OS TRABALLOS ARTESANAIS NO CASTRO DE VILADONGA
Felipe Arias Vilas, Filomena Dorrego Martínez y Ana Mª Rubiero da Pena
Debuxos: Marta Cancio Martínez
También en español

INTRODUCCIÓN

Entre os numerosos materiais que teñen proporcionado as diferentes campañas de escavación no Castro de Viladonga, son de destacar, polo seu número e moitas veces pola súa singularidade, aqueles que teñen relación con calquera traballo e/ou oficio de tipo artesanal (ou "manual", de aí o símbolo gráfico desta Exposición).

Esta relación entre a cultura material dun sitio como Viladonga (un castro ocupado en época galaico-romana tardía) e toda unha serie de oficios ou labores de carácter artesanal, pode ser directa, en canto que nos aparecen os trebellos, os útiles e toda clase de obxectos de tal carácter (caso da ourivería, da cerámica ou da acibechería), pero outras veces estamos diante de materias primas ou de ferramentas que serviron para elaborar aqueles mesmos trebellos e útiles diversos que sin embargo, pola súa composición en materia orgánica perecedeira, non teñen chegado ós nosos días: é o caso dos tecidos, dos obxectos de carpintería ou de cestería, etc.

Por outro lado, a relación entre a arqueoloxía e a etnografía queda aquí ben plasmada, pois moitos instrumentos (e oficios) do traballo artesanal utilizados na etapa castrexa e galaico-romana tiveron a súa pervivencia, nalgúns casos, ata os tempos presentes. De feito, algunhas pezas arqueolóxicas son identificadas a través do estudio e comparación, con todas as cautelas propias de cada caso, da cultura material tradicional, principalmente, como é lóxico, da galega.

Esta mostra temporal só pretende ser un complemento da exposición permanente do Museo do Castro de Viladonga, e polo tanto, non é unha recollida exhaustiva de tódolos obxectos e pezas relacionados cos traballos artesanais recoñecidos e documentados neste xacemento, senón só unha referencia selectiva a determinados labores e produccións que nos axudan a entender mellor a vida dos castrexos na época galaico-romana, baseándose sempre nos obxectos e pezas aparecidos, pero coa contextualización necesaria para entendelos e explicalos a todo tipo de público.


A CONSTRUCCIÓN

A pedra, que neste Castro é case sempre de xisto ou pizarra, extraíase por medio de picos, cuñas (de ferro ou madeira), martelos e ciceis. Petábase nas cuñas, introducidas nas diaclasas (gretas naturais dos penedos) ata parti-las penas no tamaño desexado. No caso das cuñas de madeira, se lles iría botando auga para enchoupalas de xeito que, ó inchar, facía fende-la rocha.

Antes de acomoda-las pezas era preciso retocarlle-los bordos cunha ferramenta de pico. Así, colocando as pedras unha a unha e facéndoas cadrar, chegarían a acadar uns muros compactos e ben asentados, axudándose de niveis e chumbadas, e utilizando a maioría das veces, como elemento aglutinante, unha argamasa terrosa e barrenta.

O chan dalgúns espacios construídos ou ó lado das construccións faise con grandes lousas (probablemente para servir de eiras ou de celeiros), que esixían unha preparación menos coidada pero tamén moi laboriosa. Tamén hai entradas con soleiras de pedra ou facendo escaleira.

No Castro de Viladonga coñécense dous sistemas ou tipos de cubertas.

Nun deles, o de tradición máis antiga e que aínda pervive nas pallozas actuais, usábase materia vexetal (palla ou colmo), que se suxeitaba cun entramado de cordas, algunhas delas tirantes gracias ás pesas de pedras que levan un furado para amarra-la corda que pendía dos esteos ou paus verticais da construcción.

O outro sistema é unha introducción romana e consiste na fabricación e utilización de tellas de barro: tégulas (tella plana) e ímbrices (tella curva). Unha vez extraído o barro e ben amasado colocábase nuns moldes apropiados para acada-las formas desexadas, retocando ou extraendo logo o barro sobrante.

Unha vez extraídas dos moldes, as tégulas e ímbrices secábanse ó ar. A esta fase da elaboración, e antes da cocción nun forno, corresponderían as pisadas de animais e, desde logo, as marcas e sinais que aparecen en moitas tellas.

Non hai que esquence-la existencia dos esteos verticais e das vigas das armazóns da cuberta, que eran de madeira e das que non se conservan restos, igual que de moitas lumieiras ou linteis das portas.


O TRABALLO DO METAL

Pódese falar do emprego frecuente de dous metais, deixando á parte as produccións de ouro e prata; son o ferro e o bronce, con diferentes procesos de fabricación, distintas propiedades e variadas utilizacións.

O ferro

Para consegui-las láminas ou barras de ferro que se traballaban na forxa, o mineral era previamente tratado nun forno por fusión reductora (combustión do mineral con carbón vexetal), formando a fundición que se recollía en estado líquido no fondo do forno. Deste proceso quedaban as "gangas" e as escouras, que aparecen tamén no Castro.

O forxado conseguíase a base dun martelado continuo da masa metálica, alternando coa súa introducción no lume, dándolle así a cada obxecto a forma desexada e, ademais, permitindo o afiado do borde das pezas.

Cómpre destaca-la grande variedade e abundancia de ferramentas e trebellos de ferro aparecidos neste Castro, que evidencia un bo dominio das técnicas metalúrxicas artesanais e unha notable diversificación de traballos, oficios e útiles.

O bronce

A aliaxe ou mestura de cobre e estaño deu lugar ó bronce, ás veces tamén con chumbo ou outros metais. Aquela facíase nun recipiente de pedra ou arxila refractaria (resistente ó calor intenso), que chamamos crisol.

O metal líquido vertíase nun molde no que previamente se traballaba ou esculpía a forma da peza que se quería conseguir. O molde univalvo estaba formado por unha soa valva matriz, mentres levaba unha tapa superior móbil (ás veces consistía nunha simple pedra ou laxa).

Unha vez enfriado e solidificado o metal, abríase o molde e sacábase a peza. Se facía falta, había un posterior traballo de martelado ou pulido para elimina-la rebaba de fundición producida na zona de unión das valvas.

Outra variante sería o sistema de fundición á cera perdida. O modelo esculpíase en cera e cubríase coa arxila do molde; cando ésta secaba, a cera eliminábase ó bota-lo metal líquido e moi quente a través dun buratiño naquel. Logo, para libera-la peza de metal, non había máis que rompe-lo molde de arxila.


A OURIVERÍA

As xoias son obxectos arqueolóxicos que presentan a miúdo problemas de definición cronolóxica e de asignación da súa orixe e/ou fabricación, pois se trata de pezas que en ocasións entraban en circuitos comerciais e, moitas veces, a súa posesión e mesmo o seu uso prolóngase no tempo durante varias xeracións.

A grandes rasgos, na ourivería do Noroeste pode establecerse unha corrente de producción continuada desde a Idade do Bronce cando, sobre os innegables aportes autóctonos, coñeceranse innovacións vidas de Centroeuropa e do mundo atlántico, que comenzarían a da-los seus froitos, no que á Cultura Castrexa se refire, sobre o século VI a.C. A comezos do s. IV a.C. empézanse a elaborar adornos laminares con granulado, globulado e filigrana, a imitación do que se facía no Mediterráneo e no Sur peninsular, pero esta corrente sempre vai convivir con aquela centroeuropa e atlántica. A toda esta ourivería vaise xuntar logo a de producción romana, moita dela de importación máis ou menos lonxana.

O proceso de elaboración das xoias que están documentadas ata agora no Castro de Viladonga pode resumirse nas seguintes fases: despois da fundición das pebidas ou do pó de ouro, facíanse unhas planchas e, a partir destas, unhas láminas ou fíos.

Unha vez obtidas estas pezas, xa se podía pasar á elaboración dos distintos tipos de xoias, ben soldando as láminas (como sucede na arracada), ben trenzando os fíos de ouro (como na cadeíña para colgar aquela mesma peza), ou ben enroscándoos (como nun anel ou prendedor)


A CARPINTERÍA

Os habitantes do Castro houberon de utilizar útiles e recipientes feitos de material perecedeiro como a madeira, todos eles elementos dos que non quedan restos arqueolóxicos, aínda que si sabemos do seu uso tanto polas fontes escritas de época romana como polo tipo dalgunhas ferramentas para traballar aqueles materiais, e que neste caso si se documentan arqueolóxicamente: bastrén, trenchas, goibas, cuñas, cravos...

Hai que supoñer, polo tanto, a existencia de xerras, cuncas, pratos, cubertos e outros utensilios de cociña e de mesa, feitos todos eles de madeira de varios tipos, ó igual que sucedería con outros útiles (teares, fusos...) e co diverso mobiliario (huchas, bancos...).

Asímesmo, hai que considerar que o traballo sobre a madeira era necesario para outras actividades como a construcción, usándose para face-las armazóns e soportes de teitos, as portas, os valados, etc., e tamén para a preparación doutros útiles (coma os mangos de ferramentas metálicas) ou enseres (coma diverso tipo de mobiliario).

Aínda que xa se advertía que moitos destes elementos non se conservaron ata hoxe, si que chegaron a nós, en cambio, os sinais do seu uso (coma os furados para fincar postes nas construccións), ou os complementos daqueles (coma os apliques de mobiliario, as propias ferramentas metálicas, etc.)


A CERÁMICA

Coa axuda do barro ou arxila presente na propia natureza, e coa axeitada utilización do lume e do sol, o home chegou a producir uns obxectos resistentes ó calor e de certa durabilidade, moi apropiados para cubri-las necesidades no que se refire á preparación de alimentos e a súa almacenaxe. O resultado é unha grande variedade de recipientes ou contedores de cerámica, que adoita se-lo material máis abundante nos xacementos arqueolóxicos castrexos e galaico-romanos.

De entre os tipos cerámicos atopados no Castro, é posible que só a de tradición castrexa fose producida en Viladonga, pois a de introducción romana é, case toda ela, de importación, ben sexa de sitios da propia Gallaecia ou doutros moi lonxanos do resto do Imperio. Dentro daquela cerámica castrexa están presentes asadores (ou queixeiras), cazolas, xerras, cuncas e olas de diversas formas e tamaños.

O primeiro paso na súa fabricación era a extracción do barro. Unha vez este no obradoiro, co seu amasado lográbase unha pasta compacta e homoxénea que, ás veces, precisaba dunha cantidade importante de degraxante (materiais areosos, micáceos...) para favorece-la resistencia da peza cerámica ó lume, evitando gretas de secado e reducindo a excesiva plasticidade que pode acada-la masa.

A técnica máis antiga que aparece no Castro é a fabricación de pezas a man, correspondentes moitas veces á súa breve ocupación prerromana, aínda que tamén se fixeron a man algúns obxectos cerámicos da época galaico-romana como fusaiolas ou crisois. É nesta etapa, a de maior auxe no Castro, cando se xeraliza a fabricación a roda ou torno baixo, que deixa uns sinais característicos tanto no interior como no exterior das vasillas.

A fase final ou de acabado dos obxectos cerámicos podía comprender:

- a colocación de asas, despois de ter xa moldeada a peza

- o engobado ou aplicación de arxila semi-líquida

- o alisado da superficie da peza, obtendo ás veces un raiado desigual

- o brunido ou obtención de diversos matices de brillo obtidos por fricción cun punzón de punta roma ou un alisador adecuado.

Asímesmo, nesta fase fanse as decoracións que presentan algunhas pezas:

- por incisión, aplicando un instrumento con punta máis ou menos afiada

- por impresión, como resultado da presión dun obxecto sobre o barro fresco

- con aplicacións plásticas, adherindo penlas ou fíos de barro en relevo

Antes de mete-las pezas no forno era necesario esperar a que estivesen secas, proceso que moi probablemente se facía ó sol.

O feito de non ter aparecido ata agora en Viladonga ningunha estructura nin elemento identificable como un forno de cerámica propiamente dito, permite pensar na posibilidade dunha cocción sinxela, por medio dun furado na terra ou ó aire libre, sempre coa axuda do lume.


O TECIDO

Despois de obtidas as fibras naturais (de liño e de lá), limpábanse, no caso da lá a través do lavado e batido cunha vara para darlle maior soltura. O liño, logo de empozado, mazábase sobre unha pedra para desprenderlle a parte leñosa.

Rematada a limpeza da lá, procedíase ó seu desenguedellado, paso imprescindible para logo poder fia-las fibras; para aquel labor de desenredado empregábase un peite de dentes metálicos, que tamén puido servir para alisa-las fibras de liño e convertelas nunha mazaroca.

Para a confección do fio, cunha man extráense paulatinamente fibras que pasan a ser enroladas sobre si mesmas cos dedos, mentres cos dedos da outra imprímese un movemento de rotación ó fío con axuda do fuso, o que serve para facelo máis ou menos apretado.

Para servir de contrapeso e axudar ó movemento xiratorio, evitando ademais que a mazaroca de fío se saíra do seu sitio, ó final da vara do fuso insertábase unha peziña furada e de forma arredondeada, de pedra ou de barro ou cerámica, moi abundantes en tódolos castros galaicos e coñecida como fusaiola.

O tear vertical de pesas queda documentado nos xacementos arqueolóxicos a través das pesas de pedra que se empregaban nel, amais das descricións presentes en textos antigos. Neste tipo de tear, a urdime pende en sentido vertical e as dúas series de pesas estaban destinadas a manter tensos os diferentes fíos pares e impares daquela. O mecanismo de accionamento do tear debe permitir que, dentro do conxunto dos fíos da urdime, se poidan levantar ou separar ó mesmo tempo aqueles que son pares dos que son impares; lógranse así dúas posicións alternativas que permiten introduci-lo fío envolto nunha lanzadeira ou nunha agulla de pasar trama.


OUTROS TRABALLOS

As actividades agrícolas e pecuarias desenvolvidas polos habitantes do Castro de Viladonga deberon dar lugar a unha serie de traballos destinados a aproveitar determinadas produccións derivadas daquelas. Igualmente, algunhas materias ou productos naturais constituiron un importante recurso para a fabricación de trebellos e útiles de moi diverso tipo, material e feitura.

A cestería

Para este traballo empregaríanse diferentes elementos vexetais coma o vimbio, o toxo ou a xesta, arbustos leñosos de pólas moi flexibles, que permite ir entretecendo as varas. No caso da palla do centeo ou colmo enrolaríase en espiral un "mollo" que se suxeitaba cunha tira doutro vexetal; cando se trataba doutro material, como a madeira, era preciso entrecuza-las tiras en horizontal para forma-lo fondo desde o que partirán as verticais que van suxeitando as primeiras.

O coiro e a pel

As peles dos animais utilizáronse para aparellos das cabalerías ou dos animais de tiro ou carga: monturas, arreos e rendas... Tamén se aproveitaron para facer pezas da vestimenta, mediante os oportunos procesos de lavado, raspado, alisado e estirado, ou para a fabricación de foles, bolsas, etc.

O acibeche

Hai que facer mención ó uso do acibeche no Castro; esta variedade de carbón fósil, presente en anacos soltos en bruto, prestábase ben para o tallado, labrado, pulido e engastado de pezas de adorno: aneis, contas de colar, colgantes, etc.

A pedra

Ademais do traballo da construcción, hai que ter en conta o laboreo da pedra para fabricar obxectos destinados a usos ou labouras domésticas; é o caso dos muíños de pedra manuais, planos e circulares, para moe-lo gran e feitos xeralmente en granito, mentres que as afiadeiras e pulidores soen ser de pizarra. Para outros labores artesanais (coma na propia construcción ou na carpintería) deberon usarse as pesas e mazas de pedra que aparecen con certa frecuencia no Castro.


A PERDURACIÓN DOS TRABALLOS ARTESANAIS

Algunhas veces a arqueoloxía ten que mirar para a etnografía á hora de cubrir aquelas lagoas do coñecemento que a falta de obxectos e artefactos (pois o material perecedeiro non chega ata hoxe) non permite documentar suficientemente, ou que se fai difícil por mor da ausencia ou precariedade de datos. Así, gracias á etnoarqueoloxía podemos afondar no proceso de extracción da pedra das canteiras ou pedreiras, ou no seguro uso da madeira nalgúns ou en moitos elementos constructivos das casas (esteos, lumieiras...). Ou ben, podemos presupoñe-la fabricación de útiles domésticos de madeira como xarras, cuncas, pezas do mobiliario, trebellos para os labores agropecuarios, etc.; ou, dentro do uso da madeira, cabe pensar na probabilidade certa duns labores de cestería a base de varas de carballo ou de salgueiro, de vimbio ou de codeso.

Deste xeito, pódese dicir que a meirande parte dos traballos que se amosan nesta Exposición teñen moito que ver con oficios e labores artesanais que aínda se realizan ou que se facían ata hai pouco tempo, sempre tendo en conta as variacións (nos materiais e no instrumental) producidas ó longo dos séculos, por causa dos imparables avances tecnolóxicos. Pero posiblemente non fora moi diferente a maneira en que os nosos devanceiros castrexos levantaban unha ola da que usaban ou aínda usan os oleiros de Gundivós, de Mondoñedo ou de Bonxe. E outro tanto poderíase dicir do forxado e martelado do ferro, da preparación e fiado do liño ou da lá, da colocación do colmo nas cubertas, ou da construcción dun muro de pizarra nunha construcción.

Ó cabo, trátase de chamar a atención sobre o feito de que, algúns dos traballos que se facían no Castro de Viladonga hai case dous mil anos, coa súa natural evolución, perviven aínda hoxe en labores artesanais característicos da cultura tradicional galega.



BIBLIOGRAFÍA

ADAM, J.-P. (1984): La construction romaine. Materiaux et techniques, (Éditions A. et J. Picard), París.

ALFARO GINER, C. (1977): El tejido en época romana, Cuadernos de Historia, 29, (Ed. Arco/Libros S.L.), Madrid.

ARIAS VILAS, F./ DURÁN FUENTES, MªC. (1996): Museo do Castro de Viladonga. Castro de Rei, Lugo, (Xunta de Galicia), Santiago de Compostela.

ARNAL, G.-B. (1988): "La fabrication des poteries prehistoriques", en Dossiers Histoire et Archeologie, nº 126, pp. 38-45.

CAAMAÑO SUÁREZ, M. (1997): "Arquitectura popular", en Galicia. Antropoloxía, XXIII, Arquitectura. Economía, (Hércules de Ediciones S.A.), A Coruña, pp. 27-191.

CUOMO DI CAPRIO, N. (1985): La ceramica in Archeologia. Antiche tecniche di lavorazione e moderni metodi d'indagine, (Ed. "L'Erma" di Bretschneider), Roma.

GARCÍA ALÉN, L. (1983): La alfarería de Galicia, T. I-II, (Ed. Atlántico), La Coruña.

GIL DE BERNABÉ Y LÓPEZ, J.M.- (1988): Galicia artesana, (Ed. Everest), León.

LEIRO LOIS, A./ DAPORTA, X.R./ OTERO S. (1993): As Telleiras (Cabaqueiros), (Ed. Ir Indo), Vigo.

LORENZO FERNÁNDEZ, X. (1979): "Etnografía: Cultura material", en R. Otero Pedrayo (Dirección), Historia de Galiza, Vol. II, (Akal Editor), Madrid,

MACAULAY, D. (1982): Nacimiento de una ciudad romana, 300 años a. de J.C., (Ed. Timun Mas), Barcelona.

MÉNDEZ GARCÍA, R.M./ SÁENZ-CHAS DÍAZ, M.B. (1993): A cestería, Cadernos Museo do Pobo Galego 7, Santiago de Compostela.

NICOLINI, G. (1993): "Les fils d'or plats ouvragés en Méditerranée occidentale du VIe au IVe siècle", en C. Eluére (Coord.), Outils et ateliers d'orfèvres des temps anciens, (Antiquités Nationales, Mémorie 2), Saint-Germain-en-Laye, pp. 29-34.

PÉREZ LOSADA, F. (1993): "Contribución ó estudio da cerámica de construcción na Galicia romana", en Galicia: da romanidade á xermanización. Problemas históricos e culturais. (Actas do encontro científico en homenaxe a Fermín Bouza Brey (1901-1973), (Ed. Museo do Pobo Galego), Santiago de Compostela, pp. 241-261.

PÉREZ OUTEIRIÑO, B. (1989): "Orfebrería castreña", en A.A.V.V: El oro en la España prerromana, (Vol. monográfico de Revista de Arqueología), pp. 90-107.

RAURET DALMAN, A.-M. (1976): La metalurgia del Bronce durante la Edad del Hierro, (Universidad de Barcelona), Publicaciones eventuales nº 25, Barcelona.

WOODY, E.-S. (1982): Cerámica a mano, Ed. Ceac, Barcelona.


Artigo de

Autor
Felipe Arias Vilas
Filomena Dorrego Martínez
Ana Mª Rubiero da Pena

Publicación original
Guía da Exposición:
Os traballos artesanais no Castro de Viladonga,
maio-setembro/ 2000

Versión electrónica
Enrique Jorge Montenegro Rúa
http://www.aaviladonga.es/e-castrexo/ga/mexpmano.htm