Uso de cookies

Esta web utiliza "cookies" propias y de terceros para ofrecerle una mejor experiencia y servicio. Al navegar o utilizar nuestros servicios, aceptas el uso que hacemos de las "cookies". Sin embargo, puedes cambiar la configuración de "cookies" en cualquier momento. Accesibilidad.

ACTIVIDADES

O Museo do Castro de Viladonga elabora periódicamente exposicións temporais sobre temas relacionados co ámbito do Museo e do seu xacemento anexo, ou sobre cuestións relativas ó Patrimonio Cultural, maiormente de Lugo e da súa Terra Chá.

En xeral, estas exposicións concíbense como itinerantes, é dicir, non son excesivamente grandes nin custosas de trasladar e instalar, e polo tanto ofrécense a outros museos, institucións, centros de ensino, asociacións ou entidades culturais e/ou científicas, etc., que só teñen que encargarse do transporte (e da póliza do seguro se a exposición conleva o traslado de pezas ou bens culturais), desde o sitio onde estea a exposición (Viladonga ou calquera outro) ata o lugar onde se quere instalar.


Exposicións actuais

A MOEDA ROMANA COMO DOCUMENTO. A colección numismática do Museo do Castro de Viladonga


Con abundante información escrita e gráfica, explícase en seis paneis a orixe da moeda, o seu proceso de fabricación e as distintas partes que a compoñen. Resúmense, ademais, os diferentes tipos de moedas e as etapas históricas representadas na colección numismática do Museo do Castro de Viladonga, desde o século I a.C. ata fins do IV d.C., abundando sobre todo as cuñaxes da época máis tardía do Imperio romano.
A exposición complétase cun gran panel ilustrativo do encadre cronolóxico da devandita colección de moedas deste Castro.

Outras exposicións dispoñibles

ARQUEOLOXÍA, LEXISLACIÓN E SOCIEDADE. O achado de dous torques en Vilar do Monte (Sarria)

Producida polo Museo do Castro de Viladonga en 2005 con motivo da exposición ó público do achado de dous torques que atópanse depositados neste museo.

A CONSERVACIÓN E RESTAURACIÓN DO CASTRO DE VILADONGA

Exponse en seis paneis enrolables os factores de alteración que interveñen na deterioración das estruturas construídas do Castro de Viladonga e os procesos de conservación e restauración levados a cabo para contrarrestalos.

 

NOITE DOS MUSEOS. CASTRO DE VILADONGA

Exposición temporal composta por nove paneis que conteñen información gráfica das oito edicións da Noite dos Museos celebradas no Museo do Castro de Viladonga (2005 a 2012).

 

CASTROS LUCENSES: investigación e posta en valor

Consta de 14 paneis de 85 cm de anchura e 210 cm de altura, enrolables, autoportantes e facilmente transportables que presentan unha escolma, non exhaustiva pero si representativa,  de castros da provincia de Lugo nos que que se levaron a cabo, aproximadamente nos últimos dez anos, actuacións de limpeza, adecuación de accesos e sinalización, levantamento topográfico, prospeccións ou escavacións, consolidacións e, en fin, labores de investigación científica e de posta en valor patrimonial. Os xacementos preséntanse nesta mostra cunha breve información escrita e unha boa mostra gráfica -con boas fotografías aéreas-, e corresponden a distintos tipos de castros, tanto en canto á variedade de localización (desde a costa á montaña pasando polas chairas e vales do interior) como, así mesmo, ao amplo abano de cronoloxías (desde sitios de cronoloxía prerromana ata asentamentos de plena época galaico-romana –a maior parte deles-).

Copyright © 2010 | Castro de Viladonga. Todos os dereitos reservados

Logo Castro