhas tradicións culturais solidamente establecidas; é o tema da orixe e natureza dos pobos que nos deixaron os restos que coñecemos como "cultura dos castros" máis característica e "tradicional", que non é, nin moito menos, exclusivamente céltica. Pero, ademais, non todo o que constituía esa cultura indíxena desaparece despois da conquista romana, senón que, en boa medida, se transforma e, nalgúns aspectos, mesmo se potencia.

B.- O da asimilación ou aculturación: Supón analiza-la intensidade e o alcance desas transformacións producidas pola conquista e pola posterior implantación dunha nova orde.

C.- O da Romanización: Remítenos ó problema da inexistencia de marcos de referencia axeitados nunha boa parte da Historiografía, e ó encaixamento de todo o complexo mundo daqueles cambios e transformacións nun concepto como o de "Romanización"; hóuboa como tal, pero foi diferente á dos vellos esquemas historiográficos de tipo mediterraneizante.

     Acerca destes temas poden destacarse, polo menos, tres posturas diferentes:

     Algúns investigadores deducían a inexistencia de Romanización na Gallaecia basándose na ausencia case total de municipii romanos e na escasez de núcleos urbanos no N.O. de Hispania. O grao de Romanización era medido, maiormente, segundo os puntos acadados nunha escala onde o grao máximo estaría na Bética hispánica ou na Narbonense gala, áreas onde tódolos aspectos e cambios da nova orde estaban presentes. Sen embargo, hoxe sabemos que o concepto de Romanización que convén, por exemplo, á Betica ou á Tarraconense non é axeitado para outras zonas máis periféricas. Non debemos considera-las sociedades non urbanas do N.O. hispánico como algo sinxelamente atrasado en comparación con outras zonas, senón como algo distinto, que tiña un substrato xa diferente e, polo tanto, o resultado da Romanización tampouco non será igual. A realidade prerromana, unida ás condicións da conquista e á evolución posterior, producen en cada caso un resultado diverso, sendo así un cambio histórico importante.

     Pola contra, outros investigadores prestan especial atención ó que se denomina "aculturación" material, é dicir, o uso e adopción por parte dos indíxenas de útiles, instrumentos e outras formas materiais romanas. Se isto fose tan simple, habería que falar tamén, por exemplo, dunha romanización dunha parte de Rusia, o cal non se axusta á realidade histórica xa que nin siquera formou parte do Imperio Romano. Nesta concepción non se valoran axeitadamente as transformacións internas que se producen nos pobos indíxenas por efecto da conquista romana. Aínda así, non hai que pensar que se perderan necesariamente as pegadas da súa identidade histórica, porque as devanditas transformacións poideron tamén producir un reforzamento dos vínculos que cohesionaban as sociedades prerromanas, dándolles unha nova entidade moito máis potente e compacta aínda que sobre bases novas.

     A idea máis plausible é que, en realidade, a Romanización da Gallaecia existe como algo moi complexo, diferente á doutras áreas pero similar á dalgunhas rexións periféricas do mesmo Imperio. É un proceso histórico gradual que afecta á paisaxe, á organización do territorio e da sociedade, á cultura material e ás crenzas. Pero todo esto non supón, nin moito menos, que se faga "tábula rasa" do substrato anterior, senón que mesmo se potencia a súa evolución, producíndose o que se denomina "asimilación cultural", "aculturación" e mesmo "inculturación".

As fontes de coñecemento

     Para o estudio do proceso histórico dos pobos do N.O., dispoñemos de distintas informacións proporcionadas pola Lingüística e a Literatura, a Arqueoloxía, a Epigrafía e a Numismática, e incluso a Etnografía.

     As fontes lingüísticas (e dentro delas a onomástica e a toponimia) foron e son utilizadas sobre todo nas investigacións sobre o celtismo, e permiten supoñe-la existencia dunha lingua de rasgos célticos, (ou incluso precélticos) no mundo prerromano do Noroeste, emparentado co lusitano máis que co celtibérico. Con todo, a Lingüística e a Arqueoloxía non adoitan coincidir nos resultados das súas investigacións, que deben ser paralelas pero tamén complementarias.

     As fontes literarias (os textos dos autores clásicos) foron, en ocasións e sobre todo pola Historiografía máis tradicional, sobrevaloradas. Hoxe sabemos que deben sufrir unha certa "peneira" ou relativización dos seus datos, coma no caso de Estrabón (que logo se verá) e que chega a aplicar a toda a franxa cantábrica e noratlántica os mesmos tópicos e lugares comúns.

     As fontes arqueolóxicas infórmannos acerca da cultura material das sociedades que vivían na Gallaecia de antes e despois da conquista romana. Fannos ver un panorama bastante uniforme, (aínda que con variantes rexionais ou zonais), que nos leva a pensar nunha certa homoxeneidade que, ó tempo que os identifica, diferénciaos dos demais. Ás veces, a investigación tradicional pensaba que a presencia de materiais de orixe romana bastante tempo antes da conquista, favorecería o establecemento dunha liña contínua desde esas primeiras aportacións materiais ata a arqueoloxía romano-provincial máis tardía, pero iso suporía prestar pouca atención a outras transformacións que non son tan visibles na arqueoloxía.

     As fontes epigráficas (como as numismáticas) pertencen maiormente, o mesmo cás anteriores, a unha época posterior á conquista, pero en moitos casos pódennos dar informacións e datos relativos á etapa anterior prerromana. Trátase dun gran número de inscripcións latinas, onde achamos abundantes testemuños sobre a onomástica indíxena e romana ou sobre as diferentes divindades, e das que se deducen datos referentes á organización político-social ou mesmo ós gustos artísticos.

     As fontes etnográficas, coa confrontación dos datos históricos cos usos, costumes e cultura material máis tradicional, poden ser tamén de certo proveito sempre que fuxamos do perigo das analoxías ríxidas e descontextualizadas. Relacionado con elas está o folclore arqueolóxico, é dicir, todo o relacionado cos nomes e as lendas e contos referidos a xacementos arqueolóxicos, e que poden agachar, ben interpretadas, diversas informacións e datos sobre estes.

     Se se quere estudia-la formación e evolución histórica do pobo galaico, poden darse os seguintes pasos ou fases:

- Defini-los rasgos arqueolóxicos dese pobo, sexa de xeito local ou xeral

- Coñecer e valora-la aculturación material que se produce antes e despois da conquista

- Investiga-las formas de organización socio-políticas e económicas, así coma os seus aspectos ideolóxicos.

     Deste xeito, a través do estudio de tódalas fontes, pódese chegar a comprende-la evolución das tradicións indíxenas (máis puramente castrexas), a aportación dos elementos que veñen con Roma, e incluso o influxo doutras zonas veciñas, para confluir nunha nova realidade histórico-cultural que terá unha grande relevancia e pervivencia na conformación de Galicia.

A realidade existente antes da chegada de Roma. A Cultura Castrexa

     O Castro é unha realidade física e paisaxística que evoca un núcleo poboacional antigo correspondente a un contexto histórico e cultural amplo, xa que hai castros que xurden a fins da Idade do Bronce e outros que se ocupan ata en época suévica. En cambio, a Cultura Castrexa en sentido estricto ten uns límites espaciais e temporais determinados: abrangue o ángulo do Noroeste ibérico (desde o río Douro ó Navia, polo menos), e ocupa 4 ou 5 séculos en torno ó cambio de Era. Conleva de seu unha cultura material, de estructuras constructivas e de útiles e instrumental, vencelladas a ese tipo de asentamento, xeralmente ben defendido de xeito natural e/ou artificial.

     Existen nesta Cultura algúns elementos que presentan rasgos de uniformidade, primitivismo e perduración morfotipolóxica (cerámica, ourivería, certos útiles...), que podía facer pensar nunhas comunidades pechadas sobre si mesmas e relativamente illadas doutras áreas. Ademais, debe engadirse un "celtismo" que, para algúns autores, impregna tódalas consideracións materiais e inmateriais, a partir dunha vella arqueoloxía de raiceiras románticas así como da análise dos datos lingüísticos. Sen embargo, hai que sinalar que o mundo anterior ás chamadas "oleadas célticas", moi discutidas e hoxendía negadas pola maioría dos autores -como tales desprazamentos masivos de pobos-, xa tiña un peso importante como substrato cultural, e ademais, o N.O. non está illado nin respecto da Península nin doutras zonas, polo que non é unha área cerrada en si mesma, senón que mantén unhas amplas relacións tanto marítimas (atlánticas pero tamén mediterráneas) como terrestres (cercanas ou lonxanas).

     Sobre unha mesma realidade arqueolóxica poden darse distintas realidades históricas. A Cultura Castrexa é un modelo de ocupación poboacional e de usos ergolóxicos ou materiais que poden darse baixo circunstancias históricas diversas, con formacións sociais e políticas distintas; é dicir, non é unívoca nin tan simple a relación entre pobo e cultura (arqueolóxica), porque o uso de certas técnicas e útiles pode estenderse máis aló dos límites dun pobo ou dunha "etnia".

     Habería que definir este problema distinguindo o tema lingüístico (si fundamentalmente céltico), do ámbito arqueolóxico (da cultura material, moi variada e singular), e do concepto étnico (moito máis complexo aínda), pero sen facer compartimentos estancos e ríxidos que son improcedentes na análise histórica.

     As distintas teorías existentes parecen coincidir en tres puntos básicos:

- Recoñecen a existencia dun pobo precéltico (¿tamén preindoeuropeo?), instalado no Noroeste antes da formación da Cultura dos Castros.

- A partir do s.IX - VIII a.C. chegarían á Península Ibérica novos elementos de poboación orixinarios da Europa Central (non necesariamente en "oleadas"), e dos que forman parte grupos célticos; entre os s. VII e VI a.C. prodúcense intensos contactos entre estes grupos e o medio indíxena anterior do Noroeste.

- Existe a posibilidade de "colonizacións" (ou mellor, de meros contactos), de elementos célticos a través do Atlántico entre o Noroeste ibérico e a Bretaña francesa e illas Británicas.

     O lingüista A.Tovar considera que o que aparece na historia como culturas célticas do Occidente de Europa son o resultado dunha fusión, na que o nome e elementos moi importantes e coherentes da lingua e a cultura son célticos (e indoeuropeos), pero noutros aspectos da cultura e da mesma etnia, hai compoñentes moi importantes dunha tradición occidental máis antiga, e tamén existen influencias de procedencia mediterránea.

     En todo caso, outros autores como J.Untermann ven un claro compoñente lusitano na lingua, de familia céltica, do Noroeste peninsular.

     Sobre o mundo da Cultura Castrexa, unitario pero tamén diverso, interveñen influxos culturais lonxanos, seguramente debido ó comercio de metais (estaño, chumbo, ouro...). Xunto a eles ou a través deles, pódense tamén detectar resabios e influencias das grandes civilizacións mediterráneas, como materiais púnicos do s.VI - V a.C. e vasillas gregas do IV a.C.

     Hai que insistir na penetración de materiais romanos bastante tempo antes da conquista, sobre todo cerámica a teor dos achados que se producen, o que non ten que entenderse, como xa se dicía antes, coma un primeiro estadio da "Romanización", senón única e exlusivamente como un intercambio ou unha ampliación das relacións e rutas comerciais.

Periodización da Cultura Castrexa

     A Cultura Castrexa, que abrangue propiamente desde o s.V a.C. ó s.I d.C., pero que pervive (en canto a que se seguen ocupando castros) ata o s.V d.C., non é un concepto estanco e unitario ó longo da súa extensa duración, senón que hai unha evolución e uns cambios producidos, por un lado, pola propia dinámica interna desta Cultura, e por outro, polas influencias e impulsos procedentes do exterior.

     Sintetizando as teorías dos diversos autores, pódense dintinguir catro períodos ou fases:

1.- Castrexo Inicial (s.VII - V a.C.): transición Idade do Bronce - Idade do Ferro, primeiros castros con estructuras pétreas (Torroso, Penalba, O Neixón Pequeno, Penarrubia, A Graña...).

2.- Castrexo Pleno (s.V - I d.C.), con varias subfases (segundo algúns autores):

A) S.V - III a.C.: aparecen materiais de importación de procedencia fenicio-púnica e grega

B) S.II - I a.C.: aparecen os materiais de importación romana, sobre todo a raíz das campañas de Décimo Xunio Bruto e de Xulio César; destaca ademais unha evolución na construcción arquitectónica (xa toda de pedra salvo en dependencias anexas) ou na arte (con influencias centroeuropeas e mediterráneas), así como no conxunto da cultura material (cerámica, muíños circulares, difusión do ferro ó lado do bronce, etc.). (Castros de Borneiro, O Neixón Grande, Baroña, Castromao, Troña, Sta.Trega, poboado da Lanzada...).

C) Fins do s.I a.C. - fins s.I d.C. (época Flavia): acentúanse os influxos externos que impulsan a propia evolución interna dos castros, aumentan as importacións (comercio estable, circulación monetaria, cerámica...), comenza a explotación económica por parte de Roma (minería do ouro), e hai un desenvolvemento das artes plásticas castrexas. (Castros de Santa Trega, Vigo, Coto do Mosteiro, S.Cibrán de Las, Elviña, Barán, Fazouro, etc.).

3.- Castrexo Final ou Galaico-romano (segundo os autores) (fins s.I d.C. - s.V d.C.: entrada plena da Gallaecia nos sistemas romanos de organización territorial, social e económica, con espallamento de novos asentamentos (cidades, mansións viarias, villae, vici...), recuperación e re-fortificacións dalgúns castros ou castella e, en suma, formación dunha Cultura Galaico-romana tanto nos aspectos materiais e socio-económicos coma ideolóxicos (político-relixiosos). (Castros de Viladonga, Sta.Trega, Santomé, Cidá do Castro de San Millán, algúns castros mineiros, poboado da Lanzada, etc.).

As fontes textuais e a etnografía castrexa

     As fontes escritas polos grecolatinos (en todo caso "romanos") que citan á Gallaecia de xeito moi variado e distinto tanto en extensión coma en contido e propósito, poden agruparse en dous grandes bloques.

     Un primeiro grupo engloba os autores que proporcionan noticias e datos de carácter xeográfico e/ou etnográfico (ás veces simples mencións en itinerarios), e entre eles poden citarse Silio Itálico, Pomponio Mela, Ptolomeo e, sobre todo, Plinio o Vello e Estrabón.

     Plinio estivo en Hispania no 73 d.C. e danos unha visión de primeira man referida tanto ós aspectos administrativos como, e sobre todo, ás actividades económicas do N.O., sendo especialmente útiles e interesantes as súas descricións da minería aurífera astur-galaica.

     En cambio, o grego Estrabón (ou Strabon) no s.I d.C., baseándose noutros autores anteriores e sen ter estado el nunca na Gallaecia, descríbenos como eran as poboacións prerromanas do Norte e Noroeste peninsular (sen facer excesivas distincións entre todas elas) e, sobre todo, as "vantaxes" que tivo para aquelas a súa conquista e posterior integración no Imperio Romano. O seu carácter certamente propagandístico (a favor do poder de Augusto), os seus prexuizos ó describi-los costumes dos "bárbaros" (desde o punto de vista da civilización greco-romana), así como a falta de matizacións suficientes entre as diversas áreas, obrigan a relativizar moito as súas informacións, aínda que siga a se-lo autor máis citado á hora de estudia-lo mundo prerromano do N.O. nas décadas anteriores e posteriores ó cambio de Era, e o seu uso debe confrontarse con outras fontes históricas (arqueolóxicas, epigráficas ou doutro tipo).

     A xeito de exemplo, e partindo pois da idea de que Estrabón contrasta continuamente o negativo da singular cultura prerromana cos aspectos positivos da "Pax romana" (e mediterránea), podémonos preguntar ata que punto as súas descricións se corresponden con algúns aspectos que coñecemos da realidade histórica prerromana:

- Algunhas das súas informacións relativas ó ateísmo dos galaicos son falsas, como amosan, por exemplo, as numerosas inscricións que conteñen nomes de deidades indíxenas.

- A posible utilización "hixiénica" ou doméstica dos ouriños ten uns paralelos semellantes noutras partes do mundo antigo, polas súas propiedades terapéuticas.

- Parte do pan castrexo puido ser fabricado con landras, pero tamén coñecían o uso de cereais (considerábase que a introducción do cereal era paralela a todo o que se relaciona coa boa orde social e de aí que Estrabón insista en que non coñecían o trigo, nin o viño, nin o aceite -senón a cerveixa e a manteiga).

     En resume, moitos datos aportados por Estrabón poden ser certos (como a existencia de construccións de uso social ou común, con rebancos para sentarse, presentes nos castros), pero deben ser sempre illados ou relativizados da trama ideolóxica que os inspirou, e confrontados sempre no posible coas informacións procedentes doutras fontes.

     Un segundo grupo de fontes escritas grecolatinas fórmano as dos autores que nos deixaron o relato histórico daquela época, en particular referidos á conquista militar do Noroeste e á etapa final do Imperio. Ademais das referencias contidas en Estrabón, Silio Itálico, Plinio o Vello xa citados, ou en Avieno (autor do s.IV d.C. pero que usa textos do s.VI a.C.), outros autores como Tito Livio e Apiano fálannos da expedición de Décimo X. Bruto, mentres Dión Casio e Floro (e máis tarde Paulo Orosio) dannos a súa versión das guerras astur-cántabras, facendo fincapé, e non de xeito gratuito, en episodios heroicos coma o do Monte Medulio.

A organización das comunidades castrexas

     O que coñecemos na época romana como Gallaecia non existe como entidade territorial histórica antes da chegada dos romanos. Estrabón explica que os Kallaikoi (Gallaeci) posuían terras limítrofes coa Lusitania, e Plinio sitúaos no Conventus Bracaraugustanus (cerca do Porto) como un pobo máis; este nome de Galaicos aplicouse a tódolos pobos do N.O. por simplificación, tendo os outros populi uns nomes "demasiado longos e escuros" a dicir deste último autor latino.

     A partir das campañas de D. X. Bruto, o nome de Gallaeci deixa de ser descoñecido para os romanos, pasando a designar unha zona moito maior que a orixinaria, dándolle nome ós pobos do Noroeste, todos eles con rasgos comúns, e conformando así o concepto da Gallaecia, logo subdividida tamén cun transfondo da realidade de cada área, en Lucensis e Bracarensis.

     É lóxico pensar que as comunidades que achamos cos romanos xa existían antes da súa chegada, xa que estes sempre utilizaron as formas organizativas preexistentes, tratando sempre de adaptalas e transformalas no seu proveito, constituíndoas xa a fins do s.I d.C. en res publicae. En Galicia, as comunidades agrupábanse de xeito distinto ca no resto de Hispania, e así, aquí non existe ningún testemuño de organización xentilicia nin, por suposto, "tribus" nin "clans" no sentido propio do termo. O que se documenta aquí (polas fontes textuais, as inscricións e e ata a arqueoloxía), son as formas de organización social representadas por un C invertido (>), que cómpre ler (segundo a maioría dos autores actuais) como castellum (=castro), forma indíxena aínda que estea formulada ó modo romano, do mesmo xeito que as inscricións están escritas en latín, como lingua oficial do poder, cando os indíxenas aínda falaban noutro idioma, céltico ou menos céltico. (Lémbrese por exemplo, como apuntou A. Balil, que os epitafios de calquera parroquia rural galega estan en castelán cando o idioma usado nese ámbito foi sempre o galego) Cada comunidade, cada populus ou pobo, funciona coma unha unidade, anque non á maneira da polis grega ou unha respublica romana. Dentro de cada pobo daqueles había diferentes sub-núcleos ou sub-comunidades que tiñan certa autonomía, e que estarían expresadas nas inscricións por medio do termo Castellum, e que teñen tanta entidade como para facer pactos de hospitalidade (tesserae hospitalitatis como as do Courel ou do Castromao) ou ben, actuando como comunidade con certo carácter público, erixir dedicacións votivas a Xúpiter. Por debaixo delas estaría xa a estructura familiar, seguramente de amplos núcleos de parentesco, dentro dun modelo patriarcal (coma o romano) aínda que quizais cun sistema de filiación matrilineal.

A EVOLUCIÓN HISTÓRICA

A Conquista militar

     A conquista efectiva produciuse ó final das Guerras Astur-Cántabras, sobre o ano 19 a.C. Establécense fundamentalmente dúas fases:

1.- "Lusitana", en distintas etapas, con expedicións de exploración do territorio, de castigo ou de pillaxe:

- A primeira campaña militar ten lugar no 137 a.C. con Décimo Xunio Bruto, que chega ás beiras do Miño logo de atravesa-lo Limia, recibindo por iso o alcume de "Galaico".

- Sobre o ano 60, Xulio César chega por mar a Brigantium, buscando, máis có control do territorio, o descubrimento de novas vías de acceso e o logro de recursos para el mesmo.

2.- "Astur-Cántabra", desenvolta máis ben no interior do N.O., onde destacan as campañas de Augusto entre o 26 e o 19 a.C., que supoñen o sometemento, polo menos formal e oficial, do Norte e Noroeste de Hispania ó nacente Imperio, dando lugar á súa peculiar Romanización.

A reorganización territorial nun novo marco político-administrativo e económico

     Xa rematada a conquista, produciranse unha serie de transformacións, pois haberá un forte traballo de re-organización que afecta tanto ó campo militar como ó da estructuración e administración dos novos territorios ocupados.

     Os romanos utilizarán as formas organizativas existentes nestes pobos, pero adaptándoas e interpretándoas segundo as necesidades prácticas do Imperio. A estructuración destas sociedades en pequenas agrupacións non era axeitada á nova administración, polo que foi preciso definir unhas entidades territoriais maiores, que serán os populi ou as civitates (como comunidade ou conxunto de persoas, non como "cidades" propiamente ditas).

     É posible pensar nunha solución de compromiso romano-indíxena, pola que as comunidades castrexas manterían a súa propia existencia, pero dentro dun novo marco político-administrativo.

     Actualmente, sábese que no ano 1 d.C. xa se tiñan constituído os Conventos Xurídicos, demarcación territorial de carácter administrativo, xurídico, relixioso e ata militar. Os conventus que se crean, coas capitais en Lucus Augusti, Bracara Augusta e Asturica Augusta, son rexións cunha entidade histórica clara, semellantes entre elas pero tamén con matices propios en cada caso. Ó estableceren estes conventus, os romanos convertiron rexións con determinada identidade cultural en verdadeiras comunidades históricas.

As transformacións do castrexo baixo a dominación romana

     Xa despois da conquista, Gallaecia aparece como unha realidade administrativa nova creada polos romanos, ó lado da existencia doutras connotacións (por ex. militares). Non inventaron unha nova rexión, senón que lle deron forma político-administrativa, cunha entidade moi ben definida culturalmente, e que perdurará ó longo do tempo como comunidade histórica.

     Os castella, como figura de demarcación social e territorial (pero non tanto como lugar de asentamento habitacional), desaparecen a fins do s.I d.C.; esto tradúcese nun cambio na mención da origo: hai agora un novo tipo de comunidades que abonda de seu á hora de cita-la procedencia ou orixe dunha persoa; dase paso así ás res publicae romanas, o que proporciona integridade e coherencia ás comunidades maiores, procurando elimina-los subgrupos ou subcomunidades. Deste xeito, ó menciona-la origo faise innecesaria a referencia ó propio castellum, pero aparece a fórmula de menciona-lo adxectivo do nome dos castella (Talabrigensis, Eleanobrigensis...), ou ben só a referencia ó populus ou á civitas (Seurri, Limicorum...).

     Tamén haberá cambios na relixión, pois desde mediados do s.I.d.C. ten lugar a adopción, por parte dos indíxenas, das prácticas e crenzas funerarias e relixiosas romanas. Nas tumbas de incineración e, máis tarde, de inhumación, comeza a constatarse o uso de inscricións segundo modelos latinos, anque con peculiaridades propias do N.O. Outro exemplo significativo son as dedicatorias a Xúpiter Óptimo Máximo (como representante do poder romano en tódolos sentidos), ou a asimilación de divindades indíxenas a deidades coma os Lares Viales ou Marte. Con todo, perviven, como mostra dun sincretismo case perfecto, deuses prerromanos como Coso, Bandua, Verore, Navia, etc., moitos eles de funcións aínda discutidas.

     Os tratados ou pactos de hospitalidade, feitos en placas de bronce coma os xa ditos do Courel ou do Castromao, realizados entre algunhas comunidades indíxenas ou entre estas e as autoridades romanas, cumprían a función de obrigar ós hispánicos a convivir en "harmonía", para poder crea-las novas comunidades e que estas funcionasen como tales dentro do Imperio.

     Como xa se dixo antes, a Cultura dos Castros non foi algo estanco nin uniforme ó longo do tempo que durou, nin na súa evolución despois da conquista romana. Hoxendía, á luz das investigacións máis recentes, non é descamiñado pensar que moitos dos rasgos que ilustran e tipifican na bibliografía máis coñecida á Cultura Castrexa, desenvólvense precisamente despois da conquista de Augusto. De aí que moitos consideren unha ou unhas fases máis do Castrexo, o período que abarca desde a organización de Augusto ata a de Vespasiano (os dous primeiros tercios do s.I.d.C.), e incluso desde este ata o fin do Imperio no s.V d.C.

Os cambios na época Flavia (último tercio do s.I.d.C.)

     É moi probable que os cambios deste momento fosen debidos, en todo ou en parte, á concesión (ó redor do ano 73-74) polo emperador Vespasiano do chamado Ius Latii a toda Hispania. Este dereito de cidadanía latina supoñía a organización ó estilo romano para tódalas comunidades que se acollían a el. As que xa acadaran un alto grao de transformacións, o que as posibilitaba para vivir ó modo de vida romano ou "romanizadas", eran impulsadas a acollérense a este dereito, pois era beneficioso para o Imperio e para preserva-la paz e a orde que facilitarían a subseguinte explotación económica.

     Paralelamente, produciuse unha maior diversificación da poboación fronte ó poboamento antes tamén disperso, pero que estaba concentrado só nos núcleos determinados e ben defendidos que eran os castros. Agora, aparecen (logo dos campamentos militares), as cidades, os vici ou pequenos poboados mal coñecidos, as mansións viarias, as villae (sobre todo en época tardía), casais e outros núcleos, todo ó redor dun novo e importante entramado viario.

     Asimesmo, aprécianse cambios na arquitectura das construccións: os muros, xa sempre de pedra, son rectos, forman esquinais perfectos e cúbrense con tellas de barro, pero conviven, sobre todo nos castros, coas plantas circulares e ovais cubertas de palla, conformando neles unha organización case "urbanística" ou "protourbanística" (que non urbana, reservada ás cidades), pero sempre adaptada ó terreo e ás necesidades peculiares de cada caso.

     O desenvolvemento das explotacións mineiras auríferas a gran escala, sobre xacementos primarios (en rocha) ou secundarios (en aluvión), supuxo un factor importante e fundamental na actividade económica e mesmo na organización do territorio, como sucedeu co desenvolvemento do comercio marítimo e terrestre. A agricultura e a ganadería fanse, ó tempo, máis intensivas e extensivas (introducíndose ademais novos productos coma o trigo, o aceite, o viño ou o salgado), o que igualmente se deixa ver na ocupación do espacio, tanto de habitación coma de explotación.

     No entramado destas actividades económicas poden rastrexarse tamén novos grupos sociais que agora farán fortuna: maxistrados e altos cargos romanos, funcionarios militares e administrativos para o control das minas, comerciantes e artesáns profesionais, etc., ó tempo que aparecen novos grupos como escravos ou libertos (estes moitas veces ligados á administración imperial), inmigrantes, etc., ó lado dunha "aristocracia indíxena" e colaboracionista pero de posibles resabios "bélicos", tal como amosarían as estatuas dos guerreiros galaico-lusitanos. Dentro dunha sociedade compartimentada como a romana, os mecanismos de ascenso social, e económico, deberon funcionar relativamente ben na Gallaecia.

CONCLUSIÓN

A Cultura Castrexa na época Galaico-romana

     A paisaxe histórica de Galicia formouse, pois, en gran medida, na época galaico-romana, precisamente pola conxunción do mundo castrexo prerromano cos aportes foráneos, fundamentalmente vidos doutras provincias romanas. Un exemplo estaría na convivencia de castros (coma o de Viladonga), co novo tipo de asentamentos tipo villa (como a cercana de Doncide), xa en plena época baixoimperial tardía.

     O cambio histórico é fundamental e dará lugar a unha configuración cultural nova, marcada pola ocupación do territorio, pola forma do hábitat, polo tipo e estructura de propiedade da terra e os seus sistemas de explotación e distribución.

     O substrato poboacional sería maioritariamente indíxena, pero o grupo social de maior dominio e poder ten moitos elementos foráneos (sobre todo ó comezo desta etapa galaicorromana), procedentes doutros lugares de Hispania, doutras provincias xa romanizadas ou, incluso, de zonas do Mediterráneo oriental, amais dos indíxenas "con fortuna".

     A Romanización, pois, así determinada, consistiría na asimilación por parte da Cultura Castrexa, duns cambios e unhas transformacións materiais e ideolóxicas que, por un lado, a impulsan e a desenvolven, e por outro, inclúena nun contexto, o do Imperio romano, común a outras áreas, pero mantendo unhas características singulares e ben diferenciadas.

APLICACIÓN ÁS POSIBLES ACTIVIDADES

A documentación arqueolóxica da Cultura Castrexa e Galaico-romana

     No Museo do Castro de Viladonga pódense atopar toda unha serie de datos e informacións de tipo material e ergolóxico que son susceptibles de utilizar como fonte de coñecemento para esta etapa histórica (ó lado doutras fontes como as textuais, antigas e modernas), tanto por parte de investigadores e eruditos como, e isto é o que importa, polos ensinantes e alumnos dos distintos niveis educativos. Unha selección daqueles datos e informacións son os que se pretende resumir nas 26 Fichas de traballo que se ofrecen xunto con esta Unidade Informativa, e que cada Profesor haberá de escoller á hora de utilizalas cos seus alumnos segundo o nivel, a capacidade e mesmo a actitude destes.

     De xeito orientativo e esquemático, aquela cultura material castrexa e galaico-romana pode resumirse nos seguintes bloques:

A.- Materiais pétreos:

- Muíños planos (barquiformes ou naviformes), relacionados sobre todo coa recolección de productos naturais
- Muíños circulares ou xiratorios, relacionados, ademais do anterior, coa iniciación da prácticas agrícolas estables
- Quicieiras e gonzos (pezas sobre as que se montan e xiran as portas das construccións)
- Pesas de pedra de pizarra, para fixa-las cubertas de palla ou colmo das construccións
- Pesas de tear, fusaiolas e outras pezas relacionadas co tecido
- Ferramentas e armas: afiadeiras, alisadeiras, mazas, percutores, aixadas, machados...
- Xogos e xoguetes, amuletos, colgantes de uso diverso

B.- Materiais metálicos:

- Elementos de adorno e vestiario (de ouro, prata, ferro e bronce): torques e colares, arracadas e pendentes, aneis, brazaletes e braceiras, broches, fíbulas e febillas, botóns e apliques diversos, "atalaxes" e apliques para cabalerías...
- Pezas variadas de uso doméstico: caldeiros, cazos, coadores, agullas, etc.
- Ferramentas: balanzas, compases, pinzas, tesouras, fouces e podóns, e útiles para diversos oficios (canteiros, mineiros, ourives, carpinteiros...), como picos, ciceis, goibas, trenchas, martelos, argolas, punzóns, cravos, un bastrén ou coitela, etc.
- Pezas monetarias (moedas de ouro, de prata e, sobre todo, de bronce)
- Armas de caza e "de guerra": coitelos, puñais e espadas curtas, lanzas e dardos...
- Outros trebellos e obxectos para usos diversos: pezas de carro, chaves, bisagras, grapas, un ripo para o liño e a lá, un cencerro, etc.

C.- Cerámica:

- De tradición castrexa (varios tipos)
- Común romana (varios tipos, de cociña e de mesa)
- "Terra sigillata" (fina de mesa, importada: sudgálica, hispánica, tardía, e tamén imitacións...)
- Outros obxectos de barro (fusaiolas, fichas, colgantes, etc.)

D.- Outros materiais:

- Acibeche (aneis, adornos)
- Vidro (vasos, copas, xerras e outros recipientes, contas de colar e adornos)

     Esta estructuración ou división en bloques non quere dicir que cada alumno ou grupo de alumnos teña que traballar nun só lugar do Museo recollendo datos sobre unha cuestión determinada, senón que en cada unha das súas salas, en paneis, en vitrinas e en maquetas, van achar informacións sobre aquelo que lles interese para o seu traballo; este é un aspecto, o da globalidade da información, que o profesor debe facer ver e entender antes da visita.

OS POSIBLES TEMAS A ESTUDIAR E DESENVOLVER

     Todos aqueles materiais, presentes entre os achados producidos no Castro de Viladonga, e o propio xacemento no seu conxunto, permitirán estructurar os coñecementos relativos ós diferentes aspectos deste sitio pero tamén, con carácter xeral e conxugándoos con outras fontes de coñecemento como as textuais, os referentes á Cultura Castrexa e Galaico-romana. Aqueles coñecementos poderían esquematizarse así:

1.- Situación, contextualización e organización espacial do Castro:

- xeográfica e topográfica
- histórica e cultural
- distribución e ocupación do espacio dentro do Castro
- tipos e formas das construccións

2.- Aspectos defensivos do home e do territorio:

- tipos de defensas no Castro (murallas, foxos, naturais...)
- armas (tipos, materiais...)

3.- Aspectos e actividades económicas:

- minería e ourivería
- actividades agrícolas e gandeiras ou pastorís
- recolección, caza e pesca
- oficios artesanais e domésticos
- intercambios (troco, comercio...)

4.- Costumes sociais e aspectos domésticos:

- a vida cotiá no Castro
- o papel da muller e do home, dos vellos e dos nenos...
- actividades e elementos domésticos (o interior da casa, o vestiario, o ornato...)

5.- Aspectos ideolóxicos e lúdicos:

- crenzas, cultos e posibles ritos (amuletos, obxectos votivos...)
- xogos e uso do lecer

     Todos estes aspectos e as informacións a eles referidas, son os que se queren reflectir nas Fichas de traballo que se aportan como suxerencia de actividade, e para o seu cumprimento atoparanse os datos nas propias salas do Museo e no mesmo Castro, ademais de seren complementadas por medio de guías, folletos e, loxicamente, polas ensinanzas do profesorado.

 

BIBLIOGRAFÍA DE CONSULTA

* F.ARIAS VILAS: A Romanización de Galicia, (Ed.A Nosa Terra), Vigo 1992.

* F.CALO LOURIDO: A Cultura Castrexa, (Ed.A Nosa Terra), Vigo 1993.

* A.ROMERO MASIÁ-X.M.POSE MESURA: Galicia nos textos clásicos, (Monografías Museo S.Antón, 3), A Coruña 1987.

* A.TRANOY: La Galice Romaine, (Ed.De Boccard), París 1981.

* VV.AA.: La Romanización de Galicia, (Cuadernos de Sargadelos 16), A Coruña 1993 (2ª ed.).

* VV.AA.: Cántabros, Astures y Galaicos, (Exposición Ministerio de Cultura), Madrid 1982.

* VV.AA.: Estudos de Cultura Castrexa e Historia Antiga de Galicia, (Univ. de Santiago- Inst.P.Sarmiento), Santiago de Compostela 1983.

Tamén poden consultarse obras de referencia ou Historias xerais como:

* X.AGRAFOXO: Didáctica da Prehistoria de Galicia, Noia 1992 (Ed.propia)

* X.AGRAFOXO: Didáctica da Historia Antiga e Medieval de Galicia, Muros-Noia 1993 (Ed.Toxosoutos)

* Gran Enciclopedia Gallega, s.v. "Castros", "Celtas", "Cultura Castrexa", "Escultura", "Romanización", e outras.

* VV.AA.: Historia de Galicia, I, (Ed. Planeta), Barcelona 1980.

* VV.AA.: Galicia. Historia, I, (Ed. Hércules), A Coruña 1993, e
   VV.AA.: Galicia. Arte, I, (Ed. Hércules), A Coruña 1994.

* VV.AA.: Historia xeral de Galicia, (Ed. A Nosa Terra), Vigo 1997.

Para os Aspectos particulares deste xacemento, véxase a Bibliografía sobre o Castro de Viladonga na Introducción deste Programa de Acción Didáctica.

 

Solución á Ficha nº 26
1-BRONCE
2-FÍBULA
3-CROA
4-FUSAIOLA
5-MURALLA
6-EXCAVACIÓN
7-FOXO
8-TORQUES
9-ARQUEOLOXÍA
10-SIGILLATA

Asociación de Amigos do Museo