NOTICIAS
2003

06/11/2003

      Convócase Asemblea Xeral Ordinaria desta Asociación, que se celebrará  o sábado 29 de novembro de 2003, ás 11 h. en primeira convocatoria e 11:30 h. en segunda e definitiva, na Sala de Actos do Museo do Castro de Viladonga, coa seguinte ORDE DO DÍA:

    1.- Lectura da Acta anterior e aprobación, se procede.

    2.- Informe da Xunta Directiva sobre as actividades realizadas no último ano.

    3.- Estado de contas e proxecto de presuposto para o ano 2004.

    4.- Proposta de actualización de cuotas a 15 euros anuais.

    5.- Programa de actividades para o ano 2004: propostas e suxestións.

    6.- Altas e baixas de socios/as no último ano.

    7.- Comunicados, rogos e preguntas.

Despois da Asemblea, farase unha visita comentada ó Castro para ver os últimos traballos de escavación, limpeza e consolidación recén finalizados.

NOTA IMPORTANTE: Como é habitual, o mesmo día 29 teremos un xantar de irmandade. Para poder organizalo axeitadamente, as persoas que desexen asistir deben comunicalo, polo medio que estimen máis oportuno, antes das 19 horas do domingo 23 de novembro (teléfono 982-314-255; fax 982-314-194; e-mail)


10/10/2003

      Avance informativo sobre os traballos arqueolóxicos no Castro de Viladonga en 2003 (II)

Máis información: http://www.aaviladonga.es/ga/notasVD2003-II.htm


26/09/2003

      Avance informativo sobre os traballos arqueolóxicos no Castro de Viladonga en 2003 (I)

Ofrecemos a primeira entrega dunha serie de avances ou breves notas informativas sobre a evolución destes traballos arqueolóxicos. A nosa intención é que tanto os visitantes de Viladonga coma as persoas que entren no noso sitio web, poidan ter un mínimo coñecemento da marcha da investigación e da propia presentación ó público do Castro de Viladonga, sen esperar á realización do necesario estudio completo das estructuras e materiais aparecidos, que se fará unha vez rematada a campaña.

http://www.aaviladonga.es/ga/notasVD2003-I.htm


08/09/2003

      Desde o día 10 de setembro e, previsiblemente deica finais de outubro, desenvolverase no Castro de Viladonga a decimoséptima campaña de escavacións arqueolóxicas desde que Chamoso Lamas as iniciara en 1971 e Arias Vilas as proseguira desde 1982. Os traballos consistirán, por un lado, na ampliación do corte practicado na entrada da croa nos anos 1988-89, co fin de averiguar a resolución da muralla principal nesta zona; e por outro, na continuidade da escavación no chamado antecastro Oeste, na área situada á beira do camiño de acceso ó Castro por esta parte occidental, para obter máis datos sobre a súa utilización e funcionalidade.

Como é habitual, as escavacións complementaranse con traballos de limpeza e rozado xeral das zonas visitables do Castro e coa consolidación puntual nas estructuras que o precisen.

A campaña deste ano 2003, que será subvencionada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia con 27.500 euros, será dirixida por Felipe Arias, responsable do Museo do Castro, coa colaboración do arqueólogo Emilio Ramil González, da empresa ACSA, encargada da xestión dos traballos. Neles participarán varios arqueólogos galegos así como licenciados e estudiantes universitarios, ademais de peóns da comarca.


12/05/2003

      O 18 de maio, instituído polo Consello Internacional de Museos (ICOM) como Día dos Museos, ten como lema este ano Os Museos e os seus Amigos, e está dedicado fundamentalmente ás persoas ou entidades que colaboran con estes centros, de moi distinta forma e en diferente grao e sexa de xeito estable ou eventual, pero sempre na procura de favorecer o cumprimento das principais funcións dos Museos -conservadora, investigadora e educadora-, facendo fincapé maiormente no papel de difusión e promoción do Patrimonio Cultural que custodian ou que teñen no seu contorno.

Para conmemorar esta efeméride, o MUSEO DO CASTRO DE VILADONGA abrirá nas súas instalacións a Exposición temporal (producida polo Consello galego de Museos) titulada MUSEOS DE GALICIA: A MEMORIA DUN POBO, que se inaugurará oficialmente o vindeiro mércores 14 de maio, ás 19 h. e que estará neste Museo do Castro de Viladonga ata o 30 de xuño de 2003, no horario habitual de apertura (todos os días, de 10 a 20 h.). Esta Exposición consta de 49 paneis de orixinal deseño, que conteñen información escrita e gráfica sobre os 29 museos integrados naquel Consello, varios deles da provincia de Lugo.

      Ademais, con este motivo, tamén a Federación Española de Amigos de los Museos (FEAM), e á parte doutras celebracións ou actividades posibles nos distintos museos, fixo a proposta xenérica de que este día 18 de maio, socios/as de cada Asociación reciban e atendan ós visitantes para falarlles do Museo e das actividades que se fan en colaboración coas Asociacións respectivas ou, en xeral, do labor destas, repartindo folletos, posters, etc.

Por outra banda, moitos museos de todo o mundo queren aproveitar este Día mundial dos Museos para chamar a atención da sociedade sobre as desfeitas sufridas polo Patrimonio Cultural de Iraq (berce dunha boa parte das culturas e civilizacións do mundo) e, en especial, sobre o saqueo do Museo e da Biblioteca de Bagdad, mediante a difusión de manifestos, escritos ou imaxes sobre este desgraciado tema de actualidade.


29/04/2003

      Como xa adiantabamos no Editorial do último número de CROA (12 - 2002), a fins do pasado mes de marzo a Asociación de Amigos do Museo do Castro de Viladonga cumpriu cinco anos de presencia continuada en Internet.

Queremos agradecer todo o apoio e ánimo que recibimos xa desde o primeiro momento en que apostamos por este novidoso e cada vez máis espallado medio de comunicación, que serve para facilitar o noso labor de difusión e divulgación do Patrimonio Cultural e, en especial, o do Castro de Viladonga e o seu Museo.

Esta efeméride é unha boa excusa para intentar aportar novas iniciativas que melloren a nosa oferta cultural, e por eso aproveitamos a ocasión para incluir a versión electrónica do citado Boletín CROA: a partir de agora pódese consultar o último número íntegro, cos artigos desglosados en formato pdf, ademais das xa coñecidas versións de temas específicos que se veñen publicando en e-Castrexo.

El Progreso de Lugo
La voz de Galicia 3/4/1998
La Voz de Galicia


04/03/2003

      O xoves 6 de marzo ás 19 h. terá lugar no Museo do Castro de Viladonga a apertura da Exposición temporal "Antonio García y Bellido e a arqueoloxía do Noroeste peninsular", producida polo Museo de León e que contén pezas deste mesmo centro e do Museo Arqueolóxico de Asturias.

Esta Exposición permanecerá aberta no Museo de Viladonga deica o día 4 de maio no horario habitual de visita pública, de 10 a 20 h.
ENTRADA GRATUITA


22/01/2003

      A exposición temporal Arqueoloxía lucense desde o aire, permanecerá nos seguintes lugares  datas:

Volver