Uso de cookies

Esta web utiliza "cookies" propias y de terceros para ofrecerle una mejor experiencia y servicio. Al navegar o utilizar nuestros servicios, aceptas el uso que hacemos de las "cookies". Sin embargo, puedes cambiar la configuración de "cookies" en cualquier momento. Accesibilidad.

O CASTRO

[pasa el ratón sobre los textos en mayúsculas coloreados]

Escavacións 2003-2010

Aínda que os labores de limpeza e consolidación puntual foron e son permanentes e habituais, ata 2003 non se volveron facer escavacións arqueolóxicas no Castro, de novo na entrada á croa e no antecastro oeste para ampliar a información sobre estas zonas. Estes traballos executounos a empresa AXA Arqueoloxía e foron dirixidos por Emilio Ramil González, co control e supervisión de F. Arias como director do Museo, e permitiron definir o camiño leste de entrada principal á croa, coa exhumación do paramento interior da muralla e os seus bancos de cimentación, e dos seus bastións ou muros de protección laterais. No antecastro ampliáronse os traballos feitos en anos anteriores onde apareceu unha estrutura alongada con furados identificados como silos de cereal e outra cunha área con restos de carbóns. Tamén apareceu unha curiosa estrutura de funcionalidade indeterminada ata agora, con dous estreitos vans e no seu interior a eixo con estes, dous grandes bloques de seixo branco ben asentados in situ. Ó igual que noutras campañas, fixéronse labores puntuais de consolidación na muralla e habitacións da croa e a limpeza de todo o sitio arqueolóxico, traballos estes que proseguiron nos anos 2004 e 2005 nos que non se levaron a cabo escavacións.


Nas campañas dos anos seguintes, 2006 a 2009, continuáronse os traballos (a cargo da empresa AXA Arqueoloxía e dirixidos por Emilio Ramil e Víctor Tomás Botella) nas dúas zonas referidas, polo seu gran interese arqueolóxico e patrimonial: na entrada principal, no barrio leste da croa e, en menor medida, no antecastro oeste. Neste último completouse o coñecemento sobre algúns aspectos particulares das construcións exhumadas en anos anteriores. No sector do acceso leste ó Castro foi posible completar e documentar un corredor arquitectónico monumental, recuperándose, en forma de rozas verticais nos paramentos da muralla, as pegadas da porta que pechaba o paso ó interior do recinto, así como unha estrutura que deu un interesante conxunto de materiais como restos dun colgante en ouro, un alfinete en bronce e moitas moedas de bronce tardorromanas.


En 2006 desenvolveuse o primeiro campo de traballo coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, no que participaron en dúas quendas 46 persoas novas de varias Comunidades Autónomas.


En 2007, no sector da croa definiuse a continuación do camiño de acceso dende a muralla e completouse a primeira vivenda exhumada na campaña anterior, onde apareceran diversos materiais coma bronces, vidros e numerosas moedas, a maioría delas folles e semisses do s. IV d.C. Na entrada á croa definiuse o acceso dende a cota orixinal, a partir do primeiro foxo, para acceder sobre o empedrado orixinal entre os grandes paramentos da muralla. Nestes apareceron unhas segundas rozas verticais e no centro do camiño á altura destas atopouse unha pedra circular de granito cun rebaixe lonxitudinal, pertencente ó sistema de peche desta primeira porta. Nesta campaña tamén se contou coa colaboración dun campo de traballo internacional no que participaron mozos e mozas de diferentes Comunidades españolas e doutros países.


Coma en anos anteriores fíxose unha consolidación e limpeza e elaborouse unha planimetría renovada do Castro, con coordenadas UTM e recollendo os resultados das escavacións dos últimos anos, así como un primeiro levantamento infográfico do conxunto.


No ano 2008 continuaron os traballos dende o primeiro foxo ata a croa, así como na parte interior do recinto a ambos lados da entrada, polas roldas leste e sur. Nesta completouse a exhumación do lousado orixinal do camiño que está flanqueado á esquerda por un novo barrio, escavándose unha nova estrutura de habitación. No interior das construcións aparece un interesante conxunto de materiais coma cerámica castrexa, cerámica común, terra sigillata, de paredes finas e de engobe ou verniz arrubiado, vidros, contas de colar, ferros e bronces, ademais do “tesouriño” ou depósito acubillado de moedas tardías.


No mesmo ano e por primeira vez realizouse, baixo a dirección do restaurador Gonzalo Buceta Bruneti da empresa BIC Materiais y Conservación, unha consolidación a fondo de varias estruturas pertencentes a un dos barrios centrais da croa descubertos por Chamoso Lamas nos anos setenta. Os traballos consistiron na diagnose e documentación gráfica, na colocación de tubos para a consolidación con silicatos, a protección ou reconstrución estrutural mediante asentamento, diferenciándoa con pedriñas de cuarzo branco do propio sitio (o que se vén facendo desde 1983) e cunha protección de lousas adaptadas ó muro e sempre con carácter reversible. Nas reconstrucións estruturais empregáronse varios tons de argamasa, segundo os diversos tipos utilizados orixinariamente.


En 2009 fixéronse (a cargo de AXA Arqueoloxía coa dirección técnica de E. Ramil) traballos de escavación arqueolóxica puntual nas traseiras das construcións aparecidas entre 2006 e 2008 (zonas AC-29 e AC-30), en parte para acabar de definir a súa estrutura e disposición e en parte porque tales muros estaban moi desfeitos por terse producido sobre eles o derrubo da muralla sur do castro e ameazaban a súa ruína total. Nesta escavación descubriuse un pavimento de barro pisado de boa calidade, anterior á feitura da gabia da cimentación daqueles muros e sobre o que caera posteriormente a estrutura ou paramento interior da muralla principal. Esta zona haberá de seguir sendo escavada e investigada en anos sucesivos para definir a existencia dun corredor a xeito de intervallum entre a muralla e as construcións lindeiras, como sucede no lado norte.


Feita a escavación, no mesmo ano 2009, por parte da empresa de restauración BIC procedeuse a unha demorada consolidación dos muros caídos, desmontándoos na medida precisa e repoñéndoos segundo o sistema habitual seguido nos últimos anos neste asentamento, é dicir, usando maiormente a mesma pedra do derrubo e aglutinándoa cunha argamasa arxilosa similar á orixinal, marcando con pedriñas de cuarzo a separación entre a parte orixinal e a restaurada, para logo cubrir a cabeza dos muros con lousas que os protexan das inclemencias meteorolóxicas e das posibles agresións e incidencias producidas polas continuas visitas ao castro. Remátase a consolidación coa colocación de terróns de herba cortados ad hoc para unha mellor integración patrimonial e mesmo ecolóxica de toda a intervención.


A campaña do ano 2010 centrouse exclusivamente nos traballos de consolidación, a cargo da mesma empresa BIC, coa dirección do restaurador Gonzalo Buceta e o pertinente control arqueolóxico (no que participan sempre os servizos técnicos do propio Museo), ademais da habitual limpeza e rozado das áreas escavadas e visitables.


Traballouse fundamentalmente en cinco espazos da croa do castro, tanto na entrada principal como en catro barrios ou conxuntos construídos no centro e no norte desta acrópole interior. A elección destas zonas estaba baseada na existencia de graves alteracións da pedra e de derrubes ás veces considerables por mor da meteorización do material e/ou do empuxe de terras e pedras ao mesmo ou a distinto nivel. En todos estes espazos seguiuse o sistema de consolidación xa anteriormente descrito, pero é importante sinalar ademais que estes traballos permitiron coñecer mellor a disposición dalgúns muros de construcións apegadas, así como definir espazos complementarios ou mesmo pequenas estruturas ata agora non ben determinadas.


Copyright © 2010 | Castro de Viladonga. Todos os dereitos reservados

Logo Castro