AVANCE INFORMATIVO SOBRE OS TRABALLOS ARQUEOLÓXICOS NO CASTRO DE VILADONGA EN 2003 (II)
Felipe Arias Vilas
También en español

Transcorrida xa máis da metade do tempo previsto para a campaña de escavacións de 2003 no Castro de Viladonga, autorizada e custeada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, os traballos teñen proporcionado substanciosas novidades nas dúas áreas abertas: a zona da entrada á croa e o antecastro do lado Oeste.

A muralla situadaá dereita da entrada principal, que está feita con varios rebancos irregulares desde a cimentación con pedras de mediano e grande tamaño, remátase nun paramento enfiado cara ó exterior. Ó retirar o enorme derrubo da parte alta da muralla, entre o que se documentaron varias tégulas, tamén apareceu parte do paramento de remate do outro lado da muralla. Con isto, puido definirse o camiño de entrada (e de saída) do recinto interior ou croa, conservando ademais o seu posible empedrado original.

Na área do Antecastro Oeste, que é onde ata agora se están producindo os achados dos materiais máis significativos como se indicaba no primeiro avance informativo (cerámica castrexa e común romana, algún vidro, bronces de uso doméstico e de adorno -como un arete liso-), chama a atención a presencia masiva de elementos de barro e pallabarro (barro con improntas de paus e/ou madeiras), correspondentes ós derrumbos dos muros que están sendo localizados a carón da grande construcción rectangular xa coñecida nesta parte do Castro. No lado máis occidental desta zona a estratigrafía é de maior potencia e variedade, probablemente por razón da súa proximidade á muralla exterior do Antecastro; nun extenso nivel de cinzas recolléronse sementes de cereais calcinadas.

Así mesmo e paralelamente, iniciáronse os traballos complementarios de rozado e limpeza de maleza e broza nas murallas e foxos principais do xacemento.


Castro de Viladonga, 10 de outubro de 2003

[máis información]

Avance informativo anterior

Home