ESTATUTOS

 

CAPÍTULO I.- Da Asociación en xeral

Artigo 1.- Co nome Asociación de Amigos do Museo do Castro de Viladonga constituiuse o 25 de febreiro de 1989 unha asociación con plena capacidade xurídica e de obrar, e sen ánimo de lucro. A Asociación rexerase polos presentes Estatutos, ó abeiro da Lei Orgánica 1/2002 de 22 de marzo e normas complementarias, e a súa denominación será Asociación de Amigos do Castro de Viladonga.

Artigo 2.- Esta Asociación constitúese por tempo indefinido.

Artigo 3.- Son fins principais da Asociación:

a) Colaborar no funcionamento e nas actividades do Museo do Castro de Viladonga, e interesarse polos labores de acopio, conservación, investigación, documentación, difusión e protección do Patrimonio Cultural en xeral e Arqueolóxico en particular, con especial atención ó Castro de Viladonga.

b) Buscar e fomentar as relacións do Museo do Castro de Viladonga con entidades públicas e privadas, con vistas á mellor protección e promoción do Patrimonio Cultural.

c) Promover e sensibilizar entre a sociedade o papel dos museos como medios de transmisión da memoria histórica.

d) Promover a relación e o intercambio social e cultural entre os asociados, así como a comunicación e colaboración con outras entidades de fins similares.

e) Desenvolver todo tipo de actividades dirixidas a cubrir as demandas e necesidades culturais dos asociados, por si soa ou en colaboración con outros colectivos de similares fins.

f) Demandar das autoridades a cooperación para unha maior promoción da cultura en todos os seus ámbitos e manifestacións.

Artigo 4.- Para o cumprimento destes fins realizaranse as seguintes actividades:

a) Creación e dinamización de espacios e ámbitos de encontro social.

b) Organización de actividades de carácter social e cultural, como xuntanzas, encontros, paseos, rotas e viaxes formativos, etc.

c) Organización de cursos, seminarios, conferencias, exposicións, certames e actos análogos.

d) Elaboración e edición de materiais informativos ou calquera outro tipo de publicación para a difusión do ideario da asociación, así como dos coñecementos científicos e culturais vinculados ós  seus fins.

e) Adquirir e recadar doazóns ou depósitos de obxectos e bens de carácter cultural, de utilidade científica ou didáctica, ou de valor documental e bibliográfico para o Museo do Castro de Viladonga.

f) O deseño e execución de cantas accións ou actividades sexan precisas para conseguir a participación dos asociados así como doutros integrantes da comunidade social.

g) O fomento das relacións de colaboración con institucións públicas, empresas privadas,  persoas e especialmente con outras entidades non lucrativas que permitan un mellor cumprimento dos fins fundacionais.

h) Calquera outra actividade que a Xunta Directiva considere axeitada para o cumprimento dos fins da Asociación.

Artigo 5.- O domicilio social da Asociación radicará no Museo do Castro de Viladonga (Viladonga s/n,  27259 - Castro de Rei, Lugo). Poderase cambiar, ou utilizar outros locais asociativos no mesmo concello de Castro de Rei ou no concello de Lugo, mediante acordo da Xunta Directiva.

Artigo 6.- A Asociación, en función dos seus fins e do seu domicilio social, exercerá fundamentalmente as súas actividades no ámbito da Comarca da Terra Chá e da Provincia de Lugo

 

CAPÍTULO II.- Dos Asociados

Artigo 7.- Poderán ser integrantes da Asociación todas as persoas físicas ou xurídicas, con plena capacidade de obrar e, no segundo caso, tras o acordo do órgano competente, que reúnan os seguintes requisitos e sexan admitidos na forma que se determina nos presentes Estatutos:

a) Ter interese no desenvolvemento dos fins principais da Asociación.

b) Formalizar a integración na Asociación por medio da solicitude de inscrición, que se fará  por calquera medio do que quede constancia no seo daquela e segundo o contemplado nos presentes Estatutos, comprometéndose a cumprir estes.

c) Comprometerse, moralmente e na medida de cadansúas posibilidades, a desenvolver os fins e a participar nas actividades da Asociación.

Artigo 8.- A condición de asociado pérdese por causa de:

a) Petición voluntaria de baixa, comunicada á Xunta Directiva por calquera medio do que quede constancia, e previo aboamento das cotas que teña pendentes.

b) Impagamento das cotas por tempo superior a dous anos.

c) Realización de accións ou omisións que prexudiquen gravemente os intereses e o funcionamento da Asociación, ou causen dano grave moral ou material ó Museo e ó Castro de Viladonga, o que motivará a incoación de expediente informativo e disciplinario.

Artigo 9.- No supostos b) e c) do artigo 8, a perda de condición de asociado será acordada pola Xunta Directiva, previa audiencia das alegacións ou xustificacións do interesado. O acordo deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral e contra del poderase recorrer diante da xurisdicción ordinaria.

Artigo 10.- A separación temporal dun asociado pódese producir:

a) Por petición persoal e por escrito do asociado.

b) Por acordo da Xunta Directiva, a causa de ter aberto un expediente sancionador, ou polo impagamento de cotas, ou por comportamentos que afecten ó bo funcionamento ou ó cumprimento  dalgúns dos fins da Asociación.

Artigo 11.- A Asociación pode ter as seguintes clases de asociados:

a) Socios fundadores, que son aqueles que asinaron a acta de constitución inicial da Asociación.

b) Socios numerarios, que serán as persoas físicas ou xurídicas que ingresen polo medio establecido nos presentes Estatutos, mediante o aval de dous socios fundadores ou numerarios.

c) Socios de honra, entre as persoas físicas ou xurídicas que, a proposta da Xunta Directiva e por acordo da Asemblea Xeral, destaquen polo seu apoio, colaboración e contribución ó cumprimento dos fins e o desenvolvemento das actividades da Asociación, ou se fagan merecentes da distinción polas súas accións a prol do Museo e o Castro de Viladonga. Os socios de honra estarán exentos do pago de cotas.

A Asociación poderá establecer, mediante acordo da Asemblea Xeral, a figura doutros tipos de socios colaboradores, como infantís e xuvenís (menores de 18 anos co consentimento paterno) e/ou simpatizantes.

Artigo 12.– Son dereitos dos socios de número:

a) Participar en calquera actividade que a Asociación organice en cumprimento dos seus fins, e beneficiarse das vantaxes que aquela poida proporcionar, así como daquelas  que ofreza o  Museo do Castro de Viladonga segundo a normativa vixente.

b) Participar nas Asembleas con voz e voto, así como ser elector e/ou elixible para os cargos directivos nas condicións sinaladas nos presentes Estatutos.

c) Recibir información sobre os acordos tomados polos órganos da Asociación, así como sobre a planificación de actividades e a execución do orzamento.

d) Suxerir ou propoñer ós membros da Xunta Directiva calquera iniciativa destinada a mellorar o cumprimento dos fins da Asociación.

e) Recabar información e asesoramento nos temas relacionados cos fins e aas actividades da Asociación, así como posuír un exemplar dos Estatutos.

f) Aqueles outros dereitos contemplados na normativa legal vixente.

Artigo 13.- Son deberes dos socios de número:

a) Cumprir os presentes Estatutos e os acordos válidos das Asembleas e da Xunta Directiva.

b) Prestar a súa participación e colaboración nas actividades segundo determinen os presentes Estatutos e os acordos das Asembleas xerais.

c) Asistir ás Asembleas xerais e, se é o caso, ás xuntanzas convocadas pola Xunta Directiva.

d) Cumprir e desenvolver as obrigas inherentes ó cargo directivo que se ocupe, se é o caso.

e) Satisfacer as cotas ordinarias ou, se as houber, de entrada ou por derrama, establecidas pola Asemblea.

f) Aqueles outros deberes contemplados na normativa legal vixente, en especial o de mirar pola protección e conservación do Patrimonio Cultural.

Artigo 14.- Os socios de honra e os doutro tipo que se poidan crear conforme se sinala nestes Estatutos, terán as obrigas que a Asemblea Xeral determine para cada caso, poidendo disfrutar da exención ou reducción das cotas que se establezan.

 

CAPÍTULO III.- Do funcionamento asociativo

RÉXIME XERAL

Artigo 15.- A Asociación rexerase segundo os presentes Estatutos, sempre que non se opoñan á normativa vixente nin contradigan os principios contidos na Lei Orgánica 1/2002 e o seu desenvolvemento regulamentario. Un Regulamento de Réxime Interno poderá desenvolver os presentes Estatutos.

Artigo 16.- O goberno e a representación da Asociación están a cargo dos seguintes órganos:

a) A Asemblea Xeral, como máximo órgano colexiado de goberno e de plena soberanía da Asociación.

b) A Xunta Directiva, como órgano colexiado en quen a Asemblea delega o goberno e a administración permanente da Asociación.

c) O Presidente, o Vicepresidente, o Secretario, o Tesoureiro e os Vocais, como órganos unipersoais e con funcións de representación, goberno e administración determinadas polos presentes Estatutos.

ASEMBLEA XERAL

Artigo 17.- A Asemblea Xeral, como órgano máximo de expresión da vontade da Asociación, estará integrada por todos os asociados de número e tomará os seus acordos polo principio maioritarío e de democracia interna. O Presidente e o Secretario da Asemblea serán os mesmos cós da Xunta Directiva, e se é o caso, serán substituídos polo Vicepresidente e un dos Vocais respectivamente.

Artigo 18.- A Asemblea Xeral reunirase con carácter ordinario como mínimo unha vez ó ano, e con carácter extraordinario cantas veces o acorde a Xunta Directiva, o considere o Presidente,  ou o solicite o 10 % dos socios en plenitude dos seus dereitos. Neste caso, a solicitude farase por escrito dirixido ó Presidente, autorizado coas sinaturas dos socios solicitantes e no que se expoña o motivo da convocatoria e a orde do día.

Artigo 19.- A Asemblea Xeral Ordinaria reunirase necesariamente dentro dos tres meses seguintes ó peche do exercicio.

Tanto a Asemblea Ordinaria como a Extraordinaria serán convocadas polo Presidente con 20 días de antelación, enviándose notificación ós asociados polo medio máis oportuno sempre que estes teñan constancia da convocatoria.

Na convocatoria constarán o lugar, data e hora da xuntanza, así como a orde do día con expresión concreta dos temas a tratar e os anexos que procedan. Sinalarase a hora da segunda convocatoria que, como mínimo, será  trinta minutos máis tarde cá primeira.

Artigo 20.- Para que a Asemblea, integrada polos asociados asistentes, poida tomar acordos, deberá concorrer a ela un tercio do total dos asociados con dereito a voto na primeira convocatoria ou, pasado o prazo estipulado no artigo anterior para a segunda convocatoria, coa concorrencia de calquera número de asociados con dereito a voto.

Artigo 21.- Os socios poderán outorgar a súa representación, ós efectos de exercer o voto nas Asembleas Xerais, en calquera outro socio, representación que se fará por escrito e deberá obrar en poder do Secretario da Asemblea polo menos quince minutos antes de celebrarse esta.

Artigo 22.- Son competencias da Asemblea Xeral Ordinaria:

a) Aprobar o programa de actuación proposto pola Xunta Directiva, así como examinar e aprobar a Memoria de xestión correspondente.

b) Aprobar o orzamento proposto pola Xunta Directiva, así como examinar e aprobar os balances e as contas anuais do exercicio anterior.

c) Fixar as cotas ordinarias, reducidas e/ou extraordinarias.

d) Aprobar o Regulamento de Réxime Interno da Asociación.

e) Ratificar as altas e baixas de socios a proposta da Xunta Directiva.

f) Aquelas outras que resulten dos presentes Estatutos e non estean expresamente atribuídas á Asemblea Xeral Extraordinaria ou á Xunta Directiva.

Artigo 23.- Son competencias da Asemblea Xeral Extraordinaria:

a) Elixir os compoñentes da Xunta Directiva.

b) O nomeamento de socios de honra.

c) A modificación dos Estatutos.

d) A aprobación da integración e/ou federación con outras asociacións.

e) A disolución da Asociación e designación dos liquidadores.

f) A autorización do alleamento, gravame ou hipoteca de bens sociais.

g) A solicitude de declaración de Asociación de Utilidade Pública.

Artigo 24.- Os acordos tomaranse por maioría simple das persoas presentes ou representadas, cando os votos afirmativos superen os negativos, sen seren computables a este respecto os votos en branco nin as abstencións. Para os apartados comprendidos entre o c) e o g) do artigo 23, será preciso maioría cualificada das persoas presentes ou representadas, cando os votos afirmativos superen a metade daquelas.

Os acordos trasladaranse ó libro de Actas, que asinará o Presidente e o Secretario da Asemblea. A acta deberá ser dada a coñecer ós socios e aprobada, se procede, por maioría simple, na seguinte sesión que celebre a Asemblea Xeral.

Artigo 25.- Os acordos que vaian en contra dos Estatutos ou dos fins da Asociación poderán ser recorridos en reposición diante da Asemblea Xeral. A partir da resolución do recurso de reposición, quedará aberta a vía para recorrer diante da xurisdicción ordinaria.

XUNTA DIRECTIVA

Artigo 26.- A Asociación estará representada e será xestionada por unha Xunta Directiva formada polos seguintes cargos: Presidente, Vicepresidente, Secretario, Tesoureiro e tres Vocais, un dos cales será, de oficio, o Director do Museo do Castro de Viladonga.

As persoas que compoñan a Xunta Directiva deberán ser socios cunha antigüidade dun ano, maiores de idade e exercer o cargo de forma gratuíta. Os cargos serán designados e revogados pola Asemblea Xeral e o seu mandato terá unha duración de 4 anos, podendo ser reelixidos ó final do seu mandato por un número máximo de tres veces. En todo caso, a renovación de cargos farase por metades, correspondendo a primeira renovación ó Vicepresidente, Tesoureiro e un dos dous Vocais de elección.

Artigo 27.- Os cargos directivos citados no artigo anterior poderán causar baixa por renuncia voluntaria comunicada por escrito á Xunta Directiva, ou por incumprimento das obrigas que tiveran encomendadas e/ou por expiración do mandato. Neste último caso, os asociados continuarán nos seus cargos ata que se produza a aceptación de quen os substitúan.

Artigo 28.- As vacantes que se produzan nos cargos da Xunta Directiva cubriranse provisionalmente por designación desta entre os seus compoñentes deica a Asemblea Xeral elixa os novos membros ou confirme os designados.

Artigo 29.- A Xunta Directiva reunirase con carácter ordinario polo menos unha vez ó bimestre e con carácter extraordinario cantas veces o determine o Presidente ou a petición de tres dos seus membros. A convocatoria realizarase como mínimo con tres días de antelación mediante notificación persoal e con indicación dos temas a tratar. A ausencia inxustificada ás reunións formalmente convocadas, por parte de calquera membro da Xunta Directiva, por tres veces consecutivas ou cinco alternas, dará lugar á súa destitución.

A Xunta Directiva quedará constituída cando asista a metade máis un dos seus membros e para que os seus acordos sexan válidos deberán ser tomados por maioría simple. No caso de empate, decidirá o voto de calidade do Presidente.

Artigo 30.- As facultades da Xunta Directiva estenderanse, con carácter xeral, a todos os actos propios dos fins da Asociación, sempre que non requiran autorización expresa da Asemblea Xeral segundo o establecido nestes Estatutos. En particular son facultades da Xunta Directiva:

a) Dirixir as actividades sociais e levar a xestión económica e administrativa da Asociación, acordando realizar os oportunos actos, contratos e pagos.

b) Convocar as Asembleas Xerais e executar o acordado nelas.

c) Elaborar e propoñer para a súa aprobación pola Asemblea Xeral, o Programa de actuación anual, así como a Memoria de xestión correspondente.

d) Formular e someter á aprobación da Asemblea Xeral o orzamento do exercicio, así como os balances e as contas anuais do exercicio pechado.

e) Resolver sobre a admisión de novos asociados ou sobre a petición de baixa voluntaria de socios, para sometelas á ratificación da Asemblea xeral.

f) Crear Comisións de traballo co fin de delegar nelas a preparación de determinadas actividades ou recabar delas informacións que se estimen necesarias. Ó cargo destas Comisións designarase un membro da Xunta Directiva.

g) Nomear delegados ou representantes para determinadas actividades da Asociación.

h) Velar polo cumprimento dos Estatutos e interpretalos conforme á normativa vixente, así como do Regulamento de Réxime Interno, podendo así mesmo dictar normas de funcionamento non contempladas neste Regulamento ou por non existir este.

i) Calquera outra facultade que non sexa competencia da Asemblea Xeral.

ÓRGANOS UNIPERSOAIS

Artigo 31.- O Presidente terá as seguintes atribucións:

a) Ostentar a dirección da Asociación velando polo cumprimento dos seus fins e Estatutos.

b) Representar legalmente á Asociacíón diante de toda clase de organismos públicos ou privados.

e) Convocar, presidir e levantar as sesións da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva, así como dirixir as deliberacións que nelas se produzan.

d) Ordenar pagos e autorizar coa súa firma os documentos, actas, certificacións e correspondencia.

e) Adoptar calquera medida urxente que fose necesaria e conveniente para o bo funcionamento da Asociación e o desenvolvemento das súas actividades, sen prexuízo de dar conta posteriormente á Xunta Directiva.

Artigo 32.- O Vicepresidente asumirá as funcións que nel delegue o Presidente, substituíndoo en caso de vacante, ausencia ou enfermidade.

Artigo 33.- O Secretario terá as seguintes atribucións:

a) Ostentar a dirección dos traballos administrativos da Asociación.

b) Custodiar e levar os libros de actas e o rexistro de socios, así coma os documentos e selos da Asociación.

c) Estender as convocatorias e as actas das reunións ademais de expedir certificacións destas co visto e prace do Presidente.

d) Comunicar ós Rexistros correspondentes a designación de Xuntas Directivas e demais acordos sociais inscribibles, así coma a presentación das contas anuais e o cumprimento das obrigacións documentais nos termos que legalmente correspondan.

Artigo 34.- O Tesoureiro terá as seguintes atribucións:

a) Ostentar a dirección dos traballos de xestión económica da Asociación.

b) Custodiar e levar os libros de contabilidade e os inventarios, así como todos os documentos económicos necesarios para a elaboración das contas e balances.

c) Preparar tecnicamente os orzamentos, as contas anuais e os balances para a súa presentación diante da Xunta Directiva e da Asemblea Xeral.

d) Organizar o cobro das cotas, asinar os recibos destas, recadar e custodiar os fondos pertencentes á Asociación.

e) Dar cumprimento ás ordes de pago autorizadas polas sinaturas que corresponda.

Artigo 35.- Os Vocais terán as obrigas propias do seu cargo como membros da Xunta Directiva, así coma as que nazan das delegacións ou comisións de traballo que a propia Xunta lles encomende.

RÉXIME ECONÓMICO

Artigo 36.- A Asociación é unha entidade sen ánimo de lucro, e se obtiver posibles beneficios económicos como consecuencia das súas actividades, incluídas a prestación de servicios, aqueles deberán destinarse exclusivamente ó cumprimento dos seus fins.

Artigo 37.- O Patrimonio da Asociación coincide co recollido nas contas aprobadas anualmente, e o seu fondo social limítase ó sinalado nos estado de contas anuais e ós bens materiais inventariados como propiedade da Asociación.

Artigo 38.- O exercicio económico da Asociación será anual e o seu peche terá lugar o 30 de setembro de cada ano.

Artigo 39.- O orzamento da Asociación será anual, e terá que ser aprobado na Asemblea Xeral Ordinaria de inicio do exercicio. Así mesmo, a liquidación do orzamento terá que ser presentada na Asemblea Xeral Ordinaria inmediatamente posterior ó remate do exercicio.

Artigo 40.- Anualmente e con referencia ó último día do exercicio económico de cada ano, practicarase o inventario e balance de situación, que se formalizará nunha memoria e será posta a disposición dos socios durante un prazo non inferior a quince días antes do sinalado para a celebración da Asemblea Xeral Ordinaria, que deberá aprobalo ou censuralo.

Artigo 41.- Os recursos económicos previstos para o desenvolvemento dos fins e actividades da Asociación serán os seguintes:

a) As cotas ordinarias dos asociados, que en ningún caso serán reintegrables.

b) As cotas extraordinarias que propoña a Xunta Directiva e sexan aprobadas pola Asemblea.

c) As doazóns ou subvencións que se poidan recibir de organismos públicos, entidades privadas ou particulares, así como calquera tipo de legado ou manda legal.

d) Os ingresos que se poidan recibir polo desenvolvemento das actividades da Asociación.

e) As achegas voluntarias, que se considerarán como préstamos sen xuros, reintegrables nos termos que se pacten entre as partes.

f) Calquera outro recurso de procedencia lícita.

Artigo 42.- Para a disposición dos fondos que a Asociación teña depositados en entidades financieiras, deberán ter recoñecidas as firmas, cando menos, do Presidente e do Tesoureiro-contador, para a súa utilización conxunta.

Artigo 43.- Para a disposición dos bens patrimoniais que se aproben regulamentariamente, será precisa a súa aprobación pola Asemblea Xeral.

 

CAPÍTULO IV.- Da modificación de Estatutos e da disolución

Artigo 44.- Os presentes Estatutos poderán ser modificados a proposta da Xunta Directiva ou dunha cuarta parte dos asociados.

Neste caso, a convocatoria da Asemblea Xeral Extraordinaria terá a modificación dos Estatutos como único punto da orde do día e estará acompañada do texto coas modificacións propostas, abríndose un prazo de 10 días para que calquera socio poida dirixir á Xunta Directiva as propostas e emendas que estime oportunas. Estas complementarán a documentación daquela Asemblea e poñéranse a disposición dos socios cunha antelación mínima de tres días á súa celebración.

A aprobación da modificación dos Estatutos acordarase pola maioría cualificada das persoas presentes ou representadas.

Artigo 45.- A Asociación disolverase polas seguintes causas:

a) Pola vontade dos asociados acordada pola maioría cualificada das persoas presentes ou representadas. En todo caso, a Asociación non se disolverá mentres haxa 20 socios que manifesten o seu compromiso para mantela.

b) Por outras causas determinadas legalmente.

c) Por sentenza xudicial.

Artigo 46.- Acordada a disolución, a Asemblea Xeral Extraordinaria designará dous socios liquidadores que, xunto co Presidente e o Tesoureiro-contador, procederán a efectuar a liquidación dos bens, pagando débedas, cobrando créditos e fixando o haber líquido resultante. Este haber, unha vez efectuada a liquidación será doado a outra entidade de carácter non lucrativo, inscrita na Comunidade Autónoma de Galicia e que teña os mesmos ou similares fins ós desta Asociación. O xustificante da doazón será presentado no correspondente Rexistro para proceder a anotación da disolución da Asociación.

O arquivo, a biblioteca e os bens da Asociación doaranse ó Museo do Castro de Viladonga (Castro de Rei, Lugo), como centro xestionado pola Xunta de Galicia, mediante os trámites que proceda.

Castro de Viladonga (Castro de Rei, Lugo), 18 de maio de 2004.

 

Voltar