NOTICIAS
2001

31/10/2001

      Está previsto que o venres 23 de novembro teña lugar na Galería Sargadelos de Lugo (Praza de Sto. Domingo), ás 20 horas, unha presentación e proxección, pública e comentada, da completa web do Museo e do Castro de Viladonga, que a nosa Asociación patrocina e sostén en Internet. Esperamos a súa activa participación neste acto.

      Convócase Asemblea Xeral Ordinaria desta Asociación, que se celebrará  o sábado 24 de novembro de 2001, ás 12 h. en primeira convocatoria e 12'30 h. en segunda e definitiva, na Sala de Actos do Museo do Castro de Viladonga, coa seguinte ORDE DO DÍA:

    1.- Lectura da Acta anterior e aprobación, se procede.

    2.- Informe da Xunta Directiva sobre as actividades realizadas no último ano.

    3.- Estado de contas e proxecto de presuposto para o ano 2002.

    4.- Programa de actividades para o ano 2002: propostas e suxerencias.

    5.- Proposta de actualización das cuotas a euros.

    6.- Altas e baixas de socios no último ano.

    7.- Comunicados, rogos e preguntas.

NOTA IMPORTANTE: Como é habitual, despois da Asemblea terá lugar un xantar de irmandade. Para poder organizarlo axeitadamente, as persoas que desexen asistir deben comunicalo polo medio que estimen máis oportuno, antes das 19 h. do 21 de novembro (teléfono 982-314-255; fax 982-314-194; e-mail)


5/10/2001

    Neste mes de outubro poderase ver a Exposición itinerante  Os traballos artesanais no Castro de Viladonga no Museo Etnolóxico de Ribadavia.


9/8/2001

   O Castro de Viladonga e o seu Museo están cumprindo durnate esta etapa do ano unha das súas funcións complementarias máis importantes, a da súa utilización turística, xa que é constante o aluvión de visitas a este conxunto, fundamentalmente de grupos familares e de amig@s, con notable presencia de turismo español doutras comunidades autónomas. A oferta do Castro e do Museo complétase coa Exposición temporal "Arqueoloxía lucense desde o aire", que volve mostrarse en Viladonga despois de itinerar con éxito durante dous anos por diversos lugares de Galicia.

Así mesmo, nesta época intensifícase a interacción coa Ruta de Sendeirismo do río Azúmara, xunto con outras actividades realizadas en colaboración coa Asociación de Amigos da Feira de Castro de Rei, como foron as recén celebradas Xornadas de Identidade Chairega.

   Lémbrase a tod@s @s soci@s e persoas interesadas que ata o 30 de setembro está aberto o prazo para a recepción de orixinais a publicar no número 11 de CROA, correspondente ó presente ano 2001.  


15/7/2001

   

    O Gabinete de Historia e Arqueoloxía da Câmara Municipal de Ágeda publicou recentemente unha guía de ma sobre a "Estaçao arqueológica do Cabeço do Vouga". O seu autor e coordinador do Gabinete, Fernando Pereira da Silva, facilitounos a misma en formato PDF:

    "...uma pequena brochura sobre um povoado do Baixo Vouga, Águeda, Aveiro, que acaba de ser publicada para atingir o grande público. A Estação Arqueológica do Cabeço do Vouga é, segundo alguns autores, o lugar da antiga Talábriga, pese embora não haver até ao momento quaisquer dados arqueológicos nesse sentido. Seja como seja, trata-se de um povoado com origem na Idade do Bronze, mas em que o mundo da Idade do Ferro e o Romano são as principais ocupações..."

http://www.aaviladonga.es/cabvouga-brochura.pdf (1,11 Mb)


1/6/2001

   

    - Do 15 ó 30 de xuño poderase ver a Exposición fotográfica Arqueoloxía lucense desde o aire no Concello de Taramundi (Asturias).

    - O 6 de xuño inaugúrase a Exposición itinerante  Os traballos artesanais no Castro de Viladonga no Museo do Pobo Galego.


06/05/2001

    O 18 de maio celébrase o DÍA INTERNACIONAL DOS MUSEOS, que o ICOM (Consello Internacional de Museos, da Unesco) ten establecido desde hai xa anos, e que nesta ocasión ten como lema Museos, Cultura e Sociedade.

Para conmemorar esta efeméride, o MUSEO DO CASTRO DE VILADONGA organiza, coa colaboración da súa Asociación de Amigos, as seguintes actividades:

    - Vernes 18 de maio: habiual xornada de "portas abertas" no Museo.

    - Luns 21 de maio: 1ª proxección comentada de diapositivas, dedicada a "O Castro de Viladonga e o seu medio natural ó longo do ano".

    - Mércores 23 de maio: 2ª proxección comentada de diapositivas, dedicada a "30 anos de traballos arqueolóxicos e museísticos no Castro de Viladonga".

Estas dúas proxeccións terán lugar na Sala de Actos do Arquivo Histórico Provincial de Lugo (rúa Cambria, s/n., -lateral do edificio da Biblioteca Pública-), ás 20:15 horas.

O Museo do Castro de Viladonga invita a estes actos a todo o público en xeral, e moi especialmente ós/ás socios/as da súa Asociación de Amigos, ó tempo que anima a reflexionar sobre a definición do concepto e das funcións que no século XXI teñen que cumprir estas entidades, como institucións que deben prestar un servicio de cultura, de carácter público no noso caso, a toda a comunidade social.


18/4/2001

   

    - Onte inaugurose a Exposición fotográfica Arqueoloxía lucense desde o aire no I.E.S. de As Pontes de García Rodríguez. Permanecerá exposta ata o 30 de abril.

    - Desde o 23 de abril ata o 5 de maio poderase ver a Exposición itinerante  Os traballos artesanais no Castro de Viladonga no I.E.S. de Monterroso.


24/3/2001

   

    - Nova Xunta Directiva da Asociación de Amigos do Museo do Castro de Viladonga para o período 2001-2005

    - Presenación e distribución ós socios do número 10 de CROA.


2/2/2001

      Convócase Asemblea Xeral Extraordinaria desta Asociación, que se celebrará  o sábado 24 de marzo de 2001, ás 12 h. en primeira convocatoria e 12'30 h. en segunda e definitiva, na Sala de Actos do Museo do Castro de Viladonga, coa seguinte ORDE DO DÍA:

    1.- Elección de Xunta Directiva por finalización de mandato da actual..

    2.- Comunicados, rogos e preguntas.

    Lémbrase que ata o propia día da Asemblea está aberto o prazo de presentación de candidaturas para a elección citada, ben sexa de xeito individual, para un só cargo directivo, ben sexa en conxunto para todos os cargos que deben renovarse (Presidente, Vicepresidente, Secretario, Tesoureiro, Vocal primeiro e Vocal segundo), conforme ó establecido no artigo 8.2 dos Estatutos da Asociación.

        Tendo en conta a importancia e trascendencia do acto, agardamos a súa puntual asistencia e participación.

NOTA IMPORTANTE: Como é habitual, despois da Asemblea terá lugar un xantar de irmandade. Para poder organizarlo axeitadamente, as persoas que desexen asistir deben comunicalo polo medio que estimen máis oportuno, antes das 19 h. do martes 20 de marzo (teléfono 982-314-255; fax 982-314-194; e-mail)


10/1/2001

    Temos o pracer de informarte da publicación de "Un día no Castro de Viladonga", conto de carácter didáctico pensado para difundir este conxunto arqueolóxico e museístico, fundamentalmente entre o público infantil e escolar, e editado por esta Asociación de Amigos, en colaboración coas Brigadas en defensa do Patrimonio Chairego. Esta publicación narra o diálogo entre un vello castrexo e o seu neto galaico-romano, por medio de atractivos debuxos e de breves textos que fan referencia contínua ós restos materiais deste xacemento e ós achados que se exhiben no seu museo monográfico. O conto distribuirase ós integrantes dos grupos escolares que visiten de xeito organizado o Castro de Viladonga e, ademais, poñerase á venda a un prezo case simbólico para o resto do público visitante.

      Por outro lado, a Exposición temporal "Os traballos artesanais no Castro de Viladonga" inicia a súa itinerancia (pois con tal carácter e ó igual que outras mostras semellantes foi concebida polos técnicos do Museo, viaxando a Xixón, onde a Fundación Municipal de Cultura a vai acoller na Aula Didáctica do Parque arqueolóxico da Campa de Torres. A Exposición, que se traslada con 42 pezas do Museo e os paneis explicativos complementarios, inaugúrase o martes 16 de xaneiro ás 12'30 h., e estará aberta ata o domingo 4 de marzo.

Volver