ANTONIO GARCÍA Y BELLIDO E A ARQUEOLOXÍA DO NOROESTE PENINSULAR
Museo do Castro de Viladonga
También en español

As investigacións arqueolóxicas e históricas do profesor García y Bellido sobre o Norte e Noroeste peninsular supuxeron o espertar dun labor de corte científico nestas áreas e, a maiores, a superación das visións eruditas máis tradicionais, baseadas case exclusivamente na información dos textos de autores clásicos, xeralmente escasa para esta zona e case sempre cunha visión parcial.

Entre a inxente obra de Antonio García y Bellido, cómpre salientar máis de medio cento de traballos dedicados á arqueoloxía do Norte e Noroeste peninsular, tanto da época castrexa como, e sobre todo, do mundo romano. Os seus estudios abranxen desde o País Vasco deica Galicia e o Norte de Portugal, se ben a súa atención preferente estivo centrada en zonas de Asturias, Cantabria, Palencia e León.

Mentres en Asturias García y Bellido é lembrado polos seus traballos arqueolóxicos nos castros naviegos de Pendia e Coaña, facendo deste último unha reconstrucción debuxada que tivo moita fortuna en toda a bibliografía posterior, e así mesmo quedou plasmado o seu labor no estudio dos materiais das termas de Campo Valdés de Xixón, na área cántabra, tamén nos anos 40, fai escavacións en Iuliobriga centrando a súa atención en aspectos referidos á implantación do exército romano en Hispania, algo no que continuará na palentina Herrera de Pisuerga, xa a comezos dos anos 60.

Pero será en León onde García y Bellido afondará nas cuestións relacionadas co exército romano, publicando e promovendo estudios e traballos diversos sobre a fundación da Legio VII Gemina, a partir da anterior Legio VI Victrix que deu orixe á capital leonesa. As súas escavacións, interpretacións e o material gráfico por el elaborado son aínda hoxe en certa medida decisivos para entender este enclave romano da Meseta Norte.

A actividade científica de García y Bellido relacionada con Galicia e co Norte de Portugal é tamén relativamente ampla, quizais polo seu vencello "estacional" coa ría do Eo. Unha sinxela ollada á súa bibliografía déixanos ver que prestou atención a moi variados temas e en distinto grao, unhas veces persoalmente e outras promovendo estudios por parte doutras persoas (caso dos traballos no Castro de Fazouro, logo publicados de xeito resumido en Archivo Español de Arqueología). Nos anos 40 compara o caldeiro de Cabárceno coa diadema chamada entón "de Ribadeo" (hoxe de Moñes, Asturias), estudia a lápida coa mención dos Albiones (en ambos casos queda clara a súa vinculación cos temas da cunca do Eo), e analiza o achado -vinte anos antes- do tesouro áureo da Golada ou o do depósito de machados de talón do Ío (dous exemplos da Idade do Bronce na provincia de Pontevedra).

O mundo castrexo e as diversas manifestacións da etapa galaico-romana tamén ocuparon varias páxinas da súa estensísima obra. Convén facer breve mención das súas aportacións, por exemplo, sobre o singular poboado e necrópole da Lanzada, a propósito do problema dos enterramentos e a súa relación coas "cámaras" funerarias hoxe reinterpretadas como "saunas", verbo da cuestión das orixes da casa redonda no Noroeste (que se recolleu na súa útil e coñecida obra sobre o urbanismo na Antigüidade), sobre os relevos e estelas que daquela (comezos dos 60) ían aparecendo en Vigo e noutros lugares ou, en fin e por rematar con algo vencellado á área lucense, coa publicación do remate de vexillum en forma de águia, do Caurel (como documento militar), ou sobre as Tablas de Barro que citan o importante pero aínda problemático Dactonium. Todo esto por non citarmos estudios de carácter xeral que teñen aplicación ó Noroeste peninsular: velaí a traducción comentada dos textos descriptivos de Estrabón e Plinio, ou todo o relativo ás guerras cántabras incluíndo a difusión do plano de Lucus Augusti coa súa muralla tardía, ou ben sobre a latinización de Hispania ou mesmo sobre o conxunto da Arte Romana, na súa monumental e aínda non superada obra de síntese.


Antonio García y Bellido (Villanueva de los Infantes, Ciudad Real, 1903 - Madrid, 1972) estudiou Filosofía e Letras en Madrid, onde tivo como mestres, entre outros, a José Ramón Mélida, Manuel Gómez Moreno, Hugh Obermaier e Elías Tormo, que dirixiría a súa tese doctoral sobre os Churriguera e que foi o seu mentor para o ingreso na Real Academia da Historia.

A formación inicial de García y Bellido na Historia da Arte habería de ter unha grande importancia metodolóxica nos seus futuros traballos sobre o urbanismo e a arquitectura do mundo antigo, a cerámica grega ou a escultura romana.

En 1931 obtén a cátedra de Arqueoloxía Clásica na Universidade de Madrid, e logo da Guerra Civil, desde dita cátedra inicia dous novos campos de investigación: a colonización grega, fenicia e púnica en Occidente, e a arqueoloxía dos pobos prerromanos do Norte peninsular, neste caso participando nas escavacións que Juan Uría Riu, da Universidade de Oviedo, promovera no Castro de Coaña.

En 1949 ve a luz a súa obra Esculturas romanas de España y Portugal, publicada polo 'Consejo Superior de Investigaciones Científicas', institución na que habería de fundar dous anos despois o 'Instituto de Arqueología Rodrigo Caro', de onde sairía, á súa vez, a revista Archivo Español de Arqueología, converténdose desde entón ambas, institución e publicación, nos dous cernes de toda a actividade de García y Bellido, nucleada xa fundamentalmente en todos os aspectos do mundo hispano-romano.

Paralelamente producirase o recoñecemento internacional do seu labor como arqueólogo e historiador: doctor honoris causa na Universidade de Bordeaux, ingreso na Academie de Inscriptions et Belles Letres, membro da Hispanic Society of New York e da Comisión histórica da UNESCO, entre moitas outras distincións.

Hoxendía, considérase a García y Bellido como o gran impulsor dos estudios de Arqueoloxía Clásica en España, algo que recoñecen institucionalmente as universidades españolas, e como creador de fructíferas liñas de investigación na Arqueoloxía hispano-romana.

 

CATÁLOGO DE PEZAS DA EXPOSICIÓN

DO MUSEO DE LÉON
Ministerio de Educación, Cultura y Deporte
Junta de Castilla y León

Ciudad de León:

DO MUSEO ARQUEOLÓXICO DE ASTURIAS
Principado de Asturias

Castro de Coaña:

Castro de Pendia:

DA AULA ARQUEOLÓXICA DE CAMPA TORRES
Concello de Xixón
DO MUSEO DO CASTRO DE VILADONGA
Xunta de Galicia


CRÉDITOS

ANTONIO GARCÍA Y BELLIDO E A ARQUEOLOXÍA DO NOROESTE PENINSULAR
Museo do Castro de Viladonga (Castro de Rei, Lugo)
7 de marzo - 4 de maio de 2003

Idea orixinal da Exposición
Museo de León
(Junta de Castilla y León)
Dir. Luis Grau

Comisario da Exposición
Ángel Morillo Cerdán
Prof. Universidad de León

Pezas
Museo de León
Museo Arqueolóxico de Asturias
Aula Arqueolóxica de Campa Torres

Fotografías e documentos
Arquivo persoal de Mª Paz García-Bellido
Ángel Morillo
Felipe Arias
Arquivo do Museo do Castro de Viladonga

Colaboran
Paloma García
Parque Arqueolóxico de Campa Torres
(Concello de Xixón)

Asociación de Amigos do Museo do Castro de Viladonga

Coordinación
Felipe Arias Vilas
Museo do Castro de Viladonga

Deseño e montaxe expositivo
P & T (Juan Stové)
(Gijón)
Museo del Castro de Viladonga

Versión electrónica
Enrique Jorge Montenegro Rúa
http://www.aaviladonga.es/ga/exp-garciaybellido.htm

Agradecemento especial a
Mª Paz García-Bellido e familia