ARQUEOLOXÍA LUCENSE DESDE O AIRE
Felipe Arias Vilas
También en español

O MUSEO DO CASTRO DE VILADONGA ten entre os seus fins e obxectivos o de divulgar e difundir todo tipo de actividades e traballos relacionados coa investigación arqueolóxica, e un deles é o que se refire ás prospeccións de recoñecemento e identificación de xacementos.

Dentro deste apartado, un dos aspectos máis utilizados é o da fotografía aérea, como complemento doutros estudios e investigacións tanto de campo como de gabinete. Pero, ademais, a visión desde o aire dos diferentes tipos de sitios arqueolóxicos resulta particularmente interesante, vistosa e mesmo espectacular. Por esta razón, entendeuse que era de gran interese ofrecer a todo tipo de público unha Exposición selectiva de diversos xacementos arqueolóxicos da provincia de Lugo vistos desde o aire.

Loxicamente, non todos os xacementos se ven igual desde a altura dun avión ou dun helicóptero, e na propia Exposición explícanse as distintas características de cada sitio ou de cada bloque (cronolóxico-cultural) de sitios. Cómpre destacar, como exemplos ben demostrativos que abundan nesta escolma, a presencia tantas veces monumental da maioría dos castros ou ben das minas de época romana, mentres que outras veces, a visión desde o alto a penas permite localizar algunhas formas na paisaxe que se deben a accións do home sobre o medio xeográfico e natural ó longo dos séculos, deixando neste unhas pegadas que xa son, en moitas ocasións, verdadeiros restos arqueolóxicos.

Moitas das fotografías que se recollen nesta mostra pertencen ó arquivo gráfico do Museo do Castro de Viladonga, e todas as expostas débense e agradécense a diversas persoas e/ou entidades: ó voo “americano” de 1956-1957, a Juan Carballal, a José Latova (Ministerio de Cultura), a Luciano G.Alén e Xosé M.G.Vilasó, a José R.Pro, a Jesús Caínzos (SAGA) e, sobre todo, a membros da Sección de Arqueoloxía do Instituto de Estudios Galegos e a Gerardo Gil (ICONO).


Polo seu propio tamaño, a súa estructura exterior e a disposición no terreo, as MÁMOAS ou MEDORRAS (túmulos megalíticos galegos) non adoitan destacar nunha fotografía aérea, xa que a súa visión máis doada é a que se produce precisamente a rentes do chan sobre o que se ubican, xeralmente penichairo ou de pendente suave.

Aínda así, é factible ás veces recoñecer certas marcas ou puntos no terreo, como sucede coas medorras de Rozas no voo de 1956-1957, comunmente agrupados en conxuntos que son característicos deste tipo de cemeterios de hai máis de 3.500 anos. Neste sentido, as modernas técnicas de prospección mediante fotografģa aérea (sexa convencional, infravermella ou doutro tipo), teñen avanzado moito para localizar necrópoles megalíticas.

Noutras ocasións, o xacemento é perfectamente visible ó estar ó descuberto o dolmen ou cámara funeraria pétrea, como ocorre co situado no monte de Adai.


OS CASTROS

Os castros son os xacementos arqueolóxicos máis visibles e notorios na paisaxe galega, ata o punto que a identifican perfectamente ó tempo que son unha referencia histórica e patrimonial de enorme importancia en Galicia.

Se ben moitos asentamentos castrexos son tamén claramente perceptibles a nivel de superficie, a fotografía aérea ten servido arreo para identificar e localizar un bo número deles, como parecen querer demostrar os estudios de A.Bouhier. Ademais, algúns castros recollidos nesta Exposición ofrecen unha monumentalidade que os converte en mostras senlleiras do noso Patrimonio Cultural.

Por outra banda, así como a Cultura Castrexa coñece, dentro da sła homoxeneidade diferencial, diversas fases evolutivas e distintas variantes rexionais dentro do Noroeste, tamén os xacementos castrexos mostran unha gran variedade tipolóxica que queda reflectida na fotografģa aérea. Aínda que non é posible dispoñer de exemplos de castros costeiros, si abundan os asentamentos sobre grandes ou pequenos outeiros, ou ben en ladeira (xeralmente de tipo mineiro e galaico-romanos), ou de chaira (“agrícolas” para moitos autores), etc.

Sen embargo, son poucos os castros escavados total ou parcialmente na provincia de Lugo: Penarrubia, Fazouro, Barán, Torre de Sobredo, Vilar e sobre todo Viladonga (que merece consideración á parte), poden ser exemplos a citar aínda que cun grao de investigación e de conservación moi distinto en cada caso e por circunstancias tamén moi diversas.

En case todos os casos coñecidos, son de salientar os sistemas defensivos baseados en murallas e foxos, ás veces combinados con antecastros ou sucastros, e complementados por parapeitos de moi complexa disposición, pero que a fotografía aérea permite comprender máis doadamente.


O pequeno CASTRO DE PENARRUBIA (Lugo), que coñeceu unha breve escavación nos anos setenta, pasa por ser un dos asentamentos castrexos máis antigos de Galicia e correspondería ó grupo de primeiros “castriños” que inzan as súas raíces na Idade do Bronce xa en transición á do Ferro (s.VI a.C.).


Fronte ó cotón ou outeiro relativamente destacado de Penarrubia e non lonxe del, atópase o CASTRILLÓN DE ADAI (Lugo): é un anel circular, tan pequeno como perfecto, situado nunha lixeira encosta e cunha muralla térrea; tivo posiblemente un certo papel agrícola, cando non estratéxico para a ocupación do territorio en época galaico-romana, cunha moi probable relación coa cidade de Lucus Augusti.


CASTRO DE SAN COSME DA PENA (Sarria)

CASTRO DE BARÁN (Paradela)


CASTRO DE DISTRIZ (Monforte de Lemos): Un exemplo de castro que case se aprecia mellor desde a terra, onde destaca pola súa elevación sobre o terreo circundante, que desde o aire. Advírtase, non obstante, a súa sinxela traza defensiva, lixeiramente perdida por un dos seus lados.

CASTRO DE GUÍTARA (Pantón):Poden verse os seus diversos e impresionantes muros defensivos, articulados cos correspondentes foxos ou pasaxes interiores entre aqueles, ó que hai que unir a súa privilexiada situación entre as terras chairas e as ladeiras do val do Miño.


Unha das enormes posibilidades da fotografía aérea de xacementos arqueolóxicos é a súa utilización, cada vez máis frecuente e usando métodos tecnolóxicos avanzados e mesmo sofisticados coa utilización de satélites, para o levantamento de planimetrías daqueles.

Esto pódese apreciar moi ben en casos monumentais e complexos coma o do impresionante CASTROMAIOR (Portomarín), que permitiu a algún investigador francés, xa nos anos setenta, a elaboración dun Plano-esbozo onde se reconstrúen as súas defensas e o seu sistema viario (tanto antigo coma moderno, pois está á beira do Camiño Francés de Santiago), aínda que todo esto está hoxe lixeiramente alterado pola acción do home.


CASTRO DE GONDAISQUE (Vilalba): Asentamento de chaira, que ten unha fonte no centro da súa coroa interior e que está situado ó lado dunha posible vila ou casal galaico-romano.

CASTRO DE MORGADE (Carballedo): Destaca sobranceiro sobre a paisaxe, nos límites entre as provincias de Lugo e Ourense, e o seu nome ven do tardorromano ou xermánico Mauregatus.


O chamado “voo americano” realizado nos anos 1956 e 1957 ofrece moitas e diferentes visións de xacementos arqueolóxicos, particularmente de castros. A súa utilidade é hoxendía moi grande porque as fotografías se refiren a unha época anterior ós numerosos cambios producidos nas vías de comunicación, na vexetación, no poboamento e, en fin, na paisaxe galega. Por eso é moi útil a súa comparación con tomas máis recentes dos mesmos xacementos (cando aínda quedan estes).

Uns exemplos de xacementos ben representados naquel voo de 1956-57 témolos no CASTRO DE RUBIÁS (Lugo) e no cercano CASTRO DAS GÁNDARAS DE PIÑEIRO (Lugo), que destaca pola súa sinxela pero case perfecta traza arredondada.


As fotografías dos anos cincuenta móstrannos tres asentamentos castrexos de diferente grandor e configuración topográfica.

O CASTRO DE DUARRÍA (Castro de Rei) é un croa circular perfecta dentro da muralla e foxo que a circunda; achados casuais como uns aúreos de época xulio-claudia (s. I d.C.), e outros datos do seu contorno permiten falar del como un asentamento habitado xa na etapa galaico-romana.

A chamada CROA DE GOBERNO (Castro de Rei) ocupa en cambio o curuto dun elevado outeiro sobre o Val de Francos e ten unha disposición máis irregular e presenta un sistema defensivo algo máis complexo. Hai que sinalar a súa proximidade e máis que posible relación co Castro de Viladonga.

O CASTRO DE TORNEIROS (Pol), situado nun planalto relativamente chairo, xa non se pode ver hoxe coma o mostra a fotografía de hai corenta anos, pois parte del coñeceu derramamentos e agresións máis recentes. A súa vista aérea permite observar a súa característica conformación castrexa: unha croa interior rodeada de murallas.


A RODELA DE VALMONTE (Castro de Rei)

O CASTRO DE ANDIÓN (Pol) xa fora citado hai décadas por Amor Meilán e outros eruditos que o alcumaron, sen razóns de peso, como “campamento romano”. En realidade, trátase dun castro de chaira, cunha muralla de lados rectos e ángulos curvos (algo derramada por un lado), que posiblemente estivo relacionado co Castro de Viladonga desde o punto de vista cronolóxico-cultural.

Pode apreciarse que, nos corenta anos trasncorridos entre as dúas fotografías aéreas, o xacemento de Andión a penas sufriu variacións na súa topografía, pesia a que coñeceu unha continuada utilización agrícola.


CASTRO DE FORMIGUEIROS (Samos): Situado nos lindes de Samos, Sarria e O Incio e veciño da extensa necrópole megalítica do Monte de Sta. Mariña, este castro é un dos máis monumentais que se coñecen na provincia, sobre todo polo seu amplo e complexo sistema defensivo, que se advirte perfectamente na fotografía. Similares pero de menor entidade son as murallas do veciño CASTRO DA MARGARITA (Samos).


O CASTRO DE PRÓGALO (Lugo): debe o seu nome a un Proculus latino, e debeu ter unha intensa relación co Lugo romano. O seu anel de muralla térrea, de pouco grandor, e a súa ubicación fan pensar nun castriño de uso agrario ou, quizais, nun punto estratéxico de control, xa en época galaico-romana, da vía que ía de Lucus Augusti a Iria Flavia.

En cambio, o CASTRO DE CORVAZAL poido ter, polo menos na súa última etapa de ocupación, unha certa relación co monumento tardorromano de Santa Eulalia de Bóveda do que está moi cercano. De configuración abondo clara se o vemos dese terra, a súa visión desde o aire ven marcada pola vexetación arbórea que ocupa as súas murallas.


O MUNDO GALAICO-ROMANO

Despois da conquista romana do Noroeste, producíronse uns cambios fundamentais no poboamento, na economía, na sociedade e mesmo na ideoloxía dos pobos castrexos, pero estes, aínda mudando e evolucionando notablemente, non desapareceron. A arqueoloxía comproba a miúdo a pervivencia de moitos castros como lugares de habitación, se ben agora só como un dos tipos de hábitat rural, mentres outra parte da poboación (presuntamente a máis “romanizada”) vivía en cidades e pequenas vilas, ou cerca dos campamentos militares, ou nas villae ou grandes mansións rurais ou costeiras, xeralmente tardías.

Polo tanto, a arqueoloxía desde o aire seguirá mostrando castros, con certas particularidades a destacar: persistencia de sistemas defensivos pero xa con máis valor simbólico e de prestixio que como previsión de accións bélicas, aparición dun proto-urbanismo, ocupación de sitios antes non usados (coma o caso dos numerosos castros que acompañan ás monumentais minas de ouro romanas), relación coas novas e mellores vías de comunicación, etc.

Todo esto tamén está presente en fotografías aéreas realizadas desde 1956 ata agora: castros romanizados e tardíos como Viladonga, de zona mineira coma os do Caurel, as pontes e calzadas viarias, as propias explotacións auríferas primarias (de montaña) e secundarias (de aluvións fluviais), etc., son exemplos todos eles que se ofrecen neste apartado, aínda que outro tipo de xacementos son moito menos visibles e identificables desde o aire, como sucede coas mansións ou casais rurais a penas entrevistos a non ser que estean escavados, o que non é o caso lucense.


A LUCUS AUGUSTI (Lugo) romana quedou plasmada na topografía sobre todo pola muralla de fins do século III d.C., a reservas do que novos estudios poidan ir aportando sobre o reflexo de cidade romana na trama urbana medieval e moderna.

En calquera caso, dúas visions aéreas de LUGO separadas por corenta anos deixan ver ás claras que, pesia á evidente evolución urbanística sufrida, o recinto amurallado segue marcando a realidade física da cidade (a maiores doutros aspectos que transcenden tamén ós seus habitantes), como sucede noutros lugares do mundo pero coa particularidade de que aquí se conserva íntegro o trazado romano, coas reformas e refeitíos que recolle a documentación arqueolóxica e escrita.


"CODOS" DE BELESAR (O Saviñao): O río Miño separa os concellos de Chantada e O Saviñao en Belesar, onde houbo unha ponte romana e onde apareceu unha ara ós Lares Viales. Hoxe consérvase, mal que ben, a vía que subía facendo ziguezagues desde a ponte ata o Castro da Portela

PONTE BIBEI Y "CODOS" DE LAROUCO (Quiroga - Trives): Para cruzar o río Bibei, que aquí deslinda as provincias de Lugo e Ourense, os romanos fixeron a chamada hoxe PONTE BIBEI, impresionante mostra de enxeñería todavía usada como estrada actual. Polo lado lucense trepa un camiño que moitos consideran sucesor da Vía XVIII que ía de Braga a Astorga.


Dúas perspectivas aéreas do CASTRO DE VILAR (O Caurel) déixannos ver a súa singular e impoñente situación nun esporón afiado e debruzado sobre un meandro do río Lor. Gañando terreo á pendente por medio de muros aterrazados onde se ubicaron as construccións que aínda asoman á vista, Vilar é un exemplo senlleiro de castro vencellado ás explotacións mineiras auríferas de toda a banda oriental lucense.

Tamén da TORRE DO CASTRO DE SOBREDO dispoñemos de dúas visións separadas por algúns anos. A vista de lonxe permite ver a súa ubicación na serra, mentres a máis cercana ofrece en primeiro plano o corte do impresionante foxo artificial e as construccións escavadas ata agora.


Un dos sitios da Galicia romana que máis cedo e con maior frecuencia se poido ver en fotografía aérea é o conxunto das explotacións mineiras primarias da MINA DA TOCA e da MINA DO TORUBIO (O Caurel), situadas unha fronte a outra para aproveitar a aliñación das veas de cuarzo aurífero.

Na Mina da Toca, que é un verdadeiro bocado ó monte tal como mostra a vista desde o aire, aínda se poden ver as canles de acometida de auga para derrubar as galerías abertas na rocha, segundo o esquema que coñecemos ben pola descrición de Plinio o Vello e que se esquematiza no deseño aquí exposto. Non se advirten en cambio desde o alto os túneles que cruzaban o monte levando a auga desde Romeor ata a explotación do Torubio.


Outro tipo de explotación mineira romana é a que se produce sobre aluvións cuaternarios de ríos auríferos. Aínda que adoitan ser menos monumentais e visibles, as beiras do Sil ofrecen tamén exemplos senlleiros coma o tunel de Montefurado, ó lado doutros conxuntos como o de AUGASMESTAS - RAIROS (Quiroga), coa presencia tamén neste caso dun castro que logo foi “cristianizado” coa construcción da igrexa. Pode apreciarse o estado actual do sitio, moi derramado por diferentes obras de infraestructura e de lecer.

PENADOMINGA (Quiroga) é un enclave de certa configuración castrexa pero cun carácter moi específico e singular: cortado na ladeira da serra, debeu ser un sitio estratéxico vinculado coa minería romana do ouro e, máis adiante, cos primeiros asentamentos xermánicos, tal como se deduce dos numerosos e significativos materiais achados no lugar.


Pola zona de Pol, existen diversos restos arqueolóxicos castrexos e galaico-romanos, moitos deles relacionados co Castro de Viladonga. Nalgún lugar, a fotografía aérea revela sitios con indubidables pegadas de accións humanas que tanto poden pertencer a vilas ou casais de época romana (como a coñecida de Doncide) ou a asentamentos medievais ou máis modernos.

Se hai un xacemento amplo e complexo, fundamental para coñecer mellor o poboamento galaico-romano do ámbito rural do convento xurídico lucense, ese é o de CASTILLÓS (Pantón). Dividido entre as parroquias de Santiago e S.Vicente de Castillón e ocupando un extenso planalto sobre o val do Cabe, este sitio agarda unha escavación e un estudio máis demorado, pero a fotografía aérea pode abondar para facernos unha idea do espacio ocupado por este xacemento, incluíndo algunhas marcas no terreo.


A ÉPOCA MEDIEVAL E  MODERNA

A arqueoloxía non é unha disciplina científica (ou, para outros, unha técnica ou un método) que sexa de utilización exclusiva para as etapas máis antigas da Humanidade. Hoxe está a potenciarse o seu uso para épocas posteriores, desde o mundo medieval ó moderno, e ten asimesmo un gran auxe a chamada arqueoloxía industrial, da que a provincia lucense ten abundantes mostras aínda que non poidan estar aquí representadas.

Desde o aire, hai unha serie de xacementos medievais, modernos ou de época indeterminada que se deixan ver con claridade. É, sobre todo, o caso dos castelos, torres ou fortalezas, máis ou menos enteiras ou arruinadas e, xeralmente, reutilizando vellos enclaves castrexos, coma os exemplos senlleiros de Carbedo ou Caldaloba, pero tamén se poden descubrir desde o aire novos xacementos medievais (como se fixo coa Villa Bidualdi da zona coruñesa de Sobrado).

Noutras ocasións é factible advertir diversas marcas ou sinais no terreo, de tipo e extensión moi variable, que comproban as accións do home sobre o territorio, se ben o coñecemento ten sempre que completarse con traballos de campo (prospeccións e/ou escavacións) e con outra documentación (escrita, de tradición oral, etc.).


CASTELO DE TORRE NOVAES (Quiroga): Situado á beira do Sil, cerca de antigas minas auríferas romanas, controlaba o paso natural ligado a este río, dominando a aldea coma hoxe.

CASTELO DE CARBEDO (O Caurel): Esta impresionante fortaleza do alto val do Lor reutilizou probablemente un asentamento castrexo de época galaico-romana. Moi cerca do lugar, no veciño Monte Cido, apareceu unha tessera hospitalis (placa de bronce contendo un pacto de hospitalidade) do ano 28 d.C.


A PENA (?) (Cospeito)

TORRE DE CALDALOBA (Cospeito): A fotografía aérea ofrece unha visión orixinal da impoñente torre de homenaxe que nuclea a antiga fortaleza do linaxe dos Pardo de Cela, convertida en símbolo e memoria dun momento moi determinado e singular da historia galega.


Polas terras de QUIROGA, unha fotografía aérea mostra o hábitat rural característico das zonas abertas e chairas desta comarca. Cómpre notar os restos dun pequeno cercado para un uso que descoñecemos, pero que nos revela a utilidade deste método de prospección para documentar determinados restos materiais no terreo.

Pola zona de MONTE LABIO (Lugo), véxase como a fotografía de 1956-57 revela a existencia dun gran círculo de orixe e finalidade descoñecida; quizais couto agrario ou gandeiro de época indeterminada, só unha esculca demorada na documentación pertinente podería explicar o que nos apunta a visión, con “ollos arqueolóxicos”, desde o aire.


VILADONGA E OS CASTROS DO SEU CONTORNO

As fotografías aéreas de 1956-57 ofrecen unha visión e xa irrepetible do CASTRO DE VILADONGA e doutros asentamentos do seu contorno, nos concellos de Castro de Rei e Pol. Mesmo é posible que aquel xacemento xogase un certo papel de “lugar central” na súa ampla comarca, polo menos na época galaico-romana tardía (entre os s.III e V d.C.).

1) Pódense ver Viladonga e, sinalados na fotografģa, a Croa de Goberno e a Rodela de Valmonte, moi distintos en canto á súa ubicación, extensión e configuración topográfica.

2) Noutra vista aérea, apréciase que Viladonga queda moi entre o Castro de andión, que mereee un comentario á parte, e a citada Rodela de Valmonte.

3) Este ultimo castriño semella ter unha estreita relación co grande de Viladonga, dada a súa proximidade, se ben aínda non dispoñemos de estudios suficientes que permitan asegurar que son coetáneos, pois é probable que A Rodela sexa de ocupación anterior á época tardorromana que coñecemos ben para o xacemento principal.


A fins do ano 1972, o CASTRO DE VILADONGA ofrecíase desta maneira a un fotógrafo afeccionado lucense: as escavacións que iniciara Manuel Chamoso Lamas en 1971 deixaban xa á vista unha parte das numerosas construccións da croa interior, pero aínda predominaban no contorno do xacemento os usos agrícolas e de monte, antes da construcción dos accesos e do primeiro edificio do Museo.

En 1983, despois de proceder á limpeza e rozado das escavacións dos anos setenta, iniciábase a segunda fase dos traballos arqueolóxicos no Castro de Viladonga. Antes de reemprender as escavacións, o sitio ofrecía o aspecto que mostra a fotografía, destacando nel os muros testemuños de terra que deixara o primeiro escavador e que cruzaban a croa de Norte a Sur.


Entre 1984 e 1990 realízaronse varias tomas fotográficas aéreas do Castro de Viladonga, desde diferentes perspectivas e por distintos autores.

Nalgunha delas pódese ver a monumentalidade do xacemento dentro do seu contorno e, tamén, os castriños que ten máis cercanos: o Castrelo de Viladonga, especie de bastión defensivo seguramente complementario do Castro principal, e a veciña Rodela de Valmonte.

Outra visión ofrece un detalle da área escavada na zona Norte da croa, cunha suxestiva luz de solpor que ven resaltar o perfil e a altura conservada dos restos das construccións, entre elas a chamada “casa grande”, de uso probablemente comunal ou social.


As últimas visións aéreas do CASTRO DE VILADONGA xa ofrecen ó seu carón o edificio do Museo monográfico (xa reformado e ampliado desde 1994), ó tempo que deixan ver todas as áreas escavadas ata o momento presente.

O caracter monumental deste conxunto, arqueolóxico e museístico, de Viladonga queda de relevo nas tomas fotográficas, nas que se poden advertir as diferentes partes do Castro e as zonas que aínda quedan por escavar.

O plano actualizado do xacemento complementa a información obtida tamén por medio da fotografía áerea que, en todo caso, resalta o valor histórico-arqueolóxico e patrimonial (ó cabo, sociocultural) do Castro de Viladonga e do seu Museo.


Artigo de

Autor
Felipe Arias Vilas

Publicación orixinal
Arquivo Histórico Provincial de Lugo
Sala de exposicións: do 18/maio o 18/xuño (1999)

Versión electrónica
Enrique Jorge Montenegro Rúa
http://www.aaviladonga.es/e-castrexo/ga/mexpaire.htm