AVANCE INFORMATIVO SOBRE OS TRABALLOS ARQUEOLÓXICOS NO CASTRO DE VILADONGA EN 2003 (I)
Felipe Arias Vilas
Fotografías: Enrique Jorge Montenegro Rúa
También en español

Unha vez iniciada a campaña de escavacións deste ano no Castro de Viladonga (VD-03), autorizada e custeada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, os traballos xa comezan a dar os seus froitos nas dúas áreas de escavación abertas.

Na zona situada á dereita da entrada principal á croa, compróbase a continuidade da muralla nesta parte Leste do xacemento, con maior potencia de cimentación da que se pensaba. Ademais, e aínda que o devir da campaña terá que ratificalo, a muralla parece abrirse cunha lixeira curvatura cara ó paso de entrada á acrópole interior do Castro.

Tamén nesta zona da croa, apareceu un muro duns 7 m. de longo, paralelo á muralla e a uns 4 m. de distancia desta, formando así, quizais, unha especie de rúa ou intervallum, anque posteriores campañas haberán de aclarar esta cuestión.

Na outra área aberta, no chamado Antecastro Oeste, xa están ben documentadas tres paredes dunha construcción rectangular e alongada que xa se apuntara na campaña de 1996. No seu interior, ademais do silo e a lareira xa coñecidos, rexístranse varios pisos de ocupación e uso moi seguidos. No lado Leste desta construcción, un aliñamento de pedras planas semella separar a parte “doméstica” doutro espacio de utilización máis “artesanal”, deducida provisionalmente pola presencia dunha posible canle e unha zona de combustión local, se ben os achados non permiten asegurar ningunha funcionalidade concreta.

Neste Antecastro producíronse ata agora os achados máis significativos, por outra parte coincidentes coa cronoloxía principal galaico-romana deste asentamento: unha fíbula en omega, un borde de terra sigillata hispánica, dúas fichas ou calculi de pizarra, dúas moedas de bronce tardorromanas, ademais da numerosos anacos de tégula, ó lado de lousas furadas e, ás veces, conservando o cravo de fixación.

Dentro duns dez días, poderase dispoñer de maior información sobre esta campaña de escavacións, que rematará a fins de outubro cos necesarios traballos de limpeza xeral e consolidación puntual no Castro.


Castro de Viladonga, 26 de setembro de 2003


Avance informativo seguinte

Home