Uso de cookies

Esta web utiliza "cookies" propias y de terceros para ofrecerle una mejor experiencia y servicio. Al navegar o utilizar nuestros servicios, aceptas el uso que hacemos de las "cookies". Sin embargo, puedes cambiar la configuración de "cookies" en cualquier momento. Accesibilidad.

O CASTRO

[pasa el ratón sobre los textos en mayúsculas coloreados]

 

Dende o ano 1982, os traballos arqueolóxicos (e pouco máis tarde tamén os museísticos) no Castro de Viladonga diríxeos Felipe Arias Vilas.


En primeiro lugar, naquel ano procedeuse a unha limpeza e rozado xeral da vexetación e maleza na croa e na muralla principal do Castro, onde se conservaban os muros testemuños de terra que Chamoso fora deixando nas súas campañas. Consolidáronse os muros das construcións da croa, repoñendo as pedras caídas e cubríndoas logo con terróns de herba para fixar ben as súas fiadas superiores. Neste ano 1982 fíxose tamén unha revisión e clasificación global dos materiais procedentes das escavacións dos anos setenta.


No ano 1983 escaváronse aqueles muros testemuños de terra, ampliándose a área escavada nalgunhas zonas e afondando noutras ata chegar ó solo natural para esgotar os niveis arqueoloxicamente fértiles. Isto permitiu aclarar moitos aspectos da ordenación interior do Castro (deixando ver as “rúas” ou zonas de paso), así como das características das súas construcións, algo que ademais quedaría realzado coa nova limpeza e consolidación das áreas que o precisaban. Seguiron producíndose moitos e moi diversos achados, en xeral similares ós de anos anteriores.


En 1984 escavouse o ángulo NL do recinto intramuros ou croa, ata chegar ó solo ou rocha natural, o que permitiu descubrir varios pisos sucesivos nalgunhas vivendas, aínda que correspondentes ó mesmo nivel e momento cultural galaico-romano. Ademais dos traballos de limpeza e rozado do xacemento, iniciáronse os traballos de prospección arqueolóxica na comarca circundante e renovouse todo o levantamento topográfico do sitio.


Por mor da concentración de esforzos e recursos na instalación e posta en marcha do Museo, ata 1988 (con continuidade en 1989) non se retomaron as escavacións, que ofreceron novos aspectos e importantes informacións. Fíxose un corte transversal nas murallas e foxos do lado leste, para definir a continuidade do asentamento e a disposición e estrutura daquel sistema defensivo. Comprobouse a gran variabilidade do conxunto das defensas do Castro nesta área oriental e documentouse a existencia de, polo menos, dous niveis sucesivos, moi seguidos e anteriores (pero probablemente en pouco tempo) á construción do sistema defensivo conservado ata hoxe. É moi probable que o máis antigo destes niveis se poida poñer en relación coa ocupación de época prerromana localizada posteriormente no ángulo NL da croa.


O material aparecido foi moi semellante en case toda a área e niveis escavados neste corte transversal (cerámica de tradición castrexa –algunha bastante ruín-, bronces e escouras de ferro, anacos de pallabarro con improntas...), agás na parte correspondente ó interior da croa, onde existía material claramente galaico-romano como tégulas e fíbulas en omega. Esta certa diferenciación de material pode deberse tanto a momentos distintos na ocupación de toda esta área, como (e probablemente) a unha matización cualitativa e/ou específica dos seus ocupantes.


No ano 1990 fíxose unha escavación previa ás obras de ampliación do edificio do Museo, nunha terraza do Castro polo seu lado SL. Non se documentou ningún tipo de estruturas, pero si apareceron sinais de dous camiños antigos e case paralelos, sendo sen dúbida o máis profundo deles de época galaico-romana. O material aparecido foi máis ben escaso, sobre todo tendo en conta a gran cantidade de terra removida, pero algún achado foi singular e significativo (como unha conteira de vaíña de puñal en bronce). Esta zona foi utilizada moi probablemente de acceso e de “expansión” (de uso agrícola e/ou gandeiro) na época de ocupación principal do Castro (s. III-V), e con posterioridade foi sucesivamente reenchida e achaiada para outros labores agrícolas.


En 1992 levouse a cabo a escavación dos muros testemuños deixados na campaña de 1984 no ángulo NL da croa, o que permitiu comprobar, no lado norte e case pegado á muralla, a existencia dun nivel de ocupación claramente anterior ó hábitat e ás defensas principais (de época tardía) do Castro. Documentouse incluso a presenza de restos de muros e dalgunha lareira por baixo dos que hoxe son visibles na croa, acompañados por algunhas mostras de cerámica castrexa moi esnaquizada e anacos ou pezas de bronce, ás veces informes e en mal estado de conservación.


Ampliouse tamén neste ano 1992 unha cata realizada por Chamoso nos anos setenta no antecastro do lado oeste, e nela descubriuse a existencia de dúas estruturas ou grandes muros que flanquean un camiño de acceso á croa por esta parte. O material recollido foi moi abundante: elementos construtivos como tégulas e ímbrices, numerosas cabezas de cravos ou chatolas, cerámica común romana e terra sigillata, algunha peza de bronce, etc. Como vén sendo habitual, fíxose tamén unha limpeza e rozado xeral do Castro e unha reposición e consolidación das estruturas que o precisaban.


No ano 1996 é cando a execución dos traballos arqueolóxicos se acomete por primeira vez con persoal técnico alleo ó Museo, algo que se faría de xeito habitual desde entón ata agora. Os arqueólogos de Terra-Arqueos S.L., Luís López e Yolanda Álvarez, coa supervisión da dirección do Museo (algo que tamén se fixo habitual) foron os encargados de levalos a cabo e centráronse en dous sectores: por un lado, na ampliación da área escavada no antecastro oeste no ano 1992, e por outro, na continuación dos traballos da croa, no seu ángulo SO (fronte á entrada principal), así como nos pertinentes labores de consolidación e limpeza.


O descubrimento máis significativo desta campaña foi comprobar a utilización do antecastro, polo menos parcialmente, como zona de habitación, coa localización, ademais, dun silo agrícola circular delimitado por un círculo de pedras, revestido de arxila no seu interior e coa presenza dalgunhas sementes de cereais, así como a aparición de pezas de cerámica, ferro e bronce.


No sector da croa constatouse a existencia de dúas rúas que parten desde a entrada ó recinto e en torno ás que se articulan as construcións. Exhumouse, só a nivel da súa cimentación, unha construción completa de pequeno tamaño pero cun pórtico dianteiro. Os materiais máis abundantes foron os cerámicos, castrexos e galaico-romanos, ademais dalgúns útiles de pedra e de metal.


Copyright © 2010 | Castro de Viladonga. Todos os dereitos reservados

Logo Castro