NOTICIAS
2008

18/12/2008

      CONTO DE NADAL: Con motivo das festas do Nadal, o Museo do Castro de Viladonga está a ofrecer unha actividade de contacontos interactivo con monicreques interpretado por 3 actores. O argumento é unha adaptación do conto de Charles Dickens "Canción de Nadal".
Os nenos convértense en pequenos trasnos que axudan ó protagonista do conto a recuperar a ilusión polo Nadal. Guiados pola narradora, fan soar uns cascabeis que lles entregaremos ó comezo da sesión. Acompañan ó protagonista nunha viaxe imaxinaria na que os monicreques cobran vida no guiñol.

Ademáis da actuación, os nenos participantes visitan o Castro e o Museo; como agasallos reciben uns recortables de xoias castrexas (torques e arracada) e de maquetas de casas castrexas.

   



31/07/2008

O arqueólogo Emilio Ramil cun dos grupos do Curso

      "DO CASTRO Á CIDADE", VISITA AO CASTRO: O Curso de actualización sobre a romanización de Galiza "Do Castro á Cidade. A Romanización na Gallaecia e na Hispania Indoeuropea", celebrado do 21 ao 23 de xullo en Lugo, desenvolveuse a sesión do día 22, pola mañá, no Museo e no Castro de Viladonga.

Cerca de 90 participantes asistiron á conferencia da directora Elena Varela Arias, "Organización do espazo no Castro de Viladonga", e unha visita as instalacións do Museo; no xacemento recibiron as explicacións do arqueólogo Emilio Ramil, responsable nas actuais escavacións arqueolóxicas no Castro, e do restaurador Gonzalo Buceta, encargado da campaña de conservación e restauración no barrio central da croa do Castro. A sesión rematou cunha visita guiada polo xacemento, acompañados polo personal técnico do Museo.

Gonzalo Buceta, restaurador, no barrio central co grupo   Visitando a muralla principal



03/07/2008

      OFICINA MONETALIS en "ARDE LUCUS": O Museo do Castro de Viladonga participou nas actividades de "Arde Lucus" có desenvolvemento do obradoiro da moeda "Oficina monetalis". Cun gran éxito de público infantil, fixemos moedas de ouro romanas (sólidos aureos) seguindo os pasos de fabricación: elaboración dos flans, pesado, acuñado e finalmente dourado das moedas.

      



08/06/2008

      DO CASTRO Á CIDADE: O Museo do Castro de Viladonga participa no Curso de actualización sobre a romanización de Galiza "Do Castro a Cidade. A Romanización na Gallaecia e na Hispania Indoeuropea", a celebrar do 21 ao 23 de xullo. O curso está organizado polo Departamento de Historia Antiga da Universidade de Santiago, ca colaboración da Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e da Vicepresidencia Primeira de Cultura da Diputación Provincial de Lugo.

 

 

Máis información...



09/05/2008

      TÍTERES: Do 12 ao 16 e do 19 ao 23 de maio a compañía de títeres Titirimaña representará no museo a obra "Carmiña Brañolas no Castro de Viladonga", ambientada na cultura castrexa. Está adicada a alumnos de educación infantil e primaria. Os escolares ademáis visitarán o castro e o museo e farán recortables alusivos á xoiaría castrexa e á tipoloxía das vivendas galaico romanas.

 

 

Máis información...

     NOITE DOS MUSEOS: O sábado 17 de maio celebrarase a cuarta edición da Noite dos Museos, evento creado en 2005 polo Ministerio de Cultura e Comunicación francés no que participan numerosos museos de toda Europa. Ten como finalidade achegar ao museo novos públicos mediante a realización de actividades pouco habituais neste tipo de institucións e en horario tamén estrano a elas. A programación prevista polo Museo do Castro de Viladonga, en colaboración coa súa Asociación de Amigos, para este ano 2008 é a seguinte:

- A partir das 18 h. xogos populares a cargo da Asociación de Xogos Populares "O Cadaval", de Pacios.

- Ás 19.30 h. exhibición de danza oriental pola Compañía de Danza Oriental y Folklore Árabe "Alahadanza", da Coruña.

- Ás 20.30 h. música de percusión interpretada polo Grupo Deggo formado por músicos procedentes de Senegal, Galicia e Brasil.

- A partir das 21.30 ofrecerase un aperitivo e a continuación, xa coa noite pecha, farase unha visita guiada ao Castro.

Invitación en formato PDF [2.927 Kb]



07/05/2008

     PATRIMONIO FOTOGRÁFICO: Estánse dando os primeiros pasos para realizar unha das actividades propostas na asemblea do pasado novembro: a recollida de fotografías da comarca e dos seus habitantes. Fixemos o primeiro contacto cos veciños de Goberno e Ansemar informándoos por carta da intención da Asociación, en colaboración co Museo, de iniciar unha colección de fotos que permita documentar, conservar, protexer e difundir ese patrimonio.

     TRABALLOS NO CASTRO: En datas recentes rematouse o levantamento topográfico do Castro de Viladonga segundo as coordenadas UTM, o que permitirá unha mellor localización das estruturas e achados. Previo a este traballo fíxose necesario desbrozar e limpar o xacemento na parte correspondente aos terreos privados, xa que a maleza que os cubría desde hai uns trinta anos impedía o seu topografiado. Ofrécese agora aos visitantes unha visión clara da sucesión de foxos e murallas, así como da extensión dos antecastros e terrazas que conforman o castro, situación que esperamos se manteña coa colaboración dos propietarios privados, mentres non se completa a declaración de BIC do xacemento e a adquisición pola Xunta de Galicia das fincas que o compoñen.



09/04/2008

      Cómprenos convocar a Asemblea Xeral Ordinaria desta Asociación, que se celebrará o sábado 26 de abril de 2008, ás 12 h. en primeira convocatoria e 12:30 h. en segunda e definitiva, na Sala de Actos do Museo do Castro de Viladonga, coa seguinte ORDE DO DÍA:

    1.- Lectura da Acta anterior e aprobación, se procede.

    2.- Informe da tesoureira e aprobación das contas do ano 2007.

    3.- Orzamento do ano 2008.

    4.- Rogos e preguntas.

NOTA IMPORTANTE: Como é habitual, o mesmo día 26 teremos un xantar de irmandade. Para poder organizalo axeitadamente, as persoas que desexen asistir deben comunicalo, polo medio que estimen máis oportuno, antes das 19 horas do sábaso 19 de abril (teléfono 982-314-255; fax 982-314-194; e-mail)



30/01/2008

      Xa está na rúa o nº 17 do Boletín CROA, correspondente ao ano 2007.

Este Boletín é o órgano de comunicación e información cultural da Asociación de Amigos do Castro de Viladonga, que patrocina a súa edición, ao tempo que serve tamén de revista de expresión científica e intercambio bibliográfico do propio Museo, que se encarga da súa preparación e realización material.

O vindeiro xoves, 31 de xaneiro, ás 8 do serán , acto de presentación na Galería de Sargadelos de Lugo.

Como de costume, a revista distribuirase ós asociados no Museo do Castro de Viladonga e na mesma Galería Sargadelos. Aos que non residan nos concellos de Lugo ou de Castro de Rei, seralles remitida por correo postal ordinario.



NOTICIAS AÑOS ANTERIORES
2007 - 2006 - 2005 - 2004 - 2003 - 2002 - 2001 - 2000 - 1999 - 1998

Volver